Nas monarquías parlamentares modernas o xefe de Estado só é inviolábel no exercicio das súas funcións políticas, mais non no que se refire á súa parcela como persoa física sometida ao imperio da lei.

 

 

A comezos desta semana, o Tribunal Constitucional declaraba a ‘inconstitucionalidade’ e ‘nulidade’ da resolución do Parlament de Cataluña que no pasado 7 de marzo aprobou a creación dunha comisión de investigación sobre o patrimonio e as actividades empresariais da Familia Real española. Coa súa iniciativa, a Cámara Autonómica pretendía abrir un proceso xudicial para indagar a suposta relación entre o rei emérito, Juan Carlos I, e a aristócrata Corinna zu Sayn-Wittgenstein por mor dunhas gravacións de audio sobre a cobranza de supostas comisións na construción da AVE á Meca.

A sentenza do Constitucional entende que o Parlament carece de toda competencia á hora de ordenar unha ‘investigación xenérica da Familia Real’ e corta desta feita o camiño a que os tribunais ordinarios de Xustiza inspeccionen as contas da Zarzuela. Alén de non deixar de ser chocante que nunha democracia consolidada como a nosa o poder lexislativo, máximo órgao de representación dos cidadáns, poida ficar supeditado ao poder real que ostenta a Xefatura do Estado, a sentenza do Alto Tribunal volve pór en cima da mesa unha cuestión fundamental non resolvida desde 1978. Estamos a falar de se o rei, nunha monarquía parlamentar, debe estar absolutamente ‘blindado’, non só no que se refire aos seus actos políticos, quer dicir, aqueles que executa en cumprimento da súa función pública na secuencia das decisións adoptadas polo Consello de Ministros, senón os que leva a cabo como persoa física, como mero particular, como un cidadán español máis que está sometido (ou polo menos debería estar) ao imperio da lei. O mesmo Juan Carlos deu coa chave do asunto naquel famoso discurso de nadal cando, ás portas do inmenso escándalo Urdangarin que se estaba xestando (e que afectaba de cheo a súa filla, a infanta Cristina), dixo aquilo de que a Xustiza debe ser igual para todos.

A inviolabilidade do rei é sen dúbida unha reminiscencia do pasado, un rastro das monarquías absolutas que gobernaron omnímodamente na Europa durante séculos. Así, tal como se entendía o poder no réxime feudal, a lexitimidade dos monarcas absolutistas emanaba directamente de Deus, polo que os reis e raíñas só respondían dos seus actos diante da divindade suprema. A Revolución Francesa acabou coa monarquía en Francia e por influencia veu corrixir o status real noutros países do vello continente. Contodo, naqueles Estados onde o sistema político virou do absolutismo á monarquía parlamentar seguiron subsistindo privilexios ancestrais, xa non emanados por orde do Espírito Santo, senón por un contrato social, un acordo entre os cidadáns e a monarquía. A Constitución dos Estados Unidos de 1787 que recoñeceu dereitos fundamentais das persoas; a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, aprobada pola Asemblea Nacional Constituínte francesa o 26 de agosto de 1789; e moito máis recentemente a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948) viñeron pór os reis no seu xusto lugar: ningún monarca podía estar por cima do imperio da lei.

E neste punto é onde volvemos de novo ao espiñento asunto da inviolabilidade do rei consagrada na Constitución Española de 1978, que de resto é filla do seu tempo. Hoxe estamos en 2019 e resulta evidente que urxe unha reforma constitucional para retirar ao monarca esa última prerrogativa case feudal e facer efectivo o artigo 14 do noso texto constitucional que establece que todos os españois son iguais perante a lei, incluído o xefe de Estado (por suposto), sen que poida prevalecer discriminación algunha, neste caso por razón de condición ou circunstancia persoal e social.

A ‘inviolabilidade absoluta’ do monarca é indefendíbel en pleno século XXI. É tanto como pretender que un rei contemporáneo poida gozar do dereito de pernada cos seus súbditos. Por iso parece lóxico que a reforma constitucional siga mantendo certo grao de inviolabilidade para os actos políticos do rei na súa relación co Consello de Ministros, mais non para o inmunizar fronte a delitos como a fraude, o roubo, a malversación de caudais públicos, o tráfico de influencias, o abuso sexual ou o homicidio. ‘Non creo que a ninguén lle ocorra manter, a estas alturas, que o rei goza dunha inviolabilidade absoluta ou ilimitada, calquera que sexa a natureza dos feitos delituosos que poida ou puider cometer’, asegura o prestixioso xurista José Antonio Martín Pallín.

É certo que todas as Constitucións outorgan algún tipo de privilexio, en maior ou menor grao, aos seus respectivos xefes de Estado, mais sempre cando se debate, exclusivamente, sobre actos realizados no exercicio das funcións propias do seu cargo. Cando se trata de investigar os mandatarios por delitos tipificados no Código Penal, o principio de inviolabilidade cede en favor do cumprimento da lei, como non pode ser doutra maneira. De feito, ‘España incorporouse a esta corrente dominante nas sociedades democráticas ao adaptar, no ano 2015, as normas internacionais sobre os privilexios e inmunidades dos xefes de Estado’, lembra Martín Pallín.

En calquera caso, a inviolabilidade non pode esgrimirse de ningunha maneira, non xa ante unha hipotética sentenza contra o rei, senón ante unha incipiente investigación xudicial, como era o caso Corinna, en que o Alto Tribunal non quixo entrar. Na súa sentenza, o tribunal de garantías manifestouse de forma unánime ao considerar que tanto a comunidade autónoma como a súa cámara lexislativa carecen de atribucións competenciais para pediren o que pide respecto da Casa Real, xa que se terían conculcado os artigos 59.6 do Estatuto Autonómico de Cataluña e 67.1 do Regulamento do Parlament, respectivamente.

A sentenza, da que foi relator o maxistrado Antonio Narváez, sinala que ‘o Parlamento de Cataluña, ao adoptar a súa Resolución -a número 298/XII-, fixo uso dunha potestade estatutaria nun sentido que non é conforme á Constitución, pois ningunha competencia ostenta a Generalitat -ou calquera comunidade autónoma- para dispor cousa algunha sobre órgaos das institucións xerais do Estado”. Portanto, esta actuación incorrería nunha ‘incompetencia manifesta’, a xuízo dos maxistrados. Con este fallo, o Alto Tribunal perdeu unha oportunidade de ouro, case perfecta, para acoutar e delimitar un dereito real absoluto e total, o da inviolabilidade do monarca, que máis tarde ou máis cedo terá que ser regulado.

José Antequera

Diario16