Hai uns días coñecemos a noticia do acordo a que chegaran o Ministerio Público, a acusación particular e a defensa de dous policías de Estepona (Málaga) que violaron unha moza de 18 anos. O acordo, en que se valora o pagamento dunha indemnización de 80.000 euros, supón a suspensión da pena imposta, dous anos de prisión, coa condición de os axentes realizaren un curso de reeducación sexual.

 

Oficiales de la Policía Local de EsteponaAxentes da policía de Estepona – Fotografía de arquivo

 

Jorge Ollero Perán

Un caso similar, cometido polo capataz contra unha xornaleira en Murcia, tamén tivo unha solución xudicial parecida. Os feitos son moi graves e a resposta da Xustiza xerou multitude de reaccións en contra, que sinalan que estas sentenzas de conformidade desprotexen as vítimas de violencia sexual e mandan a mensaxe de que un pode sair impune tras unha violación se paga unha determinada suma de diñeiro.

Non entrarei a valorar os pormenores xurídicos das sentenzas nin do voto particular do maxistrado malagueño que se mostra en contra da suspensión, pois non creo que os argumentos xurídicos poidan mudar a sensación de inxustiza e desconcerto que provoca en grande parte da sociedade a resposta que se deu a este feitos. Iso si, quero deixar claro que non creo que a imposición de penas de prisión de 30 anos de duración (que era a petición inicial de Procuradoría nun dos casos) contribúa a eliminar o machismo, o abuso de poder e desprezo á dignidade das mulleres que están na raíz destes feitos.

Non creo que para facer xustiza necesariamente haxa que impor longas penas de prisión. Si creo, ao contrario, que calquera resposta a condutas tan daniñas e inxustas como esta necesita ter como base uns elementos diferentes aos que se produciron neste caso. Creo que facer xustiza non é sinónimo de castigar con dureza e exemplaridade senón que require partir doutros principios e valores: eses principios e valores son os da xustiza restaurativa.

Hai quen pensa que a xustiza restaurativa é algo parecido ao que aconteceu en Málaga e en Murcia: mediar entre as partes para chegar a acordos que rebaixen as penas. Quer dicir, hai quen pensa que o que acontece nunha mediación penal restaurativa é o mesmo que o que ocorre cando se pacta unha sentenza de conformidade. Mais non é así. De feito é o contrario.

A xustiza restaurativa é o contrario de minimizar os feitos e xerar impunidade. É o contrario porque a xustiza restaurativa implica suscitar o sentido de responsabilidade de quen xerou o dano e iso require a asunción auténtica da inxustiza cometida. A auténtica responsabilización é o oposto á minimización e as escusas.

A xustiza restaurativa é o contrario de silenciar e desprotexer ás vítimas. É o contrario porque a xustiza restaurativa implica a participación da vítima, garantindo a súa seguranza e evitando calquera revitimización. Díxose que nestes casos se chegou á sentenza de conformidade porque as vítimas non querían revivir no xulgamento o acontecido.

Certamente isto será verdade, e é moi comprensíbel, porque un xulgamento sempre será un espazo adversarial, incómodo e cuestionador para as vítimas, que non son tratadas como tales senón como elementos probatorios da culpabilidade do ofensor (así o esixe o principio de presunción de inocencia). Ao contrario, a xustiza restaurativa ofrece un espazo de seguranza, de intimidade e de escoita, onde a vítima pode contar o que lle aconteceu, expresar os seus medos e necesidades, ser tratada como ser que sofre e sobrevive, que é capaz de superar ese sufrimento, e non como mero medio de proba.

A xustiza restaurativa é tamén o contrario de ignorar os desequilibrios de poder, pois as equipas multidisciplinares que facilitan os procesos de xustiza restaurativa teñen como obrigación garantir que o diálogo restaurativo se produza nun plano de igualdade e, para iso, saben que han de remediar a desigualdade de partida que existe entre quen danou inxustamente e quen sufriu ese dano. Empoderar a vítima frente ao ofensor forma parte da intervención restaurativa.

Por último, a xustiza restaurativa é o contrario da privatización da xustiza. É o contrario porque a xustiza restaurativa é consciente de que os delitos non son apenas unha agresión aos dereitos das vítimas senón tamén unha ruptura das normas de convivencia que nos demos como sociedade.

Por iso, os procesos restaurativos entenden a reparación do dano dun modo amplo e buscan a responsabilización do vitimario como paso necesario para reparar o dano material e moral causado ás vítimas e á sociedade no seu conxunto. A xustiza restaurativa non só repara o dano, tamén restaura a vixencia das normas quebrantadas.

Por todo iso, a xustiza restaurativa é aplicada con éxito en moitos lugares do mundo, tamén en Nafarroa, en delitos contra a liberdade sexual.

E por iso é importante que se garanta o carácter público dos servizos de xustiza restaurativa, como recolle o Anteproxecto de Lei Foral de Xustiza Restaurativa e Mediación que estamos a tramitar desde o Departamento de Políticas Migratorias e Xustiza. Esta Lei Foral, que será pioneira en España e Europa, promove a abordaxe social e comunitaria da xustiza restaurativa e garante elevados estándares de calidade, incluíndo de maneira transversal a perspectiva de xénero e a protección ás vítimas.

A Comunidade Foral de Nafarroa leva décadas apostando pola abordaxe restaurativa e é unha das rexións onde máis afianzados están estes procesos. A Lei Foral parte deste traballo previo, impulsionado pola sociedade civil e apoiado polas institucións navarras, e contribuirá tamén a que aumente a formación e a sensibilización social sobre a paradigma restaurativo. Compre estender a idea de que a resposta restaurativa non é unha resposta leve, só aplicábel para delitos leves, senón que é unha resposta que consegue a reparación e a responsabilización en delitos de calquera gravidade e con pleno respecto a todas as garantías do sistema penal, xa que forma parte do servizo público de Xustiza.

Hai teorías do dereito que din que o dereito penal non só ten unha función preventiva e retributiva senón tamén unha función expresiva: quer dicir, expresa de maneira clara o rexeitamento que a sociedade manifesta ante determinadas condutas inadmisibeis. Facer xustiza en casos como estes significa dicir alto e claro que non toleramos a violencia sexual. Creo que a xustiza restaurativa é capaz de dicir iso máis alto e máis claro que calquera sentenza de conformidade, máis alto e máis claro que calquera sentenza exemplarizante.

Noticias de Navarra