O relatorio correspondente a 2020 recolle diferentes actuacións contrarias aos dereitos humanos por parte da Policía Nacional, a Garda Civil ou funcionarios de Prisións. Tamén se inclúen datos relacionados con centros de menores.

 

Cárcel española           Interior dun cárcere español nunha imaxe de arquivo.  EFE

 

 

 

As denuncias de torturas e malos tratos en dependencias policiais, prisións e centros de menores en España acharon reflexo nun relatorio oficial. O Comité Europeo para a Prevención da Tortura (CPT) identificou unha serie de vulneracións aos dereitos humanos neses ámbitos, tal como fica exposto no relatorio sobre o Reino de España que nesta terza feira publicou este organismo.

O documento que acaba de ver a luz foi elaborado após a visita realizada en setembro de 2020 por unha delegación do CPT, que “examinou o trato e as condicións de detención de homes e mulleres recluídos en varias prisións e nos dous hospitais psiquiátricos penitenciarios de Alacant e Sevilla, así como nun centro de detención para menores en Alxeciras”. Alén do máis, “foi examinado o trato e as garantías ofrecidas ás persoas privadas de liberdade pola Policía”.

No todo, o relatorio documenta 21 casos de torturas ou malos tratos a mans da Policía Nacional, a Garda Civil, funcionarios de Prisións e persoal de centros de internamento de menores. Nesa liña, destaca que “a delegación do CPT recibiu un número importante de denuncias de malos tratos, mesmo de menores, que afectaban principalmente á Policía Nacional”.

“Os malos tratos foron inflinxidos supostamente quer como medio para obrigar os sospeitosos a proporcionaren información ou confesaren determinados delitos, quer para os castigar polo suposto delito cometido”, indica.

Do mesmo xeito, “a delegación escoitou algunhas denuncias de abusos verbais dos axentes de policía dirixidos a persoas detidas, en particular a estranxeiros, e de alxemas excesivamente apertadas”. De feito, o relatorio fai referencia a varios casos de malos tratos a título de exemplo.

“É necesaria unha acción concertada para abordar o problema dos malos tratos por parte dos axentes da lei. Isto debería incluír unha mensaxe clara por parte do Ministro do Interior e dos reponsabeiss da Policía de que tal comportamento é ilegal e pouco profesional, e que será sancionado en consecuencia”, subliña.

Por outro lado, o CPT “reitera a importancia dunha supervisión e formación adecuadas dos axentes das forzas da orde, e da necesidade de levar a cabo investigacións eficaces sobre as denuncias de malos tratos”. Tamén subliña a importancia de as gravacións das cámaras de seguranza “seren almacenadas durante un mínimo de 30 días en todas as instalacións das forzas da orde”.

O documento recolle diferentes casos concretos de malos tratos policiais. Un deles, por exemplo, relata que “un menor estranxeiro foi detido ás 15.00 do 26 de setembro de 2020 na Casa de Campo de Madrid. Alegou que cinco policías acudiron deter outros menores e que el travou con eles nunha discusión verbal que levou un axente a darlle unha pancada no pescozo e o atirar ao chan”.

“Inmobilizárono no chan e un axente púxolle un xeonllo na cabeza e outro nas costas entanto o alxemaban coas mans nas costas. Posteriormente, relatou que foi sometido a múltiplos pontapés, puñadas e pancadas de porra en varias partes do corpo cando estaba estendido no chan. O SAMUR que acudiu á comisaria observou hematomas no cóbado e o ombro esquerdos, alén dunha excoriación (desgaste da pel) visíbel na testa”, describe.

O relatorio recolle outro caso en Valencia, orixinado ao que parece por unha discusión cun home que non levaba máscara e a quen o policía empurrou contra a parede e deu unha puñada na cara. “Outros axentes agarrárono polos brazos, torcéronllos e aplicáronlle as alxemas con forza”, relata. O médico do CPT “observou marcas de alxemas en ambos os pulsos e unha hemorraxia subconxuntival no ollo esquerdo cando o detido foi entrevistado unhas 10 horas despois”.

Tamén en Valencia, “un cidadán estranxeiro con escaso nível de español relatou que o 11 de xuño de 2020 foi detido por axentes de policía vestidos á paisana e que, unha vez deitado no chan, apuntáronlle cunha pistola á cabeza e recibiu varios golpes de porra no corpo. Afirmou que o puxeron en fila con outros oito sospeitosos e fixérono axeonllar frente a unha parede ao mesmo tempo que o alxemaban coas mans nas costas. Despois foi levado á esquina onde varios axentes lle propinaron múltiplas puñadas no corpo”.

Presos espancados

No ámbito de Prisións, a delegación do CPT recibiu un grande número de alegacións consistentes e verosímeis de malos tratos físicos recentes por parte do persoal, sobretodo nos módulos ordinarios denominados “conflituosos” que se considera acollen os presos máis difíceis e nos módulos de réxime fechado e departamentos especiais.

Os reclusos que cometeron actos de autolesión, algúns dos cales padecen doenza mental, tamén alegaron que foron maltratados como castigo por se teren autolesionado.

O relatorio do CPT indica que “na maioría dos casos, os supostos malos tratos consistían en pancadas na cabeza e na parte superior do corpo por parte de funcionarios que levaban luvas. Contodo, en todas as prisións visitadas recibíron outras denuncias moito máis graves de puñadas, pontapés e golpes con porras”.

“En varios casos, os supostos malos tratos foron aplicados como castigo informal a seguir incidentes en que o persoal considerou que os presos foran desobedientes (por exemplo, por participaren nun altercado verbal, por chegaren tarde ao fechamento da cela ou por incomodar os funcionarios durante esa tarefa) ou despois de casos de violencia entre presos”, sinala.

Público