A Comisión de Asesoramento Xurídico Penitenciario do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (CAXPOU)  e o propio Colexio fixeron público  no pasado 27 de novembro un comunicado (“Non nos podemos permitir ningunha morte máis dentro de prisión. A prisión non pode ser unha condena a morte”) , en que mostran o seu apoio ás conclusións das XXI Xornadas de servizos de Orientación e Asesoramento Xurídico Penitenciario relativas ás medidas que é posíbel implementar para evitar novas mortes en prisión.

 

Resultado de imagen de colexio avogacia ourense

 

Ambas as entidades asinan o escrito en que mostran a súa preocupación polo aumento do número de persoas falecidas en centros prisionais nos útlimos anos: 147 en 2017, 210 en 2018. Un aumento que, como o propio Defensor del Pueblo recolle no seu último relatorio anual é debido en grande medida ao “forte aumento das mortes asociadas ao consumo de drogas (61) e tamén ao lixeiro aumento do número de suicidios(33).”

Entre as solucións propostas nas XXI Xornadas de Servizos de Orientación e Asesoramento Xurídico Penitenciario, a que o CAXPOU presta o seu apoio, figura “a investigación con dilixencia de todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes, coa intervención inmediata do médico forense, así como crear un rexistro transparente destas denuncias e investigar todas e cada unha das mortes producidas na prisión.”

Aumentar o número de visitas aos cárceres da Inspección e do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, implementar sistemas de vídeo-vixilancia realmente efectivos, formar adecuadamente en prácticas restaurativas o corpo de funcionarado dos centros prisionais e sensibilizar os operadores xurídicos que teñan contacto con este ámbito, alén de deseñar programas de tratamento específicos para cada persoa presa e destinar os recursos económicos necesarios para incorporar profesionais de persoal sanitario en número adecuado e coa capacitación requerida, son outras das medidas propostas.

A estas proposta hai que engadir outras de carácter de máis largo alcance como a aplicación de medidas alternativas ás penas de privación de liberdade e a transferencia, tanto tempo adiada, da sanidade prisional à rede pública de saúde.

Tamén explicitan as dúas entidades da avogacía o seu desacordo cunha proposta formulada pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para paliar o déficit de profesionais da sanidade nos cárceres: a contratación de persoas licenciadas que non cursaron o MIR. Consideran que se trata dunha medida que faría recuar o sistema de atención sanitaria prisional 30 anos, perpetuaría as pésimas condicións laborais destes profesionais e representaría un risco para as persoas presas.

Ler aqui o comunicado na íntegra.