Hai uns días soubemos que o Consello Xeral do Poder Xudiciario (CGPJ nas súas siglas en español) aprobou un relatorio en que cuestiona algúns puntos do proxecto da nova Lei de Memoria Democrática. A tónica xeral do mesmo, que conta cos votos favorabeis de 15 vogais, non é contraria ao ante-proxecto -salvo polos votos discordantes de 6 vogais, 5 deles conservadores, que emitirán votos particulares- aínda que se fan certas precisións nalgúns puntos. Concretamente, o Goberno dos Xuíces considera inconstitucionais algunhas medidas que propón o rascuño, como o son o fechamento de fundacións ou a prohibición de actos públicos que fagan apoloxía do franquismo.

 

Ultradereitistas realizan o saúdo franquista no Val dos Caídos. JAVIER BARBANCHO / REUTERS

 

En esencia, o CGPJ cuestiona a legalidade do fechamento de fundacións como a Fundación Francisco Franco e 6 outras de natureza moi similar e da prohibición de actos a favor da ditadura porque “a apoloxía do franquismo, sen o requisito adicional do menosprezo ou humillación ás vítimas, constitúe a expresión de ideas que, aínda que contrarias aos valores proclamados pola Constitución, están amparadas pola liberdade de expresión”.

Quer dicir, o relatorio entende que nunha sociedade democrática e avanzada debe ser tolerada a expresión de frases que nos ofenden, aínda que sexan contrarias aos propios valores constitucionais e enaltezan unha atroz ditadura fascista.

Non é unha noción libre de controversia. A liberdade de expresión supón soportar as desprecibeis ideas mesmo de quen non cre na liberdade de expresión, din. O problema é que, realmente, a nosa lexislación establece que non contamos cunha liberdade plena para expresar libremente as nosas ideas. E así o levan avalando desde hai anos os xuíces do noso país.

Por citar un exemplo, o artigo 578 do Código Penal castiga con penas de até 3 anos de prisión o enaltecemento do terrorismo. Quer dicir, a difusión pública de ideas que xustifiquen ou aplaudan a comisión de actos terroristas é constitutiva dun delito no Estado español.

Tendo en conta que tanto a ditadura franquista como o terrorismo son dous dos episodios máis dolorosos e traumáticos que atravesou o noso país no século XX, por que o enaltecemento dun destes fenómenos é delituoso e o doutro é un exercicio de liberdade de expresión? Talvez a dor dunhas vítimas é máis importante que o doutras?

Como resposta, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica publicou un recente comunicado no que denunciaba que “o órgao de Goberno dos xuíces desprezou a dor e os dereitos das familiares dos desaparecidos pola represión da ditadura e discrimínaas a respecto doutras vítimas como as do terrorismo”.

E as comparacións non acaban aquí. Actualmente contamos cunha regulación de delitos que chocan coa liberdade de expresión resultado dunha sucesión de reformas en que paulatinamente foi sendo ampliada a protección doutros bens xurídicos en menoscabo daquela. E, en consecuencia, o Código Penal sanciona alén do enaltecemento do terrorismo- as inxurias (insultos e faltas de respecto) contra a Coroa (artigos 490 e 491), contra as Cortes Xerais ou Asembleas Lexislativas dunha Comunidade Autónoma (artigo 496), contra o CGPJ, o Tribunal Supremo, o Tribunal Constitucional (artigo 504.1) e as forzas e corpos de seguranza (artigo 504.2), así como o ultraxe aos símbolos nacionais españois (artigo 543) e as ofensas contra os sentimentos relixiosos (artigo 525). Todos eles son delitos que consisten en manifestar unha opinión susceptíbel de ofender outros.

Non ten sentido, nun país en que se castiga penalmente insultar o Xefe de Estado, enaltecer ou xustificar o terrorismo, ultraxar a bandeira nacional ou ofender os sentimentos relixiosos, dicir que prohibir enaltecer unha ditadura fascista -que provocou centenares de millares de mortos e millares de presos políticos, e suprimiu dereitos e liberdades- é un exceso que non casa coa liberdade de expresión. E é que a liberdade de expresión só existe se se aplica para todo o mundo por igual.

Dicía moito mellor que eu neste mesmo medio Ana Pardo de Beira que “despois de encarcerar titiriteros polos cartaces das súas marionetes, cantantes de rap descoñecidos até os xuíces lles daren fama, de secuestrar libros ben contrastados sobre o narcotráfico galego, publicacións pornográficas (en viñetas satíricas) dos reis… o CGPJ se erga como a máis demócrata das institucións e nos diga que nin apología do franquismo nin nada, que a Fundación Francisco Franco e os seus porta-voces (patrocinadores, publicistas e mecenas) poden facer o que lles dea na gana sempre que non humillen as vítimas do franquismo”.

