Un informe realizado pola Asociación Mediterránea de Peritos do TIC, sinala que unha licitación para a compra de pistolas para a Garda Civil foi adxudicado a unha empresa israelita supostamente vinculada á compañía que desenvolve o sistema de espionaxe Pegasus.

 

Pegasus

 

José Antonio Gómez

 

A utilización do sistema de espionaxe Pegasus xerou polémica e tivo consecuencias sobre todo o relacionado coa utilización deste software para espiar políticos e persoas relacionadas co independentismo catalán.

Agora surxe unha pregunta: quen e como se pagou á empresa israelita que desenvolve este programa? Un informe realizado pola Asociación Mediterránea de Peritos do TIC (ASPERTIC) denuncia que esa compra podería ter sido realizada, supostamente, através de concursos públicos de adquisición de pistolas para a Garda Civil.

Segundo indica o documento «fixemos o seguimento dalgúns contratos fóra do normal que vincularían empresas israelitas similares a NSO Group ou que tivesen obxectivos parecidos. De todos os contratos e licitacións analisados, dedúcese que un dos casos máis probabeis sería o concurso e adxudicación dunha compra de pistolas da marca RAMON a Israel».

A compra deste tipo de pistola por un corpo como a Garda Civil resulta estraño, sobretodo porque se trata dunha arma absolutamente descoñecida na internet. Non existen referencias anteriores á data de compra pola Garda Civil, salvo que foi comprada unha partida de 1.700 desas pistolas pola policía tailandesa, cousa que nada indica, mais si é importante que foi pagada esa partida por un dos países máis represores de oriente, que usa programas espía para controlar a súa poboación. Por outro lado, non consta que o Exército ou a Policía israelita teña comprado cantidades nin sequera significativas desta arma, dado que usan as pistolas Glock 17 e 19 ou a IWI Jericho 941 como dotación oficial.

O relatorio de ASPERTIC tamén sinala que RAMON «parece unha falsificación dunha Glock 19 a que foi modificada a empuñadura e a que engadiron algún detalle estético. Alén diso, as 6.000 pistolas coas súas fundas, poderán ser entregadas no futuro, até o 2023 a razón de 2.000 cada ano. Polo que, neste momento, terían de estar xa distribuídas un minimo de dúas mil pistolas. Esta condición aceptada para un corpo de 75.000 axentes, que usan todos Beretta, di moi pouco sobre a capacidade de fabricación e almacenaxe do fabricante».

Diario16 púxose en contacto no 3 de maio coa Garda Civil através de correo electrónico para contrastar e confirmar se as pistolas RAMON xa foran entregada aos axentes. Até hoxe non houbo ningunha resposta.

Por outro lado, o relatorio refere como foi xestionada a adxudicación á empresa israelita fabricante de RAMON, Emtan Karmiel LTD e denuncia que puido se ter producido unha «baixada temeraria».

O concurso público lanzado polo corpo para a compra «dun mínimo de 6.000 pistolas semi-automáticas, calibre 9mm. Parabellum para dotar persoal de diversas Unidades da Garda Civil», foi orzado en 2,99 millóns de euros. Porén, a empresa israelita conseguiu o contrato grazas á presentación dunha oferta por 1,95 millóns de euros, un terzo por baixo do orzado polo Estado, segundo consta nos documentos da licitación, oferecendo de graza as cartucheiras.

«Se a valoración no concurso rompía a barreira da baixa temeraria, esta fica confirmada ao seren engadidas as cartucheira gratis, valorada nuns 80 euros, a máis barata, a cada pistola, máis dous carregadores e equipa de limpeza. E iso sen contar a nula experiencia do produto presentado e que non vimos en ningunha parte que leve a marca E de importacións á Unión Europea. Outro asunto é que sendo unha arma nova, supostamente diferente das habituais que contrata a Garda Civil, (Glock, Beretta, HK) non se teña en conta a formación debida aos mestres armeiros e o seu correspondente stock de pezas de recambio. O mesmo que os instrutores de tiro. Son feitos que reafirman que estamos perante unha falsificación ou a costumización dunha Glock, non aparecendo a marca en ningún ranking de fornecedores recoñecidos de armas a policías ou exércitos».

Por outra parte, hai que ter en conta que tanto RAMON como Pegasus son consideradas como armas polo Ministerio de Defensa de Israel. «Sendo armas as dúas, podemos dicir que dependen da mesma administración e departamento autorizar e controlar a venda a terceiros».

O suposto pagamento de Pegasus

O informe de ASPERTIC sinala que «de ser este o pagamento indirecto a NSO através deste concurso de 6.000 pistolas, non só estaríamos diante dun concurso con baixa temeraria, senón diante dunha falsidade en documento público, e unha adxudicación delituosa. Á vista das últimas declaracións do ministro porta-voz, na sen dúbida, manobra evasiva o paganento que podería supor o tema das pistolas RAMON, podería ben resultar, polo tempo, un pagamento ao delator, ao espiador ou ao facilitador; e, de todas as maneiras, actividade delituosa».

Diario16