O parlamento de Irlanda votou na pasada quinta-feira un proxecto de lei que prohibirá a importación de produtos dos colonatos xudeus da Cisxordania ocupada. O resultado da votación foi de 78 contra 45, unha vitoria moi folgada apesar da presión de Israel e os Estados Unidos.

Naturalmente, a votación recibiuse como un ataque directo contra Israel. O ministerio de Exteriores cualificouna de ‘hipócrita’, ‘antisemita’ e ‘escandalosa’, e protestou nos termos máis duros posibeis, advertindo que a votación terá ‘ramificacións’ nas relacións entre os dous países.

O proxecto de lei converterase en lei en breve, embora aínda sexa preciso que pase outra votación. Mais à vista de a vitoria do proxecto de lei no parlamento ter sido aprobada con tanta folgura, todo indica que Irlanda será o primeiro país europeo en aprobar unha lei desta natureza.

A iniciativa irlandesa prevé multas de até 250.000 euros, ou até cinco anos de cárcere, a quen importe ou venda produtos israelitas elaborados nos ‘territorios ocupados’.

O realmente preocupante non é a lei en si, senón o feito de os países europeos non adoptaren medidas para acabar coa ocupación que xa dura máis de medio século.

A lei nin é ‘antisemita’, nin é ‘hipócrita’ nin é ‘escandalosa’. Trátase simplesmente dunha lei. É máis, a lei non está dirixida contra Israel, aínda que en Israel se diga iso, senón contra a ocupación dos territorios palestinos, algo que é ilegal de acordo coa IV convención de Xenebra e as resolucións do Consello de Seguranza da ONU e as leis internacionais,

Moito menos se trata dunha lei ‘antisemita’ xa que en ningún caso se dirixe contra os xudeus.

O que é realmente ‘hipócrita’ e ‘escandaloso’ é que Israel deslocase uns 800.000 colonos xudeus aos territorios ocupados, contravindo as leis internacionais.

A votación desta semana no parlamento de Dublin é outra vitoria do movemento de boicote BDS, mais o movemento BDS só terá éxito se os estados occidentais, principalmente os europeos, asumen as súas responsabilidades e adoptan medidas similares para acabar coa ocupación militar da Cisxordania.

Eugenio García Gascón

Público