Entre 2014 e 2019, o Goberno español adxudicou, como mínimo, 660,4 millóns de euros ás empresas do negocio antimigratorio através de máis de 1.677 contratos públicos, a maioría sen concurso público.

 

ILUSTRACIÓN: DIANA MORENO

 

A política migratoria europea e española deixa un saldo record de vítimas mortais no Mediterráneo, condena a millares de persoas á clandestinidade e reduce as oportunidades que a migración ofrece nos planos social, cultural e económico, unha realidade que a crise do coronavirus pon novamente en evidencia. Ante este escenario, xorden dúas grandes preguntas: Por que Europa e España manteñen un modelo de control migratorio ineficaz? Quen gaña co negocio antimigratorio? Unha investigación de porCausa e Público pon nome aos beneficiarios da Industria do Control Migratorio.

As políticas antimigratorias da Unión Europea (UE) e o discurso de odio contra os migrantes consolidan un novo mercado en que numerosas empresas, principalmente armamentísticas e de seguranza, lucran exclusivamente con contratos públicos. O Reino de España, fronteira sur de Europa, xa é un dos principais terreos de xogo da Industria do Control Migratorio (ICM). Desde 2014 até 2019, o Goberno español adxudicou -como mínimo- 660,4 millóns de euros ás empresas do negocio antimigratorio através de máis de 1.677 contratos públicos, a maioría sen concurso público. Todos estes contratos están disponibeis neste banco de datos aberto de porCausa..

Apenas o 4,5% das persoas que migram a Europa fano por vías irregulares. Trátase de persoas que, independentemente dos seus motivos para migraren, non contan cunha vía segura e legal para iniciar a viaxe. A loita contra a migración irregular converteuse nunha das grandes prioridades da UE, e unha das que máis consenso obtén entre os países comunitarios. A resposta a esta obsesión, eminentemente militar e securitaria, obedece a unha rede de intereses económicos e ideolóxicos que non contempla abrir vías legais e seguras para quen desexa migrar a un país europeo. Isto tradúcese en grandes sumas de diñeiro destinadas a frear a migración irregular a base de blindar as fronteiras e externalizar o control migratorio e acelerar as deportacións através de acordos con Marrocos, Turquía, Libia -este último, considerado un Estado falido- e outros países veciños, moitos gobernados por réximes autoritarios ou sen estándares básicos de respecto aos dereitos humanos.

O réxime migratorio europeo deixa un saldo récord de vítimas nas rotas á Europa, especialmente no Mediterráneo. Os dous grandes beneficiarios deste modelo son os grupos criminosos de tráfico de migrantes e a Industria do Control Migratorio. Entre perdedores e vencedores, aflora unha contradición: o 13% dos traballadores esenciais en Europa cun papel decisivo durante a crise da covid-19 son migrantes extracomunitarios, segundo os datos máis recentes da Comisión Europea.

O Goberno de España cifra en 30.000 millóns a despesa pública extra que necesitará para pagar os ERTE e facer frente a outros gastos excepcionais como resposta á pandemia da covid-19 e o estado de alarma. É unha cantidade similar á que a UE destinará a control migratorio e de fronteiras (30.829 millóns) entre 2021 e 2027, segundo o seu novo cadro orzamental. Nese período, a UE tamén consagrará 24.322 millóns de financiamento público para defensa e seguranza.

A Industria do Control Migratorio é un dos negocios con mellor perspectiva de futuro no territorio europeo. Na última década, unha ampla rede de políticos e empresarios, principalmente do sector armamentístico e a construción, lograron consolidar un novo mercado ao redor da securitización das migracións e a militarización das fronteiras.

Os capos do negocio migratorio deixan certo espazo a organizacións sen ánimo de lucro, que cumpren a tarefa secundaria de asistir os migrantes, e aproveitan a súa influencia mediática e política para situar as migracións como un problema de seguranza. A reconstrución postcoronavirus obrigará moitos Estados a axustar os seus orzamentos, mais a industria do control migratorio non avista nubes no horizonte: a incerteza, o medo e a instabilidade social son bazas favorabeis para o seu negocio.

España é un dos principais mercados desta industria, que converteu a fronteira sur española nun laboratorio para ensaiar proxectos antimigratorios que despois son exportados a outros países da rexión. Comezando polo uso da axuda ao desenvolvemento como mecanismo de presión, un modelo que o conxunto da UE replicou despois durante a crise de acollemento de 2014. A concertina (láminas de aceiro) da cerca de Melilla, subsidiada con fondos europeos e fabricada por unha empresa malagueña, xa coroa as cercas de varios países dos Balcáns e do norte de Europa.

 

 

O éxito dos drons estacionados no litoral atlántico español e o estreito de Xibraltar xa inspira novos proxectos no Mediterráneo. O novo experimento estrela son CÁTEOS, cárceres ‘express’ para migrantes, repartidas polo sur de España e cofinanciadas por Europa e España. Até a data o Goberno non publicou ningún contrato sobre estes centros de detención de migrantes. Unha nota do Ministerio do Interior indica que só en 2019 foron investidos máis de 6,5 millóns de euros en obras e servizos relacionados con estes centros.

A Industria do Control Migratorio viviu o seu mellor momento en 2015, coincidindo coa chamada ‘crise dos refuxiados’ e a aprobación de grandes programas de financiamento para fechar as fronteiras de Europa. Trátase dun sector de alta rendibilidade que vive exclusivamente do diñeiro público e que xustifica a súa opacidade sob pretexto da «defensa nacional e europea».

O crecemento da Industria non consegue frear o fluxo de persoas que migran: sobe o número de mortos no Mediterráneo, crece a letalidade doutras rotas migratorias e aumenta a poboación migrante encarcerada. Investigadores e xornalistas de todo o mundo informan sobre a traxedia humanitaria que viven millares de persoas ás portas de Europa, en Libia, Marrocos ou Turquía. As vítimas están claras, mais, quen gaña co negocio antimigratorio? Quen está por trás da Industria do Control Migratorio?

*Ningunha destas empresas privadas e institucións públicas responderon as preguntas desta investigación: Ministerio do Interior, Ministerio de Defensa, Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, Ministerio de Transportes, Indra, Everis, Acciona, Babcock, Evelop, Swiftair, Air Europa, Amper, O Corte Inglés, ACS, Ferrovial, Eulen e Telefónica.

PorCausa/Público