Terceira semana de xulgamento ao procés e o/as observadore/as internacionais do International Trial Watch (ITW) volven facer público un relatorio en que, entre outras cousas, critican as preguntas “suxestivas” do Ministerio Fiscal. Aseguran que a procuradoría “incorreu en imprecisións e en preguntas que poderían ser suxestivas e/ou capciosas”.
Neste sentido, o relatorio salienta o interrogatorio a Josep Rull “atribuíndo expresións inexistentes a un documento” e o interrogatorio a Dolors Bassa, a quen se lle preguntou por un correo electrónico que non consta nas acusacións. Da mesma maneira, consideran “preocupante” que non se traducise o contido da causa ao catalán, feito que pode provocar confusións como un chío de Bassa que a fiscalía non interpretou ben.
O relatorio corresponde aos interrogatorios da semana pasada (a segunda do xuízo) en que John Philpot, pioneiro en Dereito Penal Internacional; Paul Newman, doutor en Filosofía sobre a situación dos dereitos humanos no norte de Sri Lanka; Bill Bowring, membro do European Association Advocats for Democracy & World Human Rights, e Joaquín Urias, exletrado do Tribunal Constitucional, foron os observadores que o ITW enviou ao xuízo no Supremo.
Outro feito que disparou as alarmas dos expertos son os horarios dos interrogatorios: a semana pasada os presos políticos pasaron moitas horas no Supremo, o que provocou que chegasen á prisión a altas horas da noite e que no día seguinte tivesen que levantarse ás seis da mañá para voltar ao Supremo.
O ITW fíxase tamén nas “preguntas preocupantes” que o Ministerio Fiscal e a Avogacía do Estado realizaron a Jordi Sànchez, xa que cren que “as acusacións inverten a orde interpretativa constitucionalmente esixíbel cando hai dereitos fundamentais en xogo”.
Lugares reservados
Máis unha vez, os observadores fixeron un chamado para que o Supremo reserve lugares para asistiren ao xuízo de maneira que non teñan que recorrer ao sistema da audiencia pública. Segundo os expertos internacionais, este método é complicado e dificulta a súa asistencia ás sesións. Os que queren participar como público teñen que facer fila horas antes do inicio das sesións e teñen que entregar os dispositivos electrónicos.
A equipa desta semana esperando desde as 06:00 da mañá diante do Supremo
Quen participará na equipa de observación desta semana?
Finalmente, o relatorio que envía o International Trial Watch deixa constancia de quen asistirá esta terceira semana de xulgamento: Jelle Klaas, avogado penalista e director de litixio da Dutch Section of the International Comissions of Jurist; Susanna Marietti, Coordinadora nacional de Antigone (asociación que loita polos dereitos no sistema penal); Patrizio Gonnella, presidente da Asociación Antigone; Mathieu Crettenand, adxunto no reitorado da Universidade de Xenebra, e Iñaki Lasagabaster, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade do País Vasco.
Alba Solé