En xullo deste ano EsCULcA solicitou en diversas ocasións entrevistarse con Teresa Delgado, Directora do C.P. A Lama, e José Ángel Vázquez Yáñez , Director do C.P. de Teixeiro. No primeiro caso, despois de nos ter sido concedida e teren sido fixados día e hora, a entrevista foi cancelada. No segundo indicousenos que a solicitude teria de ser feita por correo postal. O que fixemos, con igual resultado negativo.

Imaxe de José Ángel Vázquez Yáñez retirada

No inicio do outono, transcorrido o período de ferias, retomamos o assunto. Nesta ocasión acudimos a un procedemento máis seguro: enviar as solicitudes por correo postal con aviso de recepción para podermos ter constancia de que as cartas tiñan chegado ao seu destinatario.

Chegaron mais unha delas foi devolvida. No C.P. de Teixeiro rexistraron a recepción mais devolveron a carta ao remetente indicando que o Director do Centro era “Descoñecido”.

A segunda carta enviada non foi devolta, polo que concluimos que nesta ocasión a solicitude terá chegado ás mans do director da cadea, como antes tería chegado á Directora do cárcere da Lama a que lle enviáramos a ela.

Mais iso foi todo. Aí acabou a correspondencia. Nunca tivemos resposta da dirección de ningún dos presidios.

Imaxe de Teresa Delgado retirada.

Solicitudes fundamentadas

As solicitudes cursadas por EsCULcA distaban moito de responder a un interese banal. O Observatorio fixo constar que o único que pretendía era contrastar a información de que dispón sobre a situación nos dous presidios e transmitir algunhas queixas recibidas de persoas presas.

A situación no interior dos cárceres

Pola información de que dispón EsCULcA tanto nun como noutro penal, as condicións de habitabilidade están lonxe de ser as adecuadas e tanto a atención médica como o tratamento que se presta ás persoas presas son francamente insatisfactorios.

Mais, alén destes aspectos xerais, as dúas prisións son ben coñecidas polas denuncias de malos tratos e mesmo tortura que algunhas persoas presas vítimas destas sevicias, apesar das numerosas dificultades con que deparan, conseguen facer chegar a avogada/os, xulgados e asociacións que traballan por coñecer e informar da situación que se vive no interior dos cárceres.

Nos últimos meses, algúns destes casos en que tiñan sido denunciados malos tratos, agresións, aplicación de réxime de vida sen amparo legal e mesmo neglixencias médicas, acabaron tendo infelizmente un desenlace fatal. No cárcere de Teixeiro morreu por asfíxia provocada por incendio no interior da cela Pedro Escudero Gallardo, que tiña denunciado por malos tratos varios funcionarios do penal. No cárcere da Lama foi achado morto na súa cela Fabrizio João da Silva Ribeiro no dia seguinte a ter dado por finalizada unha greve de fame que iniciara para reclamar dereitos negados.

A sospeitosa opacidade da directora do C.P. A Lama e do director do C.P. de Teixeiro

A reiterada recusa, tanto de José Ángel Vázquez Yáñez como de Teresa Delgado, non xa a conceder as entrevistas solicitadas senón mesmo a contestar á súa petición, só pode ser interpretada como unha tentativa de furtar ao escrutinio social unha situación que, temos de presumir, non satisfai os estándares esixíbeis.

Que teñamos coñecemento, non existe norma algunha que impida a/os responsábeis dunha entidade pública recibir asociacións civis. De feito , entre os principios que informan o Código de Conduta dos funcionarios no Artigo 52 do Estatuto Básico do Empregado Público figura precisamente o prncipio de transparencia.

E non é todo. Tamén o Artigo 54 sinala entre os chamados Principios de Conduta a obrigación de os funcionarios públicos informaren a/os cidadá/ns sobre aqueles asuntos que estes teñan dereito a coñecer.

Un deber que, de accederen a conceder a entrevista solicitada, non suporía en modo algún ás autoridades concernidas romper o obrigado secreto sobre aspectos de carácter reservado. Ben ao contrario. Un dos asuntos importantes que EsCULcA ten a intención de tratar coa dirección destes dous cárceres está precisamente en relación directa co reiterado incumprimento desta responsabilidade legal que afecta moi directamente aos funcionarios de prisións.

EsCULcA ten ben documentada, e denunciada xunto da Axencia Española de Protección de Datos, a frecuente publicación en diferentes medios de comunicación de noticias que inclúen datos persoais -de carácter manifestamente reservado- relativos a persoas internas nestes dous penais. Unha información que só pode sair do interior do presídio e en que non poucas veces son citados explicitamente como fonte os propios funcionarios.

A resposta a EsCULcA non sería portanto una mera cuestión de cortesía coa cidadanía nin o silencio polo que parecen ter optado unha vontade decidida de preservar a confidencialidade a que a/o obriga a lei.

Antes ben, a actitude desta funcionaria e este funcionario parece seguir una estratexia común de tentar cubrir co manto do silencio e a opacidade os obscuros feitos acontecidos nos penais que unha e o outro xestionan.

Galiza, 12 de novembro 2019