A lexislación vixente no estado español ordena ao poder executivo transferir as competencias sanitarias dos centros penitenciarios -actualmente dependentes do Ministerio do Interior- ás comunidades autónomas, para así ofrecer un servizo de calidade e igualitario a todas as persoas. A dia de hoxe, só Catalunya e Euskadi integraron as competencias na rede de saúde autonómica. 

 

O artigo 208.1 do Réxime Penitenciario do estado español, aprobado en 1996, regula que “a todos os internos sen excepción lles será garantida unha atención médico-sanitaria equivalente á dispensada ao conxunto da populación”. Desde 1986, a administración penitenciaria é a encarregada da atención primaria dentro das prisións -cun equipo médico fixo e outro periódico-, e o Sistema Nacional de Saúde (SNS) encarrégase da atención especializada dos internos, segundo os convenios fixados con cada comunidade autónoma. Un dos problemas do modelo é que a atención primaria fica en mans da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias (SXIP), que depende do Ministerio do Interior español e, portanto, os servizos sanitarios vense limitados a criterios que dependen de convenios orzamentarios, da seguranza do centro ou da orde reximental, en lugar de basearse en criterios médicos. Iso tradúcese en que moitas veces un médico ten que obedecer un superior hierárquico -que non é sanitario- ou que un lugar vago non sexa cuberto inmediatamente, como pasou recentemente na prisión de Dueñas (Palència), onde estiveron sen médico de noite durante varias semanas cunha populación reclusa de perto de 1.000 persoas.

No ano 2003, nun clima de mobilizacións sociais para conseguir un sistema de saúde universal igualitario para todas as persoas, o Congreso español aprobou a Lei de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde, que obrigaba o goberno, entre outras medidas, a transferir os servizos sanitarios dependentes de Institucións Penitenciarias ás comunidades autónomas nun prazo de dezaoito meses. Pasados quince anos da aprobación da lei, e despois de varias mocións presentadas por diferentes forzas políticas para a súa aplicación efectiva, só Catalunya e Euskadi transferiron as competencias ao seu sistema de saúde autonómico.

 

Segundo Francisco Miguel Fernández, membro da área de prisións da Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucia, “non pode ser que as competencias sanitarias de ningunha persoa dependan do Ministerio do Interior, que antepón a vixilancia e a seguranza do estado á atención sanitaria das persoas”

 

Hai máis de vinte anos que a  Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) ven denunciando que o estado vulnera sistematicamente os dereitos sanitarios que padecen as persoas presas -que tamén están recoñecidos nos artigos 14 e 43 da Constitucións española- e que o servizo médico dentro das prisións do estado español, que afecta actualmente máis de 50.000 persoas, tería de ser regulado pola mesma administración sanitaria que presta o servizo á cidadanía que vive en liberdade. Segundo francisco Miguel Fernández, membro da área de prisións da APDHA, “non pode ser que as competencias sanitarias de ningunha persoa dependan do Ministerio do Interior, que antepón a vixilancia e a seguranza do estado á atención sanitaria das persoas”, e explica que está demostrado que, cando se transferen as competencias médicas ao Sistema de Saúde das comunidades autónomas, estas condicións melloran considerabelmente. Daniel Zulaica Ariestegui (encarregado da integración da sanidade penitenciaria no sistema público sanitaria vasco) explicaba este proceso de transición nunhas xornadas organizadas polo Defensor del Pueblo Andaluz, celebradas no ano 2016 en Sevilla: “a integración foi realizada en menos dun ano, funciona ben e adáptase aos obxectivos. Estar dentro do sistema comunitario permite a participación dos profesionais nas mesmas condicións laborais e seren conscientes de todas as mudanzas e avanzos que se producen en sanidade. É evidente que é unha mudanza beneficiosa para toda a sociedade e especialmente para a saúde das persoas”.

