Teodoro Obiang Nguema Mbasogo, presidente e xefe de estado da República da Guinea Equatorial

 

Pouca xente é consciente que hoxe en día existe un estado africano en que o español é o idioma oficial. Un país que se paraliza diante dun Barça-Madrid, que segue con paixón as telenovelas de TVE ou as estreas musicais herdeiras de Operación Triunfo. Estes “vínculos culturais” (para o dicir dunha maneira naïf) explícanse por un feito ben sinxelo: a República da Guinea Equatorial foi, entre 1778 e 1968, a única colonia que o estado español posuía na África negra. Unha colonia que, se ben perdeu todas as comparacións históricas con Cuba, Porto Rico e o Marrocos, durante moitos anos foi o feudo de grandes latifundiarios e comerciantes españois (e sobretodo cataláns), que se enriqueceron através da explotación do cacao, a madeira e, en menor medida, o café.

Coa chegada das primeiras vagas independentistas da década de 1969, moitas colonias francesas e inglesas conseguiron converterse en estados independentes, mais franco tentou prolongar o máximo posíbel o dominio africano, xa que para o réxime franquista a Guinea era a proba material de que o Estado español ainda tiña unha misión imperial no mundo. Non foi até a presión da ONU se facer insustentábel que o sector máis refractario do goberno franquista, liderado por Carrero Blanco (que tiña intereses económicos no sector da silvicultura) aceptou a independencia da Guinea. O proceso foi longo, contraditorio e, seguindo os pasos do resto de metrópoles, baseouse nunha premisa ben clara: cumpría teledirixir o fin do dominio colonial para que significase apenas unha mudanza política que permitise manter intactos os intereses económicos. Iso comportaba, entre outras cousas, a promoción dun líder independentista moderado que garantise unhas exquisitas relacións dipolomáticas coa metrópole.

 

O proceso de independencia guineense ultrapasou os planos franquistas e as primeiras eleccións presidenciais de 1968 foron gañadas sorprendentemente por un ex funcionario colonial convertido en nacionalista radical

 

No entanto, o proceso de independencia guineense ultrapasou os planos franquistas e as primeiras eleccións presidenciais de 1968 foron gañadas sorprendentemente por un ex funcionario colonial convertido en nacionalista radical, Macías Nguema. A falta de colaboración do goberno español na transferencia de poderes e as tentativas falidas de golpes de estado (coa colaboración española segundo o goberno guineense) implicaron unha ruptura das relacións diplomáticas que provocou que os últimos colonos, funcionarios e gardas civis tivesen de marchar a fume de carozo do territorio nos comezos do ano 1969. Nacía, desta feita, o mito dos “colonos abandonados” que ainda chega aos nosos días e que se puido ver tanto en novelas e filmes de certo éxito (Palmeras en la Nieve, Atresmedia) como en reportaxes feitas no noso país (Els Catalans de Guinea, TV3).

A deriva autoritaria do réxime de Macías Nguema e a súa aproximación da órbita soviética afastaron definitivamente o país dos intereses españóis, que, durante moitos anos, esqueceu por completo a súa antiga metrópole. Dez anos máis tarde, no entanto, un golpe de estado militar do sobriño de Macías, Teodoro Obiang Nguema, parecía abrir unha etapa de mudanza nas relacións entre o Estado español e a Guinea. Contodo, o despotismo (e nepotismo) do novo presidente tornarom imposíbel calquera tipo de entendemento. Aliás, moitas das antigas plantacións agricolas tiñan ficado abandonadas e algúns dos antigos colonos que tentaron reclamar a propiedade dos seus negocios acabaron desistindo perante as poucas posibilidades de éxito que un país profundamente empobrecido ofrecía.

O panorama mudou radicalmente a partir de mediados da década de 1990, cando o país descubriu os xacementos de petróleo. Di a lenda que CAMPSA (xusto antes de converterse en Repsol) realizou as primeiras prospeccións diante da costa da illa de Bioko e, á vista do mal resultado, afirmou taxativamente que nos mares da Guinea non había petróleo. Nada máis lonxe da realidade, xa que rapidamente se estableceron con grande suceso as grandes petroleiras americanas (Exxon, Hess, Marathon Oil, Noble Energy, etc.) e em poucos anos converteron a Guinea nun dos principais produtores de petróleo e gas da África Central, coñecida por moita xente como a Kuwait africana.
A imaxe de progreso contrasta coa crua realidade en que vive a maioría da populación: ausencia total de liberdades civis e políticas, así como unhas pésimas condicións de vida

 

Desde ese momento, o PIB do país non parou de crecer e a fisonomía do seu territorio iniciou unha mudanza substancial até os nosos días: novos bairros con rañaceus, conexións aéreas directas coas principais capitais europeas e americanas, construción de grandes infraestruturas, hospitais privados de renome, etc. Porén, esta imaxe de progreso contrasta coa crua realidade en que vive a maioría da populación: ausencia total de liberdades civis e políticas así como unhas pésimas condicións de vida (bairros sen saneamento nin agua potábel, sistemas educativo e sanitario sen recursos, alta mortalidade infantil, etc.). De feito, un dos mantras máis repetidos sobre o país é que presenta a distancia maior do mundo entre o ránking que ocupa no PIG per capita (53è) e o que ocupa no índice de Desenvolvemento Humano (135è). Este paradoxo levou a que nos ámbitos académicos se presente o país como o exemplo máis claro do paradoxo da abundancia ou a maldición dos recursos naturais, teoría que expón que dispor de moitos recursos naturais (sobretodo minerais) non leva automaticamente progreso social, senón máis amiúde todo o contrario: politicamente favorece as prebendas, a corrupción e o nepotismo, e economicamente xera procesos de inflación que empobrecen ainda máis a populación máis vulnerábel.

