El Defensor del Pueblo Andaluz inicia unha actuación de oficio ante o Goberno español e ante a Consellaría de Igualdade para que se estude se é preciso redistribuir as equipas de apoio de Institucións Penitenciarias. No que vai de ano, a provincia de Sevilla acumula o 11,1% dos falecementos dentro dos cárceres españois (10 de 90). A APDHA alerta do “forte aumento de mortes asociadas ao consumo de drogas”.

 

El centro penitenciario Sevilla II / Imagen: Ministerio del Interior                  O centro prisional Sevilla II, en Morón de la Frontera MINISTERIO DO INTERIOR

 

O Defensor del Pueblo Andaluz iniciou unha actuación de oficio perante a Consellaría de Igualdade e Políticas Sociais e a Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias para que sexa revisada a distribución dos diferentes profesionais das chamadas Equipas de Apoio a Institucións Penitenciarias. O obxectivo é que se estude a posibilidade de aumentar ou redistribuír o seu número entre os distintos centros ante unha posíbel “desproporción” na provicia de Sevilla de mortes dentro do recinto prisional.

E é que, através de diversos medios de comunicación, na institución dirixida por Jesús Maeztu tiveron coñecemento de recentes falecementos de internos nos centros prisionais de Sevilla, segundo a referida información, por posíbel sobredose. Tamén se alude a que, no que vai de ano (de xaneiro a outubro) producíronse dez falecementos nestes centros frente aos 90 ocorridos na totalidade de centros prisionais españois. Quer dicir, o 11,1% dos falecementos nos cárceres españois tiveron lugar na provincia de Sevilla. Cinco deles parecen estar relacionados cunha sobredose, en tanto o resto poden estar relacionados con outras cuestións.

O Defensor facía referencia nun anterior escrito de queixa ao feito de no ámbito prisional concorreren accións e políticas en que intervén a xestión da Administración Xeral do Estado, através da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, e a propia Xunta de Andalucía, responsábel do exercicio de competencias tan sensibeis á actividade diaria da vida nos cárceres e dos seus internos como son a sanidade, asistencia social, a educación, etc.

Explícase na actuación de oficio que unha elevada percentaxe das persoas internas nos centros prisionais son drogodependentes e, “en moitos casos, cumpren condenas por delitos relacionados con este motivo, polo que o feito de teren acceso a esas sustancias é unha cuestión grave que dificulta, cando non imposibilita, a súa reinserción”.

Indícase tamén que “as medidas preventivas que han de ser tomadas dentro dos centros pola administración penitenciaria deben ter o seu respaldo tamén naqueloutras medidas alternativas que, no ámbito competencial da comunidade autónoma andaluza, ten atribuída a Consellaría de Igualdade e Políticas Sociais”. “Resulta evidente que o exercicio destas políticas destinadas á prevención, tratamento e superación das drogodependencias esixen a coordenación nesta materia entre os distintos estamentos implicados, priorizando programas de prevención, desenvolvendo estratexias de intervención e axilizando o acceso aos recursos establecidos”, argumenta o Defensor.

Os recentes falecementos do pasado mes de outubro “preocupa” a institución do Defensor del Pueblo Andaluz e obrígao a tomar un maior coñecemento da situación”, co fin de interesar “posibeis medidas a adoptar a respecto diso na provincia de Sevilla, ou a xustificación de non ser procedente ou necesario”.

24 mortes en 2018
Hai uns días, e con motivo dos datos fechados xa de 2018, a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) denunciaba o “elevado número de mortes” nas prisións de España, que en Andalucía ascendeu a 77 persoas, sendo “a comunidade autónoma onde máis falecementos se produciron”.

Precisamente no comunicado dirixido aos medios, a asociación concretou que Sevilla foi a provincia onde morreron máis persoas presas, cun total de 24, “sendo a primeira causa de morte a sobredose”. No ámbito nacional, e cunhas cifras que atribúe á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, apuntaba que en 2017 houbo 147 falecidos en centros penais, e en 2018, 210.

Por todo iso, subliñou a súa coincidencia co último relatorio do Mecanismo Nacional para a Prevención da tortura, afirmando que este 2019 é “especialmente preocupante o forte aumento de mortes asociadas ao consumo de drogas”, que cifra en 61, e tamén o “lixeiro aumento do número de suicidios”, que sitúa en 33. A APDhA profundou en que o maior número de mortes rexistrouse en 2018 nas prisións andaluzas de Porto I, Porto III (Cádiz) e Sevilla II (Morón de la Frontera).

Javier Ramajo

eldiario.es/ Andalucía