O rexedor di que é o Goberno central quen esixe que a documentación do procedemento sexa presentada en castelán. “Nós só replicamos a condición”, destaca. A Mesa califica de “ilegal” o proceso e non descarta iniciar accións legais para impugnalo.

 

 

A Estrada - Wikipedia, a enciclopedia libre

 

“Todos los concursantes presentarán la documentación en castellano o en gallego con traducción al castellano”. Son apenas 15 palabras que sitúa o Concello da Estrada na mira de asociacións de defensa dos dereitos linguísticos. O fragmento forma parte da documentación dun concurso público publicado no pasado mes de xullo.

 

Captura de pantalla do documento que recolle as bases do concurso do Concello da Estrada para a 'humanización' dunha praza

Captura de pantalla do documento que recolle as bases do concurso do Concello da Estrada para a ‘humanización’ dunha praza | Fonte: Concello da Estrada

 

 

O concurso en cuestión, convocado polo consistorio gobernado con maioría absoluta José Carlos Gómez Campos (PP), ten como obxectivo adxudicar un proxecto para “humanizar” a Praza da Feira e a súa contorna. O proceso de selección do proxecto, que contempla o pagamento de ata 48.000€, require a entrega de documentación que non pode ser presentada exclusivamente en lingua galega.

A restricción recollida no artigo 1.12 do documento, situado na páxina 31 do mesmo, provocou a indignación de asociacións e particulares que comentaron a noticia. Unha das primeiras mostras de repudio chegou da asociación Prolingua, que hai uns días dirixiu unha carta aberta ao rexedor ‘popular’ acusándoo de “maltrato” á lingua por “a excluir completamente” das bases.

No mesmo sentido expresouse a Asociación Cultural Vagalumes que criticou o rexedor pola “proscrición” da lingua. “Apesar de estarmos acostumados ao desleixo institucional en materia lingüística, resúltanos verdadeiramente asombroso semellante exercicio de hipocrisía e falsidade”, destacou o colectivo a respecto da existencia dunha Ordenanza Municipal de 2018 comprometida coa normalización da lingua.

Fronte a esta circunstancia, o alcalde do concello pontevedrés deféndese aludindo ao Ministerio de Política Territorial, que, segundo di, estaría por trás da polémica cláusula. “O proxecto está financiado con fondos europeos e do Goberno, co cal o Ministerio de Política Territorial ten de facer unha revisión do proceso antes de o devolver a Europa”.

Tal e como apunta López Campos, o requerimento do Concello da Estrada sería unha réplica das esixencias do propio Goberno central. “Dende outobro de 2019, que comezou o proceso, dixéronnos xustamente o que puxemos nós no documento: a documentación debe estar en castelán ou en galego con tradución”, subliña. Neste aspecto, o rexedor apunta que decidiron reflectir a condición ante a dificultade de traducir os documentos achegados, algúns dos cales “chegan ás 600 páxinas”.

CONDICIÓN “ILEGAL”

A polémica cláusula tamén chegou a oídos da Mesa pola Normalización Lingüística, que non descarta a posibilidade de impugnar o concurso por tratarse dun procedemento “manifestamente ilegal”. “Contravén tanto a Lei de Normalización Lingüística como a normativa que rexe como oficial do emprego do galego nas administracións locais”, destaca o seu presidente Marcos Maceiras.

Ante estas circunstancias, a Mesa anuncia que acaba de tramitar unha queixa na Liña do Galego e queprestará “todo o apoio xurídico” caso existir un concursante que quixese impugnar o procedemento. “Falamos dun agravo e limitación ao uso da lingua”, pondera Maceiras, que lembra: “Calquera cidadán pode dirixirse en galego á administración”.

Galicia Confidencial