O confronto entre o avogado Gonzalo Boye e a xuíza María Tardón chegou ao Tribunal Constitucional. O avogado, responsábel da defensa de Carles Puigdemont e dos políticos exiliados, presentou un recurso de amparo no TC e reclama medidas cautelares urxentes ante o acceso masivo e indiscriminado ás súas comunicacións, en consecuencia do caso por lavaxe de capitais polo cal o investiga Tardón. Denuncia que a entrada nos seus correos electrónicos e na información do seu móbel violou tanto a reserva nas comunicacións cos seus clientes, como con xornalistas españois e estranxeiros e activistas dos dereitos humanos, implicados en casos abertos ante diferentes tribunais internacionais.

 

Gonzalo Boye Advocat - Sergi Alcazar

O avogado argumenta que se infrinxiu o dereito á tutela xudicial efectiva e o dereito a un proceso coas debidas garantías en relación co dereito de defensa e, finalmente, o dereito á liberdade persoal.

Mails e teléfono
A denuncia parte da inspección levada a cabo no despacho de Boye, o 21 de outubro do 2019, cando foi copiado todo o seu correo electrónico profesional e vaciada toda a información do seu teléfono móbil. Todo iso contiña datos de multitude de clientes, “as conversas, mensaxes e documentación amparadas polo segredo profesional”.

Con isto a xuíza abriu peza reservada o 30 de outubro do 2019, mais no pasado mes de decembro foi levantado ese carácter reservado. Boye recorreu contra o levantamento, mais o recurso foi recusado co argumento de teren sido identificadas as comunicacións relevantes para ao caso e excluído o resto.

A defensa do avogado denuncia que a xuíza, para extrair esta información que considera relevante, “accedeu, leu, estudou e analisou as comunicacións entre avogado/cliente e avogado/avogado de numerosas causas penais, moitas delas sub iudice, coas vulneracións que iso comporta, todo iso sen prexuízo de tamén outras persoas, funcionarios policiais e do xulgado teren tido acceso a todo o contido dos correos e do móbil”.

Dereitos humanos
O escrito reprocha que, ao entrar de maneira indiscriminada nesta información, se accedeu a comunicacións moi anteriores aos feitos investigados e que afectan o traballo de Boye con ONGs, defensores de dereitos humanos, xornalistas e persoas que defende en España e no estranxeiro. Neste punto cita casos do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, do Tribunal Xeral da UE e do Tribunal de Xustiza da UE, así como ante a Comisión Africana e a Corte Interamericana dos Dereitos Humanos. Tamén se refire de maneira específica aos datos que afectan Puigdemont e os consellers Toni Comín Clara Ponsatí, aos que a xuíza accedeu de maneira “masiva e indiscriminada”.

Aliás, “ao acceder ilimitadamente ao seu teléfono móbel e ao correo electrónico foi afectado o segredo profesional de decenas de xornalistas tanto de España como doutros moitos países”, denuncia o texto. De feito, considera que é tan grave esta entrada masiva ás comunicacións de Boye como se se fixo ao invés, entrando na de decenas de xornalistas cos que mantén comunicacións constantes en España e no estranxeiro.

Información sensíbel
O texto advirte que Boye traballa de fomar asidua con casos “extremamente complexos de xurisdicións tan delicadas, en materia de dereitos humanos e liberdades públicas, como Alxeria, Guinea Conakry, Marrocos, Exipto, Palestina, Siria, Iraq, Xibutí, Etiopía, Turquía, Gambia, Tanzania, Colombia, Perú, México, Panamá, Chile, etc, mais todas estas comunicacións ficaron expostas “por unha actuación vulneradora de dereitos fundamentais”.

Pregúntase se a xuíza é consciente do que podería pasar a calquera destas persoas se as súas comunicacións foren reveladas, se tan só se souber que estiveron en contacto con Boye. “A gravidade da intromisión é elevada e as consecuencias están aínda por ver”, advirte, ademais de referirse a casos concretos, de activistas e defensores de dereitos humanos.

Acusación falsa
O texto lembra que a entrada e inspección do despacho de Boye se baseou unicamente na declaración dun co-procesando, Manuel Puentes,  “absolutamente falsa”, como demostran os datos de que dispón a maxistrada. O escrito reitera os datos, que figuran no sumario, que demostran a falsidade das declaracións que o incriminan e reprocha que “saber que Puentes Saavedra mentía era sinxelo e era de obrigada comprobación”.

Con estes indicios foron confiscados os correos electrónicos do avogado entre o 2010 e 2019, sen ningunha limitación, en lugar de axustarse ao período investigado, duns feitos acontecidos en 2017, e a totalidade dos datos do teléfono móbel, sen limitación de clientes, casos, datas, persoas…

Por todo iso reclama que sexa anulado o levantamento da peza reservada sobre os correos e o móbel do avogado e se declare vulnerado o dereito á tutela xudicial efectiva e o dereito a un proceso coas debidas garantías, reclama o retorno das copias feitas do correo e o móbel, a identificación das persoas que tiveron acceso aos dispositivos e contidos, a destrución de calquera copia e a exclusión destes datos do procedemento. Así mesmo reclama medidas cautelares urxentes, entre as cales o encerramento da peza separada que contén os datos e a prohibición de acceso á información que contén.

Marta Lasalas

El Nacional