O goberno guineense, liderado con man de ferro polo mesmo Teodoro Obiang (que xa se converteu no ditador máis lonxevo da África negra), non ficou de brazos cruzados e desde hai anos iniciou unha campaña de limpeza estética do seu réxime. Basicamente, esta estratexia contou con tres grandes elementos.

O primeiro, repetir de maneira reiterada que o pais está inmerso nun proceso de transición política e económica que a pouco e pouco vai mellorando as condicións da maioría de habitantes. En relación con iso, investironse moitos esforzos para tentar mostrar que a xestión dos beneficios dos hidrocarburos é levada a cabo por praxes transparentes, que os casos flagrantes de corrupción son cousa do pasado e que os investimentos sociais do país crecen de maneira sostida. No entanto, ainda que o país quixo formar parte das plataformas internacionais que velan pola transparencia entre gobernos e empresas petroleiras, os resultados foron nulos, e a Guinea Equatorial encóntrase actualmente excluída da Iniciativa para a Transparencia das Industrias Extractivas (EITI). Así mesmo, os casos de corrupción e excentricidades hedonistas que salpican Obiang e a súa familia máis cercana (sobretodo un dos fillos, Teodorín) están ben vixentes.

 

As xornadas electorais na Guinea continúan sendo unha grande incognita, xa que as manobras electorais máis variadas e o caciquismo empresarial están na orde do día

 

En segundo lugar, o réxime de Obiang quixo dar mostras dunha evolución política para un réxime democrático e multipartidista. Certamente, o número de organizacións políticas foi en aumento e a cantidade de presos políticos torturados na temida cadea de Black Beach reduciuse. Ora, compre ter en conta que estas reformas son tamén de cara á galería, xa que a maioría de partidos políticos (e mesmo ONGs) que se foron creando fixéronno ao abrigo e cos subsidios do réxime. De feito, hoxe en día, as xornadas electorais na Guinea continúan sendo unha grande incognita, xa que as manobras electorais máis variadas e o caciquismo empresarial están na orde do día, á vez que os observadores internacionais e xornalistas independentes son vetados case sempre.

E o terceiro grande elemento, e decerto o máis importante, son os apoios internacionais que recibe o réxime. Os Estados Unidos e a China, os dous principais socios económicos adoptaron a estratexia do pragmatismo enerxético. As excelentes condicións contractuais que lles ofrece o goberno gineense para explotaren os seus hidrocarburos fixeron que as críticas internas (no caso dos Estados Unidos) non poñan en perigo as relacións comerciais. Mais os apoios non só veñen destes dous países, senón que o  goberno gineense soubo posicionarse perfectamente a escala rexional. Teodoro Obiang xa ostentou a presidencia da Unión Africana, a Guinea estivo na Copa de África de Fútbol en dúas ocasións (2002 e 2015) e o país ten un peso específico na Comunidade Económica Monetaria da África Central. E se nos fixarmos no mundo da comunicación, os resultados son semellantes: o país goza dun excelente trato no canal de información internacional África 24 ou no prestixioso semanario Jeune Afrique, onde se salientan os proxectos do goberno e as críticas costuman ser silenciadas.

Diante deste novo paradigma, os diferentes gobernos españóis (tanto do PP como do PSOE) tentaron aproximarse do réxime de Obiang. O obxectivo non é outro que “subir ao tren” e posibilitar que algunhas empresas españolas -non tanto do sector de hidrocarburos, senón de infraestruturas, servizos, turismo ou comercio- podan aproveitar o crecemento económico do país. Deste xeito, se nos finais da década de 1990 tanto o PP como o PSOE financiaban a oposición política contra o réxime (os primeiros ao chamado Partido del Progreso do truculento Severo Moto e os segundos Convergencia para la Democracia Social), desde comezos dos 2000 as visitas de membros do goberno, do parlamento e da comisión de exteriores do Congreso de Deputados (Moratinos, Durán i Lleida, Bono) combináronse con visitas oficiais de Obiang ao Estado español (2006, 2014) ou a controvertida visita da selección española para un xogo amigábel, no 2013.

Porén, se fixermos caso dos dados que ofrece o Instituto Español de Comercio Exterior, no 2015 só existían once empresas españolas establecidas na Guinea, a maioría das cales ligadas á enxeñería e as telecomunicacións. Iso non impediu que no pasado mes de xullo, Teodoro Obiang recibise outra vez no seu gabinete José Bono, que facía de anfitrión de Jaime García Legaz, presidente da Compañía de Seguro de Crédito a la Exportación (CSCE). Esta sociedade outorga avais ao investimento español e recibe anualmente 900 millóns de euros dos orzamentos xerais do Estado. Todo parece indicar que a CSCE estaría itneresada en abrir unha oficina na capital, Malabo, co obxectivo de favorecer o establecemento de novas empresas españolas no país.

Encanto o desenvolvemento económico da Guinea poda supor algunha posibilidade de negocio para as empresas españolas, a presión politica por parte do goberno español será pouca, por non dicir ningunha. Un silencio que axuda a perpetuar un réxime que apesar da avanzada idade do ditador, parece que goza dunha saúde de ferro. Comprirá prestar atención no entanto ao que acontecer nos próximos anos e, sobretodo, ter en conta dous elementos: a máis que probábel loita sucesoria entre dous dos fillos de Obiang (Teodorín, o favorito, e Gabriel, que parece que conta co apoio do exército) e estancamento ou a redución na produción de petróleo, que fará minguar ostensibelmente os recursos económicos cos que a rede familiar do presidente domina todas as esferas do poder.

Jordi Sant Gisbert

 

Article publicat originalment al suplement del Cicle de cinema africà de la Mostra de Cinema Internacional del Baix Llobregat, aparegut amb el número 454 de la ‘Directa’