O Pleno, por maioría, rexeitou o recurso interposto por varios grupos políticos contra a Lei Orgánica 1/2015.

 

 

O Pleno do Tribunal Constitucional por maioría rexeitou o recurso de inconstitucionalidade interposto por máis de 50 deputados dos Grupos Parlamentares Socialista; Catalán de Converxencia i de Unió; EU, ICV-EUiA: A Esquerda Plural; Unión Progreso e Democracia; Vasco (EAJ-PNV) e Mixto contra varios apartados do art. único da Lei Orgánica 1/2015, de 30 de marzo, de modificación do Código Penal, que introduciu a pena de prisión permanente revisábel.

A sentenza, da que foi relatora a vicepresidenta Encarnación Roca, subliña que a pena de prisión permanente revisábel non é desproporcionada e por iso non vulnera o dereito á liberdade persoal do art. 17.1 da Constitución, nin o dereito á legalidade penal do art. 25.1 da Constitución, pois o cumprimento en centro prisional un mínimo de 25 anos -e de 28, 30 e 35 anos en casos especiais de pluralidade de condenas, terrorismo e organización criminal- constitúe unha resposta penal que non excede de maneira manifesta a prevista noutros supostos de delincuencia grave.

Tampouco son vulnerados os principios de reeducación e reinserción social proclamados como principios orientadores da execución das penas privativas de liberdade no art. 25.2 da Constitución, porque o seu cumprimento há de verificarse conforme aos parámetros da Lei Orgánica Xeral Penal e a súa normativa de desenvolvemento, que establecen un sistema individualizado en que o tratamento e o réxime prisionais que se aplican ao condenado se adaptan en todo momentos ás súas circunstancias persoais e á súa evolución persoal. Desta maneira cúmprense os estándares europeos sobre o tratamento que debe dispensarse aos condenados a penas perpetuas ou de longa duración.

No entanto, o Tribunal, após un estudo en profundidade dos preceptos impugnados, declara a súa constitucionalidade mais esixindo unha interpretación conforme á Constitución en dous aspectos singulares:

a) Unha vez concedida, a liberdade condicional só poderá ser revogada se se volta a delinquir ou se infrinxen as prohibicións e regras de conduta establecidas no auto de liberdade condicional.

b) A revogación da liberdade condicional non pode impedir que o penado poida obter nun futuro unha nova revisión da pena, pois recusarlle definitivamente toda expectativa de liberdade sería incompatíbel coa Constitución.

Por outra banda, a sentenza explica que a pena de prisión permanente non vulnera o dereito fundamental a non sufrir penas ou tratos inhumanos ou degradantes garantido no art. 15 da Constitución, na medida en que pode ser revisada após o cumprimento dun período mínimo de 25 anos en centro prisional, mediante a concesión ao penado polo tribunal sentenciador da liberdade condicional, a condición de que este cumpra as condicións legais exixibeis para iso, isto é, boa conduta, estar clasificado no terceiro grao penitenciario, prognóstico positivo de comportamento futuro en liberdade.

Neste sentido, a sentenza toma en consideración os pronunciamientos precedentes do propio Tribunal Constitucional, así como do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos que consideran a revisabilidade da pena como factor determinante da súa lexitimidade.

Votos particulares
A sentenza inclúe un voto particular formulado de maneira conxunta polos maxistrados Juan Antonio Xiol Ríos e Cándido Conde-Pumpido Tourón e a maxistrada Maria Luisa Balaguer Canellón, no que consideran que o recurso debería ser estimatorio e, portanto, declarativo da inconstitucionalidade da regulación da pena de prisión permanente revisábel.

