Esta semana, encanto os soños de grandes militantes e pensadoras do feminismo como Angela Davis tomaban corpo nas rúas de Euskal Herria con masivas mobilizacións contra o sexismo e a discriminación e en favor da igualdade e a xustiza, os seus pesadelos encarnábanse en Xabier Rey, cuxo corpo sen vida era transportado do cárcere de Puerto de Santamaría a Iruñea.

É coñecida a crítica ao sistema prisional que realiza Davis. Segundo ela, o sistema punitivo baseado na prisión trata de ocultar os problemas políticos que as nosas institucións son incapaces de afrontar, ben por déficit de interese ou por superávit doutra clase de intereses. No Estado español, a prisión é a forma máis común de negación dun problema político ou social. Esta máxima serve por igual, con todas as diferenzas e matices que fagan falta, para a desidia en problemas sociais como a desigualdade e todas as súas problemáticas asociadas, para cercear a liberdade de expresión, para reprimir a insurxencia armada vasca ou para atallar a desobediencia pacífica catalá. Se os sistemas xudicial e penal mostran a saúde dun estado de dereito, a do Estado español é ínfima.

A tristeza dos familiares de Rey e da súa comunidade pola morte dun ser querido en condicións crueis ten outra tristeza engadida: a que provoca a pobreza de discurso e de espírito dunha clase política incapaz de abandonar por un momento o seu roteiro, os seus cálculos, e empatizar co sufrimento dunha familia esnaquizada e dunha parte importante da sociedade vasca.

Nunha semana en que quixeron pór a carga da proba sobre os dereitos humanos en cima da esquerda abertzale, nin Iñigo Urkullu nin Uxue Barkos foron capaces de mostrar publicamente o seu pesar pola morte dun cidadán vasco no cárcere a mil quilómetros da súa casa. Os lehendakaris son os máximos representantes dos cidadáns vascos, tamén das persoas presas, e deben ser garantes dos seus dereitos.

Existe un sufrimento xusto?
Un político que se finxe justiceiro mais que non é cego senón chosco ante as inxustizas, que é estrito cos desprotexidos e dócil cos poderosos, que é irresponsábel a respecto das súas potestades e implacábel a respecto das responsabilidades dos demais, que pon escusas onde debería achar solucións… ten case imposíbel exercer o liderado nun país que procura a paz e a democracia. Un político así non aspira a ser un estadista, é pouco máis que un sheriff moralista e rancoroso. Invocando os mortos do pasado non se pode esquivar o cadáver que estaba onte en cima da mesa. Non hai violación de dereitos humanos maior agora.

Nin sequera era necesario que dixesen que é inxusto. Aínda que, seguindo a súa lóxica perversa e vista a súa parcialidade, seica cren que algún sufrimento é xusto… Bastaba con meter unha frase nos seus discursos de onte sobre a violencia e as vítimas, ou mesmo fóra deses discursos. Era suficiente con mostrar o seu pesar, acompañar o dó da familia, mostrar o seu compromiso para que Rey sexa o derradeiro preso vasco que morre nun cárcere a centos de quilómetros da súa casa. Fixérao Arantxa Tapia ás poucas horas de coñecer a noticia, que lles impedía reproducir algo tan sinxelo e sensato? O medo á reacción de quen aposta por esta política vingativa ou a crenza de que iso favorece a esquerda abertzale? En ambos os casos, non deixa de ser triste.

Coa razón non basta, mais non hai debate
A súa posición non é de fortaleza moral e politicamente non ten máis percorrido que a reprodución dun pasado en que, contodo, uns asumiron as súas responsabilidades e pagan por elas coa vida e outros fican impunes. Iso provoca un oportunismo que a nosa clase política non debería alimentar, porque acabará tendo efectos perversos. Eticamente hai moito menos debate do que eles cren e politicamente moito máis.

«A prisión convértese nunha maneira de facer desaparecer a xente coa falsa esperanza de facer desaparecer os problemas subxacentes que representa», sentenza Angela Davis. A morte de Xabier Rey é a triste demostración de que o conflito vasco non desapareceu, porque ese conflito non é outro que a vontade do Estado de subxugar a nación vasca e a súa cidadanía. Iso non vai ocorrer, mais iso mesmo fai que sexan desapiadados. Toca respirar fondo, e continuar loitando pola liberdade.

Fonte: Naiz