Por segunda vez consecutiva o Defensor del Pueblo (DP) recoñece que a dirección do cárcere de Teixeiro cometeu irregularidades no tratamento dispensado ao preso FJSR durante o tempo que o penado estivo interno nesa prisión. O seu escrito, de 24 de setembro, non deixa dúbidas ao respecto: “don F.J.S.R. [foi] sometido a medidas restritivas non previstas na normativa e máis estritas que as previstas no artigo 91.3 do Regulamento penitenciario”.

 

Resultado de imaxes para defensor del pueblo madrid

 

Este oficio de Francisco Fernández Maugán (DP en funcións) contesta o escrito enviado por EsCULcA o 25 de decembro de 2018 en que o observatorio o instaba a tomar de inmediato as medidas necesarias para evitar que os responsábeis do cárcere continuasen exercendo sobre F.J.S.R. unha violencia cruel sen amparo legal e regulamentar na normativa prisional, como o mesmo Defensor recoñecera xa anteriormente en oficio motivado e prolixo no 11 de decembro de 2018.

É mais, como estes feitos, de innegábel carácter doloso e descritos pola propia Defensoría como non amparados por norma legal ou regulamentar, poderían ser constitutivos dun delito de rigor innecesario ou mesmo dun delito de tortura e/ou trato inhumano e degradante, EsCULcA demandaba así mesmo:

  1. Que o DP determinase un cronograma nun prazo non superior a dous meses desde a data de recepción do escrito para que fose levantada a situación do penado, e que este cronograma fose notificado a EsCULcA.
  2. Que, caso unha vez transcorrido o prazo non tivese cesado a situación do penado, puxese os feitos en coñecemento do xulgado de garda competente para o exercicio de accións penais.
  3. Que comunicase estes feitos ao Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa e ao Relator Especial contra a Tortura das Nacións Unidas.

No entanto, no seu recente escrito, de 24 de setembro, o Sr. Martínez Maugán non menciona ningunha actuación da Defensoría no sentido demandado por EsCULcA. Sospeitamos portanto que nada foi feito, embora nesta súa última carta o propio Sr. Martínez Maugán reitere que “o criterio desta institución, con efecto, coincide co expresado no escrito [de EsCULcA].”

Todo indica que única xestión que levou a cabo nestes últimos meses o DP foi -segundo di- reiterar “á Administración prisional que a Orde de servizo 6/2016, debe deixar de ser aplicada, pois é contraria ao ordenamento prisional español, en que non está previsto un réxime de vida que inclúe entre as súas características o isolamento absoluto de forma indefinida da persoa privada de liberdade, nin o uso ordinario dun medio coercitivo como son as alxemas.[…] Manter unha persoa privada de liberdade sen o contacto cos seus semellantes, durante un período de tempo indefinido, pois nin foi determinado, nin se dispón de apoio legal é, a criterio desta institución, unha forma de maltrato, e en consecuencia há de ser evitado através das medidas organizativas necesarias para facilitar os mínimos contactos previstos na normativa penitenciaria.”

Agora, á vista de que apesar de afirmar que a situación de FJSR  é considerada, “a criterio desta institución”, “unha forma de maltrato” o Defensor del Pueblo nada di de pasadas ou futuras actuacións efectivas conducentes a resolver esa situación, EsCULcA estudará outras vías dirixidas a conseguir á súa resolución.

Escrito do Defensor del Pueblo de 24/09/2019