Tres son as razóns en que sustentan a súa posición favorábel á declaración de inconstitucionalidade dunha pena privativa de liberdade indeterminada e potencialmente indefectíbel para sempre como a que representa a pena permanente revisábel. A primeira fúndase na regra básica de xustificación de sistema xurídico español, vinculada ao constante perfeccionamento da democracia como proxecto civilizador unido na súa esencia á protección dos dereitos humanos, cuxo eixo central no debate sobre as penas se sitúa na súa humanización (arts. 10.1 e 15 CE). Os dous seguintes refírense a dereitos e principios constitucionais informadores do ius puniendi estatal, como son o mandato de reinserción social (art. 25.2), do que decorre a prohibición de penas potencialmente a perpetuidade; e os dereitos á liberdade (art. 17.1 CE) e á legalidade sancionadora (art. 25.1 CE), en relación co principio de seguranza xurídica (art. 9.3 CE), dos que decorre a prohibición de penas temporalmente indeterminadas.

A eses efectos, inciden en que a proxección dos principios de non limitación, de non regresión e de progresividade, interpretados en conxunto, se levanta como un argumento contra a constitucionalidade da pena de prisión permanente revisábel. O principio de non limitación impide que a mera conformidade desta pena co establecido no Convenio Europeo dos Dereitos Humanos leve a súa constitucionalidade, xa que o estándar constitucional esixe aceptar un nivel superior de protección dos dereitos. O principio de non regresión, que proscribe o retorno pexorativo no nivel de consolidación dos dereitos sen razóns extraordinarias que o xustifique, determina a inconstitucionalidade desta pena, xa que non se xustifica suficientemente desde a perspectiva constitucional o retorno a unha pena que levaba case cen anos desaparecida e que durante case corenta anos do presente réxime democrático non se considerou necesaria polo lexislador nin sequera en contextos en que certos delitos de extrema gravidade parecían pór en perigo a paz social e a propia pervivencia do sistema constitucional. O principio de progresividade do mandato de reinserción social do art. 25.2 CE propicia a inconstitucionalidade desta pena pola súa potencial perpetuidade, xa que este mandato está vinculado no dereito constitucional comparado coa abolición expresa deste tipo de penas, que non resultou historicamente necesaria na Constitución por considerarse entón que ese mandato servía de previsión suficiente contra a reinstauración de penas perpetuas. Tamén se incide, por último, en que de conformidade coa xurisprudencia constitucional previa, as penas con límites máximos indeterminados vulnera os dereitos á liberdade (art. 17.1 CE) e á legalidade sancionadora (art. 25.1 CE) e o principio de seguranza xurídica (art. 9.3 CE).

De todo iso conclúese no voto particular que a presenza desta pena na lexislación penal é un elemento de obxectivo empobrecimento do sistema xurídico democrático español e un exemplo de regresión civilizadora que o converte nunha anomalía histórica que se afasta dos principios liberais no cumprimento das penas. Igualmente, destácase que a maturidade e grandeza dun Estado social e democrático de dereito tamén se demostra cando é capaz de alzarse e mostrarse resistente con demandas sociais supostamente maioritarias de implantación de penas que materialmente supoñen unha regresión na racionalidade do ordenamento penal e nas cotas de avance civilizador que implica a propia democracia, sendo responsabilidade de cada xerazón reforzar a xustificación do sistema xurídico democrático perfeccionando a protección dos dereitos fundamentais e aprofundando nos valores e principios vixentes co fin de sentar precedentes que permitan ás xeracións futuras continuar avanzando nesa inmensa tarefa de humanización.

O maxistrado Cándido Conde-Pumpido Tourón noutro voto particular tamén expresa a súa discrepancia específica coa concreta regulación legal a respecto da suspensión da execución da pena de prisión permanente revisábel, xa que os requisitos que se esixen determinan que esa suspensión sexa practicamente inalcanzábel para o condenado: o carácter inicialmente indeterminado da pena, a duración e intensidade da reacción penal que contempla e as dificultades que impón ao mandato constitucional, segundo o cal as penas privativas de liberdade han estar orientadas cara á reeducación e reinserción social dos condenados. Na súa opinión, as rigorosas condicións que esixe o art. 92 CP (para suspender a pena) afástanos cuantitativamente dos modelos europeos de referencia e desatende o mandato de resocialización expresamente recollido na Constitución como principio orientador do sistema de penas privativas de liberdade (art. 25.2 CE).

Noticias Jurídicas