Hai un par de anos estaba moi de moda criticar os cantantes de música latina por abusaren do Auto-Tune, ese procesador de audio que mascara inexactitudes e erros na voz dos artistas. Alegábase que calquera podía publicar cancións que soasen ben, aínda que non tivese –como soía ser o caso- nin o menor talento para iso. Ben, pois esta cuarta feira tivemos noticia de que o Tribunal Supremo tamén ten o seu Auto-Tune particular, e pasoullo á sentenza da Audiencia Nacional sobre o coñecido como “caso Altsasu”, na que se condenaba varios mozos daquela vila euskaldun por unha pelexa de bar con axentes de paisano da Guardia Civil.

 

Resultado de imaxes para jovenes altsasu

 

En efecto, o Tribunal Supremo enmascarou algúns “erros” da sentenza, eliminando a agravante por discriminación a colectivo socialmente vunerábel -ao entender que a Guardia Civil non é un deses colectivos-, e eliminando a agravante de abuso de superioridade no delito de atentado. O primeiro era tan retorcido que só se explicaba polo feito de que era o último cravo ardendo ao que se puideron agarrar as acusacións e o tribunal condenatorio, logo de que o Consello Europeo avisara de que ía seguir de cerca o xuízo, advertindo implícitamente que non ía aceptar que se condenase os acusados por terrorismo. A pulsión inquisitorial é o que ten, que se non se xestiona como se debe, acaba expresándose de xeito moi bizarro. A segunda mudanza ten por causa un asunto técnico: nun delito que esixe a vontade –necesariamente subxectiva-, de descoñecer o principio de autoridade, é irrelevante en termos penais que ese descoñecemento se produza baixo certas circunstancias obxectivas como sería a comisión do delito por varias persoas á vez. Tendo eliminado esas impurezas tan notorias, procedeuse a axustar a pena imposta. E ata aí o labor do Tribunal Supremo. Pero por que nos segue soando tan mal esa sentenza aínda despois de lle pasaren o Auto-Tune?

 

A PULSIÓN INQUISITORIAL É O QUE TEN, QUE SE NON SE XESTIONA COMO SE DEBE, ACABA EXPRESÁNDOSE DE XEITO MOI BIZARRO

 

Pois porque non se abordan outras cuestións moi acuciantes, como: por que ao longo da sentenza a Audiencia Nacional se desfai en eloxios coas acusacións á vez que utiliza cualificativos desprezativos, graves e improcedentes contra os acusados? Por que só menciona unha vez as fontes de proba propostas pola defensa, que foron moitas, e o fai para facer referencia a unha declaración testemuñal que di que vira un dos acusados na escena da pelexa? Por que omite o seu deber de establecer razoada e pormenorizadamente en que consistíu a participación de cada un dos condenados na agresión e na preparación da mesma? Ou, finalmente, por que teima en situar na escena da pelexa un rapaz que foi visto por decenas de persoas marchar aquela noite para a casa cedo? Ben é certo que o labor do Tribunal Supremo non é volver valorar a proba realizada polo tribunal sentenciador, pero o Tribunal Supremo si ten moito que dicir en canto á imparcialidade subxectiva dos xuíces, e en canto a correcta aplicación dos principios do Dereito penal no que fai ás esixencias da imputación obxectiva. E non o fixo. Con todo, ben é certo que non hai Auto-Tune que valla cando ata a melodía é, xa de por si, irritante.

Sermos Galiza