Tres técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, organismo integrado no Defensor del Pueblo, visitan por sorpresa o centro Terras de Oria e nun arrepiante relatorio recollen: “A aplicación de inmobilización parece ser usada como un castigo ante a acción dun menor”

 

Captura del vídeo que denuncia los maltratos a internos en el centro de menores Tierras de Oria de Almería.            Captura do vídeo que denuncia os malos tratos a internos no centro de menores Terras de Oria de Almería.

 

O 16 de xuño pasado, case un ano despois da morte de Iliass Tahiri no centro público de menores infractores de Terras de Oria (Almería), da Xunta de Andalucía mais xestionado pola asociación Ginso, tres técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura acudiron sen previo aviso e elaboraron un relatorio en que se constata que no centro se practican contencións mecánicas sen necesidade, cando “os menores non estaban alterados nin violentos” e cunha duración excesiva.

A contención mecánica é un eufemismo que oculta o que se fai en realidade: amarrar un menor a unha cama de pés e mans con correas para o inmobilizar, quer sexa virado para cima ou para abaixo. Tahiri morreu cando lle practicaban unha desas contencións que, no Reino de España, son legais só cando todos os métodos para acalmar alguén teñan fracasado, como último recurso. O caso de Tahiri foi arquivado en primeira instancia, mais a familia e a fiscalía recorreron para que sexa reaberto.

Da lectura do relatorio, moi contundente e, por momentos, arrepiante, tírase a conclusión de que a morte de Tahiri non fixo mudar as cousas en Terras de Oria. Alén das contencións, para as que teñen previstas dúas camas, por se “a outra está a ser utilizada”, “das entrevistas realizadas á dirección e aos menores, tómase coñecemento dunha práctica consistente en manter sentado nunha cadeira cos brazos alxemados atrás das costas o menor, custodiado por un vixiante de seguranza”. “Tal práctica é levada a cabo nun dos cuartos da zona de comunicacións. Esta actuación non fica rexistrada en ningún documento”, pode lerse no relatorio.

Os técnicos do Defensor, que no estado español exerce as funcións de mecanismo de prevención da tortura, recollen as seguintes conclusións na ficha de seguimento da visita: “Os responsabeis do centro non visualizan as gravacións das contencións mecánicas realizadas”; “a calidade do son é deficiente”; “observouse nas inmobilizacións supervisadas que os menores non estaban alterados nin violentos no momento previo á aplicación da contención mecánica, e que esta era aplicada na mesma”.

No relatorio tamén se pode ler que “as contencóns mecánicas tiñan unha duración media de entre dúas e tres horas”. “Constatouse a aplicación reiterada de contencións mecánicas a menores que estaban no centro cunha medida de internamento terapéutico en saúde mental, e que estaban no centro no momento do falecemento do seu compañeiro na unidade de saúde mental”, engaden os especialistas da oficina do Defensor.

Alén diso, “nunha das contencións inspeccionadas, vese que o menor está moi axitado. Unha vez finaliza a colocación das fitas de contención, o menor sosega. No entanto, a contención mecánica prolóngase durante unha hora e media máis, apesar de o menor estar todo o tempo en calma”, recollen os técnicos.

O relatorio continúa: “Nalgunhas das gravacións apréciase que o médico non aparece no cuarto de contención mecánica até pasados 20 minutos desde o início da mesma”; “os menores desbástense cando lles apertan as fitas nos nocellos e nos pulsos. Tamén se observou nas gravacións que lles colocan os pés fóra da cama e fican nunha postura moi forzada”.

Os técnicos aseveran tamén: “Os menores laméntanse cando lles apertan as fitas nos nocellos e nos pulsos. Tamén se observou nas gravacións que lles colocan os pés fóra da cama e fican nunha postura moi forzada”. E rematan: “Os menores entrevistados que sufriron contencións mecánicas consideran máis válido o isolamento nun espazo adecuado”.

O Defensor, alén de constatar todas esas prácticas, comprobou que non se preserva suficientemente a intimidade nas consultas médicas “nin na sala de comunicacións familiares, onde hai instalado un sistema de vídeo-vixilancia e gravación. Tampouco se entrega sistematicamente copia do parte de lesións aos menores, salvo explícita petición por parte do menor”. Nin foi instalada unha caixa de correos para os menores poderen facer chegar de forma anónima cuestións que os afecten”.

Os deputados de Adelante Andalucía, Maribel Moura e Diego Crespo, visitaron na pasada sexta-feira o centro e alí, puideron, segundo indicaron nun comunicado, comprobar sobre o terreo “parte das conclusións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura”. Por unha banda, Moura constatou que as medidas de contención non son nada excepcionais. A cifra oficial que dá o centro é de 44 no que vai de ano.

Por súa vez, Moura asegurou que existen outras deficiencias: “Falta de supervisión médica previa; ausencia de formación específica para o persoal sobre a aplicación os protocolos de aplicación destas medidas e evitar así malas praxes, e ausencia de formación do persoal en procedementos de desescalada, previos á contención mecánica, para tratar de evitar ter que aplicar esta última”.

“Unha das grandes preocupacións é constatar que a formación da seguranza privada do centro, para a aplicación dunha medida que inmobiliza de pés e mans os mozos, e evitar así malas praxes, déixase en mans da empresa”, abundou Moura.

“Parécenos moi preocupante que unha medida que mal aplicada pode ocasionar a morte dun rapaz, como aconteceu no ano pasado neste centro, se deixe en mans dunha empresa privada sobre a que non sabemos nada de como forma os seus vixiantes, vixiantes que son os encarregados finais de aplicar a contención mecánica no centro”, manifestou a parlamentar.

Adelante Andalucía indica na súa nota que mantén a súa posición, coincidente coa do Defensor del Pueblo, de erradicar o uso das contencións mecánicas nos centros de menores infractores. “É inhumana e non conforme ao que supón un espazo educativo: igual que non se nos ocorre nun colexio, ou nunha familia, ante un comportamento agresivo dun menor amarralo de pés e mans a unha cama, non ten sentido que nun espazo como un centro de menores infractores, que é un espazo educativo e de reinserción sexa aplicada. Vai en contra do sentido común”, dixo Moura.

A deputada subliñou: “Continuaremos loitando para que as contencións sexan erradicadas de todos os centros de menores infractores, hoxe puidemos constatar que hai moitos profesionais no centro que se preocupan polo benestar dos nenos e mozos alí internos, e que teñen grande interese en que este espazo sexa un espazo que logre os seus obxectivos educativos: así mesmo a chegada dun novo director, despois da demisión do anterior hai un mes, abre unha xanela de oportunidade para corrixir certo tipo de actuacións no centro. Esperamos que así sexa”.

Raul Bocanegra

Público