Nos tribunais militares israelitas son xulgadas cada día inxustamente persoas palestinas polo seu activismo. A regulación e infraestrutura destes tribunais é inhumana tamén para as familias.

 

Entrada al complejo militar israelí de Ofer, en Territorio Palestino Ocupado, donde se encuentra uno de los tribunales militares

Pasaporte, caderno en branco, bolígrafo e unhas moedas para tomar un café ou un té (e pagar ao ocupante). Estes son todos os materiais cos que unha persoa pode entrar a un xulgamento militar en Ofer, o único tribunal e prisión militar israelita dentro do territorio ocupado palestino. Antes nin iso, só notas mentais que despois había que descarrregar logo que posíbel, ou así que o shock mental e emocional o permitían, nun escrito. Porque o único momento en que se pode obter un rexistro fotográfico de parte do sistema xudicial militar israelita é a saída-entrada de Ofer.

SEN TESTEMUÑO AUDIOVISUAL
Para o resto, como se dunha reportaxe de radio se tratase, fican apenas as palabras. Por veces o que non se ve, non existe. Consciente de que o sistema militar israelita utiliza esta máxima no seu favor, Addameer, organización palestina de Dereitos Humanos especializada na protección dos dereitos dos prisioneiros políticos palestinos e as súas familias, lanza un apelo á comunidade internacional para que asista a vistas xudiciais como a que tivo lugar no pasado 10 de febreiro no caso da parlamentar palestina Khalida Jarrar.

Unha representación internacional acompaña unha das fillas e o marido de Jarrar ao interior de Ofer. Unha furgoneta cuxo traxecto discorre paralelo a un muro de betón chega desde a entrada para as persoas (tamén para camións de mercadorías) polo bairro de Beitunia nos arredores de Ramallah até a antesala ao control de pasaporte. Alí hai despachos de billetes onde as visitantes, familias das persoas que van ser xulgadas, deben deixar todas as súas pertenzas a excepción do pasaporte, unha folla en branco, unha caneta e moedas soltas. A entrada custa ao redor de euro e medio. Outra vez o negocio da ocupación á conta das familias das prisioneiras e prisioneiros palestinos.

En fila, chova, neve ou haxa sol tórrido a 40 graos, as familias agardan pacientes frente a unha reixa metálica controlada desde o interior dun espazo blindado onde están os soldados. Abren, berran, fechan, berran e así centos de veces no día.

Identificación e arco de detección de metais, ás veces tamén inspección corporal manual antes de pasar a un corredor entre reixas de dous metros de altura que leva a un espazo composto por barracas. As primeiras á dereita, son os cuartos de baño. Unha grande á esquerda é a cafetería-sala de espera para as familias e visitantes. En frente hai varias, en fila: son as diferentes salas do tribunal militar de Ofer onde están os xuíces militares, o procurador militar, as defensas, persoas acusadas e tradutores. Entre uns e outros, unha voz que di o nome de quen vai ser xulgada para permitir que poda pasar (por outro torno metálico) aos barracóns-sala de xulgamento.

A delegación internacional de observadores que asiste a cada dunha das sesións do xulgamento a Khalida Jarrar é impedida de entrar. Despois duns minutos en que insisten sobre a existencia da correspondente autorización, permíteselles acceder ao recinto. Apenas un medio de comunicación está presente nos minutos previos á sesión, escoltado todo o tempo por un militar israelita.

TRIBUNAIS MILITARES: POR QUE NON SE IMPARTE XUSTIZA NELES
No caso de Khalida Jarrar, ese momento da vista xudicial (que durará uns escasos 15 minutos) xunto con outras dúas visitas mensais de 45 minutos, son os únicos momentos en que a súa familia poderá vela. Con sorte. Porque outras veces un/a soldado se sitúa entre a persoa detida e a súa familia, que está a uns metros de distancia, impedindo mesmo unha comunicación non verbal para saberen uns e dos outros. Trátase dun pequeno exemplo dos malos tratos e o ataque á dignidade en todo o proceso xudicial.

Uns minutos ou uns segundos de tempo despois dunha espera de toda a mañá.

Dentro, o grupo de observadores/as internacionais está sentado na parte traseira esquerda da barraca. Á fronte, o xuíz argumenta co avogado de Jarrar nun ton que máis parece o do procurador que o dun xuíz. Todo en hebraico… un militar traduce. Tamén o avogado de Addameer traduce e explica a Jarrar o que acontece. Á dereita e esquerda dela, máis militares. Jarrar alxemada de mans e pés.