O doutor Antonio López Burgos, membro da Sociedade Española de Sanidade Penitenciaria, explicaba nas mesmas xornadas que, cando as competencias sanitarias dentro dos centros penitenciarios dependen do SXIP, existe unha ruptura total no seguimento médico ao entrar e sair de prisión pola falta de comunicación entre as dúas institucións: “Se o paciente recibiu tratamento fora do centro penitenciario, cando entra, o médico da prisión descoñece totalmente o seu tratamento e historial médico, e o mesmo pasa ao contrario. Tampouco se compartilla a información entre os centros penitenciarios”. Iso deriva en que doenzas e infeccións graves -como o VIH, a hepatite C ou o cancro- non sexan tratadas a tempo e que algúns presos acaben morrendo, ou que un paciente poda recibir diagnósticos e tratamentos diferentes dependendo de onde estiver. De feito, a imposición de dispensar produtos farmacolóxicos diferentes aos do exterior -unha práctica moi común nos centros penitenciarios- foi constantemente denunciada por diferentes organizacións médicas e declarada ilegal polo Tribunal Supremo español. Segundo a opinión de López. “a vontade política é a única que pode mudar esta situación, que só non estoura porque todo o que acontece nas prisións está fechado entre catro muros.”.

 

 

Acción en apoio do preso vasco Ibon Ipaguirre, doente de sida, no ano 2014. Por causa das medidas cautelares non puido ser atendido adeuadamente | Gari Garaialde / BostokPhoto

 

No pasado mes de xullo, a APDHA presentaba unha nova campaña para reclamar a transferencia das competencias sanitarias ás comunidades autónomas -e esta vez incluía tamén un decálogo en que se denuncian as principais vulneracións que padecen as persoas presas en termos de saúde- co obxectivo de sensibilizar as organizacions que loitan pola defensa da saúde universal e outros colectivos que reclaman o respecto dos dereitos humanos nas prisións. Fernández espera que esta iniciativa supoña “un punto inicial de debate e encontro para que o tema da sanidade nas prisión non sexa unha illa no movemento por conseguir unha sanidade universal, e tamén sexa incluído como demanda na loita polo respecto dos dereitos humanos nas prisións”. Alén de medidas como pór fin ás suxeicións mecánicas ou ofrecer formacións especializadas ao persoal médico, o decálogo inclúe “o rexistro de forma precisa de todas as lesións que se observan por parte do persoal sanitario”, unha das demandas feitas polo Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos. En 2016, nas prisións do estado español, 259 persoas denunciaron torturas, segundo o relatorio da Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura.

As persoas con transtornos e doenzas terminais, as máis prexudicadas

Como consecuencia da falta de coordenación entre o Sistema Nacional de Saúde e Institucións Penitenciarias moitas persoas diagnosticadas con transtornos mentais graves -que segundo datos da Sociedade Española de Sanidade Penitenciaria representarían por volta do 8% da populación reclusa- chegan ás prisións sen ningún tipo de notificación dos equipos médicos, que tampouco poden acceder ao seu expediente. “Este é un feito moi grave porque moitas veces son encerrados en primeiro grao ou padecen castigos penitenciarios, como a anulación de visitas ou suxeicións mecánicas, sen se ter en conta a súa diagnose ou estado mental”, explica Fernández, “e ese é outro exemplo de vulneración de dereitos que padecen os presos”. Segundo unha sentenza do Tribunal Constitucional, publicada no pasado mes de agosto, as persoas absolvidas por problemas de saúde mental han de cumprir a medida de seguranza nun centro psiquiátrico e non en centros penitenciarios ordinarios. Despois desta sentenza, a APHDA esixe aos xulgados requeriren á administración penitenciaria cumprir a lei para que ningunha persoa cun problema de saúde mental sexa privada de liberdade nun centro penitenciario, “que ten finalidade sancionadora e non terapeútica”.

 

As persoas con transtornos mentais graves “moitas vces son encerradas en primeiro grao ou sofren castigos penitenciarios, como a anulación de visitas ou suxeicións mecánicas, sen se ter en conta a súa diagnose ou estado mental”, explica Fernández

 

Outra vulneración de dereitos é a que padecen as persoas con doenzass terminais, como é o caso de Carmen Badía -actualmente na prisión de Zuera- ou Francisco Chamorro -interno no CP Castellò 1- que, embora estaren diagnosticadas