A tramitación administrativa “en masa” de millares e millares expedientes e a posición da Avogacía do Estado frente á de Interior afectarán a sancións.

 

Foto: Agentes de la Policía Municipal vigilan este viernes la madrileña Puerta del Sol. (EFE)Foto:EFE

 

“Unha miraxe punitiva”. As sancións por incumprir o estado de alarma aumentan día a día e ultrapasaron xa os 600.000 expedientes despois do primeiro mes de confinamento. Contodo, os especialistas en dereito administrativo consideran que un bo número delas están feridas de morte. Este enorme volume de multas acabará en moitos casos converténdose en letra morta. Grande parte delas serán desactivadas, apañadas cunha pinza entre as dificultades de tramitación que supón o seu elevado número e a discrepancia do criterio que defenden Interior e os servizos xurídicos do Estado, dependentes de Xustiza, o que alentará millares de recursos, aseguran as fontes xurídicas consultadas.

Os especialistas céntranse nos dous factores mencionados. Aluden en primeiro lugar á tramitación administrativa “en masa” de millares e millares de expedientes que xa comezaron a chegar ás delegacións de Goberno de todo o estado e que teñen un prazo máximo de caducidade dun ano. Para conseguilo necesítanse recursos reforzados e estandarizar moito os modelos para evitar diferenzas entre comunidades autónomas.

O segundo empecillo co que toparán as sancións para prosperar son as discrepancias no propio seo da Administración. Interior indica nunha recente instrución que se constatou que un dos incumprimentos máis frecuentes que se producen e denuncian os axentes da autoridade é o das medidas limitativas da liberdade de circulación. “Tal incumprimento debe ser considerado desobediencia ás ordes ditadas polo Goberno, como autoridade competente no estado de alarma”, di. Como para incorrer nunha desobediencia é preciso que exista un requirimento previo, que o departamento dá por efectuado. “O mandato directo dirixido á cidadanía tivo unha ampla difusión, alén da súa publicación no Boletín Oficial do Estado”, di. A Avogacía do Estado non está de acordo e insiste na necesidade de que se realice unha advertencia directa ao afectado por un axente antes de multar.

117 detidos e 10.245 multas en 24 horas por quebrar o confinamento
Hai outro problema. O mesmo departamento de Interior que agora defende unha interpretación extensiva da desobediencia á autoridade determinou hai un ano e medio que as multas por non cumprir unha orde directa dun axente debían ser restritivas. Nunha instrución de outubro de 2018, indicaba que para poder sancionar por este motivo, debe existir “unha acción ou omisión que constitúa unha negativa implícita ou expresa a cumprir unha orde lexítima”. Especificaba, tamén, que a persoa advertida debía mostrar esa resistencia “usando oposición corporal ou forza física ante o desenvolvemento das competencias da autoridade ou os seus axentes”.

Xuristas consultados apuntan a esta previsíbel desactivación futura das sancións. No que di respecto ao seu volume, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Amoedo Souto incide na súa complicada resolución. “Esa cantidade de traballo burocrático que caeu ás subdelegacións de Goberno é moi difícil de afrontar se non se conta con medios humanos suplementares. Só as infraccións de tráfico e tributarias contan cun procedemento electrónico ‘toyotizado’. O resto continúa a ser tramitado a pedais. Ao seu favor, a Administración ten dúas cousas: a posibilidade de tramitar as sancións da lei mordaza por procedemento abreviado e unha caducidade ampla dos expedientes”, di.

Interior xa reaccionou ante o risco. A xestión das sancións arrincou desppois da declaración do estado de alarma de forma algo caótica. O real decreto remitía para as multas á lexislación vixente, principalmente a Lei de Seguranza Cidadá ou lei mordaza, deixando á interpretación das Forzas de Seguranza do Estado a valoración das situacións concretas en que procede multar e provocando situacións de exceso nalgúns casos. O departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska pretendeu esta semana resolver os agravos e remitiu unha serie de disposicións ás delegacións de Goberno. Alén de glosar as multas e debullar os comportamentos sancionabeis, introduciu unha previsión coa que xa está familiarizado o cidadán afeito ás multas de tráfico: a redución á metade se se pagan de inmediato.

Marlaska ordenou en outubro de 2018 que as leves ou primeiras negativas ao cumprimento das ordes dadas polos axentes non constituísen unha infracción
O ministerio enviou modelos de tramitación das sancións nunha tentativa de axilizar os trámites. “Creo que a instrución, que chega un mes despois da entrada en vigor do estado de alarma, pon de manifesto que as sancións levaban un mes paradas, presas nalgún lugar, á espera de que se confirmarse como tramitalas”, apunta Amoedo. Os cadros de persoal para a xestión, aos que tivo acceso El Confidencial, prevén que, caso a multa ser pagada no prazo de 15 días contados desde o seguinte ao da notificación, o importe será reducido ao 50%. A cantidade estándar a abonar pasa así a 300,50 euros.

