C.A.L.L.E é un festival que leva oito anos celebrándose no madrileño bairro de Lavapiés e en que os artistas urbanos toman as rúas en maio para vestir con cores os comercios fechados e as fachadas grises. O Concello de Madrid dirixido pola exalcaldesa Manuela Carmena outorgou o ano pasado, a última edición debido á pandemia, autorización para que se realizase unha intervención nos lugares designados, como o muro colaborativo da corrala do Sombrerete. Aí estaba a obra do artista urbano Guillermo J Bo, en que aparecían tres policías reducindo un robot. O actual Concello eliminou o grafitti do muro deixando un espazo en branco nos mediados do mes de agosto. A Xunta Municipal de Distrito Centro declarou que “a Policía Municipal fixo un seguimento das redes sociais e entendeu que podía incitar ao odio e aumentar a conflitividade social da zona”.

 

'Oda a la policía protegiendo al Skynet'. Imagen cedida por el artista Guillermo J Bueno                    ‘Oda á policía protexendo ao Skynet’. Imaxe cedida polo artista Guillermo J Bo

 

Para Guillermo J Bo a súa peza non ten ese componente de incitación ao odio como para que poda ser anteposto ao dereito á liberdade de expresión: “É verdade que hai unha lectura crítica, mais non atenta contra os dereitos humanos, que é aí onde debería estar o límite”.

Este artista plástico gañou en 2018 o Festival Galería Urbana de Salamanca. Comenta que un amigo lle contou que a súa pintada traía polémica nas redes sociais por se ter queixado a Plataforma do Barrio de Lavapiés. Partidarios e detractores opinaban sobre o que quería transmitir con ela. “Hai quen pensa que denuncio a brutalidade policial, mais houbo outra persoa que interpretou que o robot era Iron Man, ese heroe que representa todos os nosos soños, e o sistema, que era a policía, impedíanos realizalos”, explica J Bo.

NSN997, membro do colectivo El Keller que estivo a cargo deste mural participativo, indica que non houbo tempo de consultar as pezas cos veciños porque o proxecto tivo que organizarse en menos dunha semana. Sergio Sancho, director de Urvanity art, unha feira de arte paralela a Arco, sinala que en cidades como Nova York comézase a contar con asociacións de veciños para que poidan votar as creacións que van ser colocadas nun espazo público. “Trátase de que a xente dea a súa validación porque ao final é unha obra que interactúa a diario coa xente da veciñanza”, declara.

 

Plaza junto a la calle del Mesón de Paredes donde se encontraba la obra de Guillermo J Bueno.                                Praza xunto á rúa do Mesón de Paredes onde estaba a obra de Guillermo J Bo.

Guillermo de la Madrid , do colectivo Madrid Street Art Project que tamén colabora co festival C.A.L.L.E, lamenta que a xente fique na superficie e vexa só tres policías e un vulto no chan. “Talvez nin se fixaron en que é un robot. A cousa está en que consumimos as imaxes de maneira moi rápida, ficando na primeira ollada, mais hai que ir alén diso”. Engade que se se cortase todo o que é expresión na rúa, a arte urbana converteríase nunha cousa descafeinada e decorativa, lonxe da súa esencia máis reivindicativa.

Guillermo J Bo conta que creou a peza un ano despois de que Mame Mbaye, un manteiro de orixe senegalesa de 35 anos, morrese dunha parada cardíaca na rúa do Oso despois dunha suposta batida policial en Lavapiés. A Audiencia Provincial descartou en abril de 2019 esa vía e ratificou que a persecución non tivo nada a ver. J Bo, contodo, recoñece que si hai unha crítica a ese ‘estado policial’ que sufría o bairro. Mais aclara que o título é Oda á policía protexendo o Skynet e que representa un mundo futurista en que o robot está mal programado ou mesmo foi programado por un grupo criminal para roubar e o que fai a policía é detelo co saco.

A traxectoria deste artista urbano vai focada nesa liña. A súa colección, I, Robot, fai un apelo a que a sociedade tome consciencia de que a cuarta revolución industrial está por vir, unha revolución socioe-conómica para a que ninguén se está preparando e que terminará destruíndo a clase media. “Educamos os rapaces para traballos que non existirán no futuro”, alerta.

O artista madrileño opina que o acto de eliminar a súa obra non fai máis que retratar o Goberno de Madrid na súa maneira de contemplar a liberdade de expresión ou a posíbel crítica a el, a algo que saia do rego ou poida deixalo en evidencia. “Retiraron a peza mais non poden eliminar as fotos de Internet, non poden evitar que a xente siga reivindicando cousas. A silueta ainda está aí e é unha metáfora bonita”, conclúe.

Idoia  Ugarte

El País