Unha representación das 47 persoas que a partir do 16 de setiembre van ser xulgadas na Audiencia Nacional española por traballar en favor dos dereitos humanos de persoas presas e exiliadas, agradeceu no pasado sábado a ampla vaga de solidariedade que reciben. Esperan que teña reflexo o vindeiro sábado, día 14, nas rúas de Bilbo e que a marcha solidaria sexa «un clamor en favor da convivencia e unha paz total».

 

 

Beñat Zarrabeitia e Amaia Izko expresaron o seu agradecemento ás decenas de millares de persoas que lles mostraron a súa solidariedade ante o xulgamento a que terán de facer frente en dez días por traballar para que non sexan conculcados os dereitos básicos de persoas presas e exiliadas, así como na consolidación dun escenario de paz en Euskal Herria. Non ocultaron que lles resulta «arrepiante» a petición de 601 anos de cárcere que lles piden.

Conscientes da grande onda solidaria e de denuncia que lograron impulsionar, aplauden ampla activación popular alcanzada. «Non hai unha cousa máis saudábel que unha sociedade activa, mobilizada e crítica», dixeron, satisfeitas polas adhesións logradas para a manifestación do sábado 14 de setembro sob a lema “Dereitos humanos. Liberdade, Futuro. Herrian!”. Máis de 11.000 asinaturas, en apenas dous meses reuniu o manifesto escrito polo bertsolari Jon Maia.

Incidiron na súa importancia e que sirva para seguir avanzando no «respecto aos dereitos humanos, fechar as feridas do pasado e terminar coas vulneracións vixentes». A respecto diso, citaron, «os aspectos máis flagrantes da política prisional vixente como son a liberación das e os presos gravemente doentes, o final da dispersión, o isolamento e o prolongamento das condenas».

«Axenda de solucións»

Consideran imprescindíbel que se estableza unha «axenda de solucións» respecto das situacións que soportan as persoas encarceradas e fuxidas. «Unha axenda, política, social e institucional», subliñaron.

Así mesmo, insistiron na necesidade da «activación cidadá para permitir e impulsionar a volta a casa nun país, sociedade e contexto en que todos os dereitos sexan respectados e no que caibamos todas e todos».

 

 

«Quérennos manter bloqueados nese pasado, mais a maioría da sociedade vasca ten claro que ten de ser definitivamente ultrapasado», manifestaron. Zarrabeitia e Izko confesaron o alto custo persoal que supón este proceso e as consecuencias que aínda poden bater nelas e neles.

Apesar diso, subliñaron que o seu obxectivo sempre foi «superar esta díficil páxina» buscando «avanzar na solución» e na resolución. Por iso, reiteraron que actuarán «con esa responsabilidade».

«Vivimos nunha sociedade que quere acabar coas vulneracións aínda vixentes e sanar as do pasado. É imprescindíbel dar pasos nesa dirección, para non voltaren acontecer», destacaron. «Ante a inxustiza a que nos están sometendo, queremos divulgar un clamor en favor da convivencia e unha paz total», sinalaron.

«Para que os nosos fillos e fillas non teñan que sufrir as vulneracións de dereitos, situacións crueis e todo o sufrimento que coñecemos no noso pobo. Nese camiño, daremos o noso pequeno contributo. Os nosos fillos e fillas meréceno; debémolo ao noso pobo», engadiron, antes de dar por feito que encherán o sábado 14 de setembro as rúas de Bilbo.

Agustín Goikoetxea

Asina aquí o manifesto en apoio das 47 persoas encausadas.

Gazteleraz