Nos casos en que son as forzas e corpos de seguranza do Estado os posibeis responsabeis do delito, como no 1-O, que mecanismos públicos existen para perseguir este tipo de criminalidade?

 

 

Nesta terza feira 13 de novembro comezan a declarar perante o Xulgado de instrución número 7 de Barcelona os 24 axentes da Policía Nacional investigados en Barcelona polas cargas realizadas no 1 de outubro. Apesar de que se tentou construír un relato que pretendeu lexitimar a actuación policial, a investigación avanza de maneira firme e confiamos en seguir rompendo o muro de impunidade que tratou de instalar o Ministerio de Interior e a Fiscalía neste caso.

Como chegamos a que 24 axentes de policía sexan investigados por un xulgado? O que está claro é que non foi grazas ao traballo nin da policía nin da procuradoría. Apesar da gravidade dos feitos e de teren sido retransmitidas en directo, ningún corpo policial abriu dilixencias de investigación no terreo de oficio. Tampouco o fixo o Ministerio Público. Alguén pode pensar en calquera outro delito do Código Penal que, apesar de poder ser cometido de maneira flagrante, ningún corpo policial decida investigalo? En calquera situación en que hai indicios de delito, ábrense dilixencias policiais, elabórase un atestado en que se indican os feitos supostamente delituosos e investíganse aos posibeis autores. E todo iso entrégase ao Xulgado. Contodo, nos casos en que son as forzas e corpos de seguranza do Estado os posibeis responsabeis do delito, que mecanismos públicos existen para perseguir este tipo de criminalidade?

No caso do 1 de outubro debería ser a área de asuntos internos da Policía Nacional quen actuase, mais de momento nin investiga de maneira activa, nin se espera que o faga. Doutra banda, é comprometido o feito de que outros corpos policiais, como os Mossos, puxéronse a investigar. E esta situación é completamente anómala, porque os supostos delitos cometidos son delitos do mesmo xeito que son os roubos, as desordes públicas ou calquera outro. Mais hai unha serie de delitos en que non se levan a cabo, na maior parte das ocasións, investigacións policiais de oficio e rigorosas. O problema engadido é que as áreas de asuntos internos, polo xeral, non adoitan colaborar de maneira adecuada coas investigacións xudiciais e acaban converténdose nun elemento de confusión para garantir a absolución dos axentes acusados (como no caso de Esther Quintana) ou directamente ignorando a investigación.

E é que temos un problema e grande. Como é posíbel que un corpo policial non identifique un axente que cometeu un suposto ilícito penal? Realmente alguén cre que o superior da persoa non sabe perfectamente quen realizou unha determinada acción, ou que as áreas de asuntos internos non chegan a coñecelo? Non dubido que nalgúns casos puntuais poida chegar a ser difícil o corporativismo entre axentes dunha mesma unidade, mais en ningún caso poden ser a norma.

No caso de Roger Español sabemos perfectamente que axente disparou a bala de goma que que o deixou sen visión para sempre. Está gravado nun vídeo o momento do disparo por un xornalista. Contodo, apesar de que realizamos horas de investigación e análise de imaxes aínda non puidemos identificar o axente. Por dous motivos. Primeiro, porque a Dirección Xeral da Policía Nacional e o Ministerio de Interior ou non realizaron nin unha única dilixencia para saber que axente policial é en concreto ou porque queren facernos crer que non saben quen foi. Segundo, porque os axentes antidisturbios tanto de Policía Nacional como de Mossos d’Esquadra unicamente van identificados por detrás. A situación en que Roger foi lesionado está gravada só por diante.

Quer dicir, é o propio sistema de control e identificación de axentes policiais o que está deseñado para impedir que poida ser recoñecido o funcionario público autor dun suposto delito. Esta situación representa mellor que case ningunha outra a enorme anomalía democrática que vivimos en cuestión de control e investigación a axentes policiais. No caso de Roger están identificados e declararán como investigados oito escopeteiros (entre eles, o responsábel), así como os xefes da liña policial que ordenou as cargas.

Non é un caso único. En materia de investigación de delitos cometidos por axentes de forzas e corpos de seguranza do Estado as organizacións de dereitos humanos, case sen medios mais con moita destreza, facemos as funcións de policía de investigación ante a falta de vontade e de mecanismos públicos. De feito, ao analizarmos a situación que podería xerarse, unhas semanas antes do 1 de outubro configuramos a plataforma Somos Defensoras que espallou por toda a cidade observadoras de dereitos humanos, psicólogas e avogadas. O traballo que deberían facer mecanismos públicos, foi realizado pola cidadanía. A anomalía non é que o faga a cidadanía organizada, o anómalo é que só o realice a cidadanía.

Non é algo novo e tampouco se limita ao 1 de outubro, mais o grao de afectación e de gravacións desa xornada mostra até que punto os mecanismos públicos creados para protexer os dereitos fundamentais da cidadanía ante os abusos dos axentes policiais están obsoletos. As funcións de control, investigación administrativa e as funcións de policía xudicial deberían ser levadas a cabo por un corpo de funcionarios públicos composto por expertos en dereitos humanos, criminología e criminalística independente dos corpos policiais mais con pleno acceso a eles, así como cunha total conexión coas organizacións de dereitos humanos.

En tanto iso non chegar, porque algún día a anomalía democrática ha de desaparecer, é necesario mudar a vontade política a respecto das divisións de asuntos internos dos corpos policiais e dotalas de medios, de mecanismos e da maior independencia orgánica posíbel dentro do corpo, así como asegurar o traballo estábel coas organizacións de dereitos humanos. Así mesmo, iniciativas como a acusación popular exercida polo Concello de Barcelona en toda a causa do 1 de Outubro para impulsionar a acusación ante o deixamento e obstrución da Fiscalía é unha boa práctica xa que cada administración ha de facerse responsábel de protexer a cidadanía dos delitos que poidan ser cometidos, tamén, por funcionarios públicos.

É importante abordar debates como os que impulsionamos algunhas organizacións, que buscan xerar políticas públicas integrais para a prevención da violencia institucional. A protección da cidadanía a respecto dos abusos directos do corpo policial debería ser un elemento chave en calquera democracia. Mais até non se construiren esas políticas públicas urxe tomar medidas de sentido común como identificar urxentemente todos os axentes antidisturbios por diante e por detrás. Non hai escusas para avalar a impunidade.

Andrés García Berrio – Avogado e membro de Iridia – Centro pola Defensa dos Dereitos Humanos.

eldiario.es