“O pagamento da sanción no mencionado prazo, de acordo co citado precepto, levará a renuncia a presentar alegacións e a sanción será unicamente pasíbel de recurso ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativo”, di. Decorrido o prazo de 15 días e en calquera momento anterior á finalización do procedemento, a multa poderá ser pagada ou a persoa sancionada recoñecer a súa responsabilidade. En ambos os casos, o importe da multa será reducido nun 20%, ficando en 480,80 euros, indica o modelo.

O avogado Daniel Amelang indica que hai serias dúbidas legais sobre a posibilidade de sancionar alguén por desobediencia que non recibise unha orde directa e individual. “Até agora, sempre se entendeu a ‘desobediencia’ como non respectar a orde persoal dun axente. A instrución de Interior quer mudar esa interpretación por non respectar as ordes do decreto do estado de alarma, dicindo que ‘debe ser considerado desobediencia ás ordes ditadas polo Goberno’ que todo o mundo coñece. Mais a legalidade desa interpretación que fai Interior é dubidosa”.

Amelang refírese á fonte do problema, o horizonte ao fitarán todas as demandas. A avogada xeral do Estado non está de acordo con esta interpretación e asegurou que o mero incumprimento das limitacións impostas durante o estado de alarma non pode ser cualificado automaticamente como infracción de desobediencia. Só haberá desobediencia cando, incumprindo o particular as limitacións do estado de alarma, for requirido para o seu cumprimento por un axente da autoridade, e o particular desatenda o requirimento, defende Consuelo Castro.

“Até agora, unha desobediencia sempre foi a unha orde directa. Interior sostén que como se publicitou moito, é como se se tivese dado unha orde directa. Se a min me multasen por quebrar o confinamento, para librarme da multa diría simplesmente que non acendín a tele, nin lin os xornais, en todo este tempo, e que descoñecía os pormenores concretos do confinamento. Desta maneira, non poderían sancionarme por desobediencia”, apunta Amelang. Se esa alegación non prospera, sempre resta escudarse nun ditame elaborado polo propio Estado que pretende sancionarte. “Haberá unha enxurrada de recursos daqueles que se atrevan a discutir a sanción”, avisa outro dos xuristas consultados.

Guía para multar
Entre as indicacións de Interior para graduar as multas, especifícase que “resulta transcendental que os boletíns de denuncia reflictan o máis precisamente posíbel os feitos obxecto de denuncia e as circunstancias”. Este é outro dos buracos negros a que se enfrentarán aqueles que tramiten os expedientes sancionadores e para tratar de remedialo o departamento de Marlaska homoxeneizou criterios.

Indícase aos axentes como deben valorar “a actitude do denunciado” con eles. Se a “aceptación resignada” da denuncia non esixe o reflexo de ningunha circunstancia especial, si se debe consignar se o infractor reaccionou con “menosprezo, arrogancia ou mala educación” ou se chegou a proferir insultos ou ameazas, e cales, en concreto, foron estas. Os policías deben tamén apuntar a “entidade observada do nivel de risco producido para a seguranza cidadá ou a saúde pública, quer dicir, o número de persoas, as circunstancias, se estaban próximas ou non”.

 

La Guardia Urbana de Barcelona para a ciudadanos por saltarse el confinamiento e irse de fin de semana, objeto de multas de entre 600 y 30.000 euros. (EFE)                                          Foto: EFE

 

Outra das especificacións que ten de incluír o atestado é a persistencia na infracción, ou sexa, reflectir se consta ao axente que o infractor non respecta con carácter xeral as limitacións á libre circulación establecidas. Tamén é un indicador que agrava a sanción a presenza de menores, persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, “en especial nos supostos de circulación mediante vehículo non permitida que aumente os riscos de contaxio do Covid”.

As multas que detalla a instrución do ministerio van dos 601 euros para os que realicen un deslocamento non autorizado até os 10.400 para os que respondan con violencia ás indicacións dos axentes ou para os que organicen ou participen en actividades en común, como festexos ou celebracións. Para o avogado Jaime Montero, a intención do catálogo de sancións é “disuasoria” e apunta que moitos dos afectados preferirían aproveitar a posibilidade de pagar só a metade en lugar de arriscarse a recorrer e acabar aumentando a ‘factura’ final.