Está o dereito penal dos pobres (cárceres ateigados de persoas novas e sen dereitos) e despois está o dereito penal dos ricos (o dereito penal económico, campo que está virando moda).

 

 

Guido Leonardo Croxatto

Gustavo Bruzzone, discípulo de Sancinetti, conta con ironía que el comezou a dedicarse á arte, nos 90, cando o pasaron ao foro penal económico (que debe investigar os ricos) porque nese novo foro “non tiña nada que facer”, “non había traballo”. Por iso iniciou a súa carreira como coleccionista de pintura. Comezou a dedicarse á arte porque nese novo foro non había traballo. O dereito penal está só para perseguir os pobres. Nunca os ricos. Só criminaliza o crime groseiro, fácil de ver. O outro crime, o outro grande delito, é máis complexo, está ben oculto: sabe se esconder. E cométeno actores poderosos, que compran vontades, subornan, condicionan (xuíces e medios). Disimulan. Por iso Bruzzone non tiña, entre aspas, “nada que facer” no novo foro.

O foro penal económico é o foro que debe investigar o delito económico complexo (o crime de colariño branco) cometido por empresas multinacionais, grandes bancos, e tamén polas IFIs, (FMI, Banco Mundial) que actúan todas en conxunto, formando parte da mesma dinámica financeira. O foro penal económico é o eixo de todo Estado que quer preservar, defender o seu patrimonio, combatendo a evasión fiscal e a fraude ao Estado. Para iso o Estado debe ter aos seus avogados ben formados. Conscientes de cal é a súa tarefa.

O Dereito Penal Económico é un dos eixos dunha política criminal ben levada: hoxe o noso país non ten unha política criminal seria. Ten o que predomina en case toda a rexión: cárceres para pobres (Loic Waqcant, discípulo de Pierre Bourdieu, estudou os cárceres arxentinos, titulando o seu libro “Cárceres da miseria“). É moi difícil obter nada positivo dun cárcere que non cumpre ningún estándar da Constitución. A metade dos internos están presos violando o debido proceso, sen condena, en prisión preventiva, violando a constitución. Mais a ninguén importa, porque son pobres. E os pobres non teñen “ao que parece, na Arxentina” os mesmos dereitos. Que estean presos non xera ningún escandalo mediático. Ninguén levanta a voz en defensa da “República”. Ao contrario. Parece que está ben e que calquera xuíz que se anime a facer valer en serio a Constitución, as garantías, de seguida, en lugar de ser eloxiado, vai ser vilipendiado nos medios por ser un “garantista”. Aínda que “garantista” sexa respectar as garantías constitucionais. Nin máis nin menos. “Garantista” é a constitución de Alberdi. Parece que non se pode.

Hoxe está na moda a socioloxía do dereito, que aterra as veleidades abstractas da teoría legal. Este ramo do saber xurídico nace na socioloxía das prisións. Basta ver quen e por que están presos. A socioloxía vai ao cárcere para correr o veo da política criminal. Para entender que delitos (e que persoas) son encarceradas. E cales non. En xeral encarcérase o delito torpe. Non o delito complexo. Mais o delito económico e financeiro é o que xera verdadeiro dano social. É o que xera o maior “perigo”. O mundo financeiro está cheo de actos criminosos que non xulgamos.

Sebastián Soler, que levaba no peto unha nota co seu artigo sobre a retroactividade penal, sostiña, a ton coa súa ollada conservadora, que o dereito penal económico (que afecta os ricos) “non existe” como tal. Só o dereito penal anti pobre (Righi estaba en desacordo). Ese é o núcleo da dogmática penal anti Estado (Soler escribiu, apesar de ser procurador xeral de facto, unha teoría sobre o Estado “perigoso”, o que hoxe sería unha ollada neoliberal, onde o Estado “incomoda”). O noso país carece dunha política criminal seria, que foque a criminalidade sofisticada. A nosa Xustiza tampouco avanza sobre o crime económico complexo. Non ten ollos para ver. É un foro altamente ineficaz.

Alén de non ter política criminal (encarcerar pobres non é -non pode ser- nunca unha “política” de Estado), temos un réxime penal cambiario vetusto, que require unha mudanza inmediata. A vixencia da Lei penal cambiaria nas súas actuais condicións é un escándalo xurídico. Subsiste un réxime penal através do cal unha autoridade administrativa (o BCRA) instrúe causas penais (cambiarias), que eleva a xustiza penal para o ditado da sentenza de condena mediante unha providencia que se coñece como “conclusa para definitiva”.

O réxime é extremadamente ineficaz, xa que calquera infracción ao réxime de cambios (cambiar 10 dólares a unha arboriña) se subsume nas súas previsións. O réxime xurídico vixente considera delito calquera infracción. Só as infraccións máis graves pola súa importancia económica ou cualitativa debesen ser delitos. Non todos os actos teñen o mesmo impacto económico e social. Non serve que un país abra unha causa penal por un delito de mil ou dous mil dólares. Habería que aplicar neses casos sancións administrativas (cuxa efectivización fica en mans do BCRA, alén do seu revisibilidade). Deixar delitos para casos importantes. O resto dos casos (menores en importancia) deberían ser infraccións administrativas pasibeis de sancións como multas e inhabilitacións. Así se foca o crime complexo e a súa estrutura financeira, que conta con poderosos estudos cuxa única tarefa é subtraer estes “negocios” (financeiros) da fiscalización do Estado e da Xustiza.

O dereito a comprar moeda estranxeira en si mesmo non figura na Constitución arxentina, aínda que o defende como tal. O dereito que si figura na Constitución é a non estar preso sen condena, violando o debido proceso, e ese dereito tan obvio, paradoxalmente, non se quere respectar e quen o defenda será acusado mediáticamente de ser un “garantista”. A contradición deixa sobre a mesa que hai dous dereitos penais na Arxentina. Un para os ricos. E outro para os pobres. Non hai igualdade ningunha ante a lei. Necesitamos unha política criminal seria. Hoxe non a temos.

A Arxentina é un país sen política criminal. Meter presos os pobres non é unha “política” de Estado. Os grandes criminosos nunca van presos e os seus delitos sofisticados, delitos financeiros, especulativos, que causan estragos na vida económica e social, non se perciben como tales. O dano que producen está á vista. Son chamados actos (especulativos) de “libre mercado” aínda que xeren fame e “corridas” cambiarias. Embora a Xustiza ainda non saiba o xulgar porque se sente máis cómoda xulgando os pobres por delitos menores ou produto da marxinalidade, que obedece a dinámicas financeiras que algún día deberíamos comezar a xulgar como delitos. Hoxe non o facemos. Temos desde hai anos un procurador xeral “interino”.

 

Página 12