“Free Julian Assange” foi o clamor unánime que resoou neste sábado nas rúas de Londres para pedir a liberdade do creador de WikiLeaks. Convocadas pola plataforma Don’t Extradite Assange, centenares de persoas mobilizáronse para reclamar que se evite a súa extradición. E é que, aínda que a principios deste ano unha xuíza británica recusou a extradición aos Estados Unidos polo seu estado de saúde, as cousas poderían virar a próxima semana cando o caso chegue ao Alto Tribunal do Reino Unido o 27 e 28 de outubro.

 

Manifestación Libertat Julian Assange Londres / Laura Cercós
               Manifestación Libertat Julian Assange Londres / Foto: L.C.

 

Laura Cercós

O goberno norteamericano, acusa Assange de violar a Lei de Espionaxe do país ao filtrar documentos da CIA sobre os crimes de guerra da EUA no Afganistán e no Iraque; cargos que poderían supor até 175 anos de prisión. Varias organizacións consideran que estas penas son un ataque directo ás liberdades fundamentais non só de Assange senón de toda a cidadanía, e cren que a sentenza que recusou a extradición no inicio do ano foi a correcta. “Estamos aquí para dicir que a decisión non tería de ser revertida. Estamos a favor da liberdade de prensa e queremos Julian Assange libre entre nós”, reivindicaba onte John Rees, un recoñecido activista británico e impulsor de Don’t Extradite Assange.

Diante dos Reais Tribunais de Xustiza de Londres, onde acabou a manifestación deste fin de semana, tamén alzaron a voz outras caras coñecidas, como o editor xefe de WikiLeaks, Kristinn Hrafnsson, e os deputados laboristas, John Mcdonell e Richard Burgon. “Acabaremos vendo xustiza para Julian Assange e para o xornalismo”, asegurou Hrafnsson.

O caso de Julian Assange
Desde 2019, Julian Assange está na prisión de alta seguranza de Belmarsh (Londres) á espera de que a xustiza británica se pronuncie definitivamente sobre o pedido de extradición aos Estados Unidos. O caso, contodo, remóntase a 2010, cando Wikileaks publicou unha das maiores filtracións da historia: millares e millares de documentos e gravacións das actuacións máis crueis do exército estadounidense durante a chamada Guerra contra o Terrorismo, no Oriente Medio.

As revelacións converteron Assange nun heroe para moitos, mais tamén nun obxectivo a eliminar polos governos aos que deixara en evidencia. Dous anos despois, Assange pediu asilo político á embaixada do Ecuador en Londres para evitar a extradición a Suecia, onde estaba acusado de varios cargos, entre os cales un suposto caso de violación.

Na embaixada ecuatoriana estivo sete anos, reivindicando desde o balcón xustiza para o seu caso e outras causas -como o referendo de Catalunya- en tanto a súa saúde ía deteriorándose ante os ollos do mundo.

 

 

EuropaPress / wikileaks fundador julian assange embajada EcuadorO creador de WikiLeaks, Julian Assange, na embaixada do Ecuador en Londres, onde viviu de 2012 a 2019. / Europa Press

 

Porén, en 2019 o goberno ecuatoriano de Lenín Moreno deixou de ofrecerlle protección. Nesa altura foi detido pola policía británica e encarcerado cunha pena dun ano de prisión por incumprir coa liberdade vixiada a que estaba sometido cando se refuxiou na embaixada.

O mundo alza a voz por Assange
Desde aquela detención xa pasaron máis de dous anos e, aínda que xa cumpriu coa pena ditada en 2019 e nestes momentos xa non hai ningún cargo contra el desde Suecia, aínda está encarcerado de maneira preventiva sen fianza no centro prisional de alta seguranza de Belmarsh, en Londres.

Precisamente con este nome, Belmarsh, é como foi baptizado o tribunal popular que quere xulgar de maneira simbólica os crimes dos EUA no Afganistán e no Iraque que WikiLeaks sacou á luz. Inspirándose no tribunal de Bertrand Russell e Jean-Paul Satre que en 1966 xulgou os crimes da Guerra de Vietnam, o Tribunal de Belmarsh reuniuse na sexta feira na Church House de Westminster. Durante máis de dúas horas, varias personalidades como o político grego Yanis Varufakis, o deputado laborista Jeremy Corbyn e o ex membro da CIA Edward Snowden, expuxeron os crimes revelados por WikiLeaks e denunciaron a persecución política que sofre o seu fundador.

“Foi perseguido por revelar os crimes que os líderes elixidos por nós perpetraron ás nosas costas. Por iso están matándoo lentamente”, acusou Yanis Varoufakis. De feito, non foi o único que dixo que Assange é vítima dunha estratexia de represión que aos poucos vai tirándolle a vida.

 

Manifestación por la libertad de Julian Assange en Londres / Laura Cercós          Centenares de persoas mobilizáronse o sábado en Londres para reclamar que se evite a extradición de Julian Assange. / L.C.

 

Os planos da CIA para secuestrar e asasinar Assange
A situación da saúde de Assange foi un dos motivos principais para a xuíza Vanessa Baraitser recusar o pedido de extradición. Baraitser considerou que o australiano, de 49 anos, presentaba un risco de suicidio e podería tirar a vida se o procesaban nos EUA, onde sería retido en situación de isolamento.

A situación na prisión británica, contodo, non é moito máis favorábel. “Belmarsh ten un réxime brutal. En apenas un mes desde que visitei Assange, xa houbo un suicidio. Estamos a oprimilo dunha maneira que prexudica a súa saúde e benestar, e que noutras persoas xa provocou autolesións e suicidios”, denunciou o deputado laborista John Mcdonell durante a manifestación do sábado. Tamén a parella de Assange e avogada, Stella Moris, denunciou onte a situación en que está Assange, consecuencia, segundo ela, dunha persecución política que o levou ao límite.

De feito, non só hai quen cre que os gobernos occidentais tentaron calar Assange a base de tortura psicolóxica, senón que hai pouco soubemos que a CIA planexou pór fin á súa vida de maneira directa. Foi no ano 2017, sob a administración Trump. Segundo revelaron varias fontes do servizo de intelixencia a Yahoo News, algúns altos cargos tramaron o secuestro do fundador de WikiLeaks e discutiron planos para o asasinar.

Son estas ameazas as que sustentan os argumentos de Moris, quen onte, diante dos Reais Tribunais de Xustiza, defendeu que “é impensábel que estas cortes decidan extraditar Assange a un país que planexou o seu asasinato”. Mais nada está decidido aínda. Nestes mesmos tribunais, os xuíces británicos terán de escoitar o 27 e 28 de outubro a apelación dos EUA para reclamaren de novo que Assange sexa extraditado e xulgado en Norte América. Despois de anos convertido en inimigo da nación e vivindo nunha constante tensión co goberno americano, a vindeira semana ábrese un novo capítulo no caso de Julian Assange.

El Nacional