Non quero entrar no que supón unha humillación para as vítimas do franquismo. É un debate en que cada un terá un punto de vista. Para min, o feito de non poderen recuperar os restos dos seus seres queridos, seren ignoradas polo Estado desde hai décadas e de que os herdeiros da ditadura se neguen a condenala é humillante en por si. Así é como o vexo como neto e bisneto de represaliados polo franquismo e polo nazismo. Mais o propósito deste artigo non é pronunciarme sobre isto -xa o fixeron moitos outros cun coñecemento sobre a materia superior ao meu-, senón facer unha proposta de futuro.

Cal é a solución? Facer caso omiso do CGPJ e sancionar o enaltecemento do franquismo como un delito máis? Quer dicir, debemos ampliar o elenco de delitos de expresión do noso Código Penal e facer un oco a outro comportamento prohibido? Ou, ao contrario, debemos apostar pola despenalización deste tipo de condutas, por moito que nos ofenda e e nos dea raiba a mensaxe que transmiten estas persoas?

Persoalmente, creo que debemos apostar por non criminalizar estas condutas. E dígoo sabendo que moitas persoas que admiro consideran que debe ser prohibida a apoloxía do franquismo. Con todo, a natureza dun dereito como é a liberdade de expresión non debe admitir restricións ao seu exercicio como as que se van impondo co pasar dos anos, que terminan por vacialo de contido.

O Grupo de Estudos de Política Criminal (GEPC) -unha asociación de máis de 150 penalistas, a maioría profesores, xuíces e procuradores- propuxo hai dous anos unha serie de reformas para acabar cos excesos nos denominados delitos de expresión. No seu texto denunciaban que “no delicado equilibrio entre a liberdade de expresión e outros intereses dignos de tutela, nas últimas décadas optouse por unha vía claramente expansiva tanto no plano normativo como no da interpretación xudicial dos preceptos penais.

Esta expansión lexislativa (sob a escusa do cumprimento da normativa internacional) concretouse […] nun sucesivo aumento dos tipos penais que sancionan condutas de expresión. […] Pola súa banda, a nivel xudicial, aínda naqueles casos en que resultaba posíbel unha exéxese restritiva dos tipos penais, a tendencia de grande parte dos tribunais foi na liña de restrinxir as marxes da liberdade de expresión. Todo isto púxose especialmente de manifesto nos últimos anos, particularmente en relación coa persecución penal de expresións ofensivas e de mal gusto proferidas através das redes sociais. A grande repercusión pública dalgúns destes casos xerou unha falsa percepción do risco que a comunicación nas redes sociais ten para os valores da moral colectiva e para a propia seguranza pública. […]

Esta expansión das marxes da intervención penal fronte a este tipo de condutas afecta significativamente a liberdade de expresión nun Estado social e democrático de Dereito. O Estado non debe limitar coactivamente o contido do discurso ideolóxico, pois a lexitimidade das decisións democráticas é sustentada no debate, a crítica libre e o pluralismo ideolóxico. Conforme á xurisprudencia do Tribunal Constitucional, a democracia, como espazo de xogo político e como sistema que respecta a autonomía dos cidadáns, non só debe tolerar todas as ideoloxías e formulacións, senón que esixe a liberdade de expresión tamén frente a calquera discurso que leve unha intervención no espazo público, por ofensivo ou molesto que poida resultar (sen prexuízo da implementación de políticas públicas que promovan a tolerancia e o respecto aos dereitos de todos os cidadáns). Por iso resulta tan preocupante a tendencia actual a restrinxir ideológicamente o discurso através do Dereito penal, a imposición de narrativas oficiais por medio da eliminación de discursos disidentes, e todo sob a escusa da protección de colectivos afectados por condutas discriminatorias ou da necesidade de tutela da seguranza cidadá”.

Entendo que trazar a liña entre o admisíbel e o inadmisíbel é un tema complexo dun punto de vista filosófico. Eu coincido coa formulación do GEPC mais entendo e respecto os compañeiros que non o ven así. Nos Estados Unidos este mesmo debate está presente desde hai tempo, por exemplo, no seo da American Civil Liberties Union (ACLU), unha organización que sempre defendeu a Primeira Emenda -que garante a liberdade de expresión- e á que algúns dos seus membros actualmente propoñen a aprobación de restricións para frear o discurso de odio.

Ora ben, dun punto de vista práctico creo que existen mesmo menos dúbidas acerca da pouca conveniencia de aprobar unha lei que castigue o enaltecemento da ditadura. Á vista de como se torceu e terxiversou a definición dos delitos de odio -uns tipos penais creados, lembremos, para protexer minorías vulnerabilizadas- e foron utilizados para protexer grupos que non sofren ningún tipo de discriminación, como a policía ou fascistas, paréceme unha mala idea abrir a porta á posibilidade de prohibir a defensa pública de ideas contrarias ao status quo. Creo que pode ser a antesala á proscripción da difusión de mensaxes comunistas ou anarquistas, por seren contrarias aos “valores constitucionais”. E é que non sería a primeira vez que quen ostenta privilexios se aproveitase dunha lei ideada para protexer os vulnerabeis a fin de consolidar o seu poder e o seu dominio.

Daniel Amelang López

Público