O tribunal de Ofer é un dos dous existentes na Cisxordania, onde son xulgados adultos e menores. O outro é o de Salem no norte do territorio, no distrito de Jenin.

As organizacións de Dereitos Humanos non se cansan de repetir nin en Ofer, cun cociente de sentenzas condenatorias do 99%, nin en Salem se imparte xustiza con garantías procesuais. Entre outras razóns por as sesións seren en hebraico, unha lingua que a poboación palestina non entende.

Os xulgamentos nestes tribunais deben producirse antes dos 18 meses despois da detención, mais este período pode ser prolongado até seis meses máis en tanto que para a cidadanía israelita que é xulgada en tribunais civís ese período limítase a un máximo de 9 meses. As sentenzas son tamén diferentes para o mesmo tipo de delito e a liberación da persoa condenada nunca pode producirse antes de cumprir dúas terceiras partes da condena. Unha mostra clara dun sistema xudicial discriminatorio.

O CASO DE KHALIDA JARRAR
“Non pasara nin oito meses fóra do cárcere e comezaba a dar aulas no Máster de Democracia e Dereitos Humanos da Universidade de Bir Zeit cando foi novamente arrestada en outubro de 2019”, comenta Ghassan Jarrar, marido de Khalida, á delegación internacional.

“Foi interrogada durante 22 días, en réxime de isolamento, na prisión de HaSharon. No seu caso non sufriu torturas nin malos tratos, segundo a familia debido á súa posición de persoa internacionalmente coñecida. Mais, debido ao aumento de casos de tortura a persoas detidas, con prohibición de comunicar coa defensa e familiares, non é raro que se pregunte á familia sobre esa cuestión. O único cargo de Israel contra Jarrar é que desde 2016 é a responsábel dos asuntos políticos da Frente de Liberación Popular de Palestina xunto da Autoridade Palestina. A Frente é un partido político palestino mais considerado grupo terrorista por Israel. Segundo as ordes militares israelitas, apesar das negociacións de paz de Oslo, todos os partidos políticos representados na OLP son considerados ilegais. Quer dicir, exercer un dereito civil e político como é o de ser representante da cidadanía no parlamento, como é o caso de Jarrar, pode levar ao cárcere. A discusión sobre o cargo do que é acusada pospúxose cando a defensa tentaba minorar o impacto dunha sentenza negativa, tratando propiciar unha mudanza do xuíz que leva o caso, quen conta cun longo historial de facer oídos moucos ante casos de denuncia de tortura.

Non é a primeira vez  que Khalida pasa por prisión. Sempre foi unha destacada activista polos Dereitos Humanos, parlamentar desde 2006 e Coordenadora do Comité de Prisioneiros na OLP. O seu activismo cústalle un alto prezo. Israel prohibiulle abandonar Cisxordania, a última vez que viaxou fóra, a París, foi en 1999. En outubro de 2014, nun contexto político duro, recibiu unha orde israelita para abandonar Ramallah (onde vive) e instalarse en Xericó. O 2 de abril de 2015 foi detida por segunda vez (a primeira foi en 1999 despois dunha marcha un 8 de marzo) e pasou 15 meses en prisión até ser liberada en xuño de 2016. Apenas un ano despois foi detida novamente, en xullo de 2017, pasando esta vez 20 meses en detención administrativa até ser deixada en liberdade en febreiro de 2019.

É importante sinalar o contexto en que se produce a detención de Jarrar en outubro de 2019. Entre setembro e decembro de 2019, a poboación palestina sufriu unha vaga de detencións e un aumento de casos de tortura severa a persoas detidas, recusa do dereito á asistencia letrada e prohibición de visitas familiares. Addameer puido documentar varios destes casos neste período, que non denunciou até moi recentemente, debido a unha prohibición xudicial expresa israelita que lle impedía desvelar publicamente calquera pormenor da información recompilada nas súas visitas ás persoas detidas e/ou torturadas. Contodo, segundo critican Addameer e a familia de Khalida Jarrar, entretanto Israel filtrou a medios e a oficinas de representación diplomática información destes mesmos casos cunha versión esaxerada do caso de Jarrar co único propósito de seguir interferindo nos asuntos políticos internos palestinos.

El Salto Diario