O 4 de outubro de 2016 varias ducias de delegadas e delegados da CIG-Ensino manifestáronse diante do IES San Rosendo de Mondoñedo, coincidindo coa presenza de Letizi Ortiz, o Ministro de Educación e diversos cargos da Consellaría de Educación na inauguración do curso. A concentración era unha resposta do sindicato contra os incesantes recortes educativos e para esixir a paralización da LOMCE e as reválidas.Por isto a delegación do Goberno en Galiza vén de impor unha sanción amparada na Lei Mordaza.

 

A CIG-Ensino denuncia que durante o transcurso do acto de protesta foron permanentes os impedimentos que se puxeron para poder exercer a liberdade de expresión, cambiando de lugar ás persoas que alí protestaban e identificándoas todas. “Foi un exemplo claro de como un partido político pretende, desde o poder, silenciar as protestas e penalizar quen se atreve a contrariar o abuso de poder en que vive instalado o PP”.

A Lei Mordaza, o instrumento que o PP ideou para o control antidemocrático das loitas contra a restricións de dereitos, contra as mobilizacións que desoen as ordes de someterse obedientemente aos ditados do poder, aplicábase naquela xornada –segundo lembra a CIG-Ensino- procurando evitar a protesta e, cando non o conseguiron, dificultándoa o máis posíbel.

Sancións

A segunda parte desa presión para silenciar as críticas ás políticas neoliberais e de deterioramento do ensino público é a sancionadora. A Delegación do Goberno acaba de comunicar á CIG-Ensino unha sanción de 300€ “por facer o que é a nosa obriga como organización sindical: rebelarnos contra os ataques ao ensino público e ao seu profesorado e estarmos en calquera lugar en que esa loita poida facerse efectiva; protestar fronte a quen implanta unilateralmente unha Lei retrógrada, segregadora, antidemocrática, confesional e españolizadora; facer todo o que estea na nosa man para reverter os recortes cos que o PP ven acosando o ensino público, tanto da man de Raxoi como da de Feixóo”.

Diante disto, a CIG-Ensino advirte que “nin nos calaron antes nin nos van calar agora. Nin con provocacións nin con sancións” e asegura que “seguiremos loitando coa mesma firmeza e coa mesma contundencia”.

Derrogación da Lei Mordaza

Xunto a isto, a CIG-Ensino exixe que “algo desa contundencia a apliquen aquelas persoas que se sentan no Congreso dos Deputados e que se comprometeron a derrogar tanto a LOMCE como a Lei Mordaza”.

Lembra que decorrido máis dun ano após as eleccións xerais de xuño de 2016, e cun PP en minoría no Congreso dos Deputados, “ambas as leis continúan en pé” e que no comezo dun novo curso escolar, “a LOMCE seguirá o seu camiño privatizador, antigalego e confesional e a Lei Mordaza estará aínda aí para a protexer fronte a quen non se dobrega. Que saiban que non nos imos render”.

Publicado en Avantar.