O Congreso dos Deputados, co voto en contra de PP e Vox, aprobou na pasada segunda feira unha iniciativa de Unidas Podemos pola que se insta o Goberno a adoptar medidas para evitar a diseminación de mensaxes de odio nas redes sociais, facilitando a vixilancia e a eliminación inmediata.

 

Liberdade de Expressão - Conceito, o que é, Significado

 

 

O grupo de UP decidiu levar a debate da Comisión de Interior a proposta despois de comprobar que a irrupción da Covid xerou “unha crecente polarización” na opinión pública que, organizada por diferentes grupos de opinión, utiliza o espazo dixital para sinalar determinados individuos ou a grupos específicos como os causantes e responsabeis da crise sanitaria.”

Na súa iniciativa sosteñen que a dor colectiva derivada do coronavirus é “instrumentalizada con fins ideolóxicos” o que pon en risco a seguranza física e a integridade moral de quen é obxectivo destes “linchamentos” dixitais.

Neste contexto, Unidas Podemos, por boca do seu deputado Ismael Cortés, pediu que España siga o exemplo da Alemaña e a Franza, onde xa teñen leis que vixían e eliminan os discursos de odio que circulan no espazo dixital, e adopte as medidas necesarias neste sentido.

24 horas para os retirar da rede

A proposta do grupo confederal insta o Goberno a garantir que os usuarios das empresas tecnolóxicas dispoñan da información necesaria sobre como denunciar os contidos que inciten ao odio. En concreto, demandan que se simplifiquen os mecanismos para denunciar este tipo de mensaxes, que se reduza o tempo de procesamento dos contidos e que os operadores das empresas dispoñan de 24 horas para os eliminar da rede, e de só unha cando as vítimas foren menores de idade.

Esta proposición de lei foi apoiada tanto polo PSOE como por Esquerra Republicana (ERC), en canto o PP, Vox e Cidadanos a criticaron acusando os de Pablo Iglesias de pretenderen “atentar” contra a liberdade de expresión. “Queren implantar unha Inquisición laica contra todo aquilo que rompe os seus esquemas ideolóxicos”, manifestou o deputado de Vox Manuel Mariscal.

No PP Eloy Suárez tachou de “disparate” que os campeóns do “público” pretendan que as empresas tecnolóxicas privadas, e non os xuíces, decidan sobre o que está ben ou mal nas redes sociais e que sexa Podemos, o partido que “sinalou domicilios de xuíces e deputados para ‘escraches'”, o que promova agora esta iniciativa. “Vostedes poden criticalo todo mais a vostedes non se lles pode dicir a mínima palabra”, queixouse Suárez, apuntando que o seu partido defenderá a liberdade de expresión “até o último momento”.

Tamén prohibirán as mensaxes de odio á coroa?

Por último, o deputado de Cidadanos Pablo Cambronero dixo que o seu partido non podía estar en contra da proposta da formación morada mais sinalou a necesidade de prohibir todos os discursos de odio, non só un, e singularmente preguntou se nesa listaxe de discursos de odio están incluídas as afirmacións dos ministros de Podemos contra o Rei.

Vox quer prohibir actos de enaltecemento do terrorismo

Doutro lado, o Congreso rexeitou unha iniciativa de Vox que instaba o Goberno a prohibir os actos que impliquen enaltecemento do terrorismo e/ou xustificación dos delitos terroristas e os seus autores, así como dos que leven “descrédito” e “humillación” ás vítimas do terrorismo e os seus familiares.

“Etarras, non; vítimas si”, resumiu a secretaria xeral de Vox, Macarena Olona, que acusou o Goberno de actuar con “permisividade” con este tipo de actos “ignominiosos” como “concesión” ao PNV e Bildu, de cuxos votos depende a súa permanencia no poder.

Así as cousas, Vox pede ao Goberno que inste os seus delegados en Euskadi e Nafarroa a levaren a cabo as actuacións necesarias para impedir a celebración deste tipo de actos proetarras, a modificar a Lei de Recoñecemento e Protección Integral das Vítimas do Terrorismo para incluír un réxime sancionador para quen incumprir esta norma, e a atender as Recomendacións do Relatorio sobre as Conclusións e Recomendacións da Comisión Especial de Terrorismo do Parlamento Europeo de 21 de novembro de 2018.

A proposta dos de Abascal foi apoiada tanto polo PP como por Cidadanos, que tamén criticaron a “pasividade” do Executivo para con estas homenaxes, que cifraron á volta do centenar nos últimos anos, e esixiron pór fin á “indefesión” das vítimas

Uso partidista das vítimas

Con todo, o resto de grupos que interviñeron no debate, isto é, o PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana (ERC) censuraron a proposta de Vox e acusárono de continuar utilizando de forma “partidista” ás vítimas de ETA para o confronto político, como sinalou o deputado socialista Felipe Sicilia.

Na mesma liña expresouse o deputado Enrique Santiago, en nome de Unidas Podemos, quen entende que se poida “empatizar” coas vítimas mais non “patrimonializalas”. “Toca normalizar a situación en Esukadi e non vivir da rendibilidade da dor”, dixo Santiago, quen tamén reclamou á esquerda abertzale abandonar “as ostentacións públicas” nesta materia.

E desde ERC María Carvalho criticou a “obsesión interpretativa” do terrorismo debido ao uso, ao seu xuízo, “indebido” e “interesado” que viñeron facendo o PSOE e o PP e para coa banda terrorista ETA e que algunhas das súas vítimas xa denunciaron.

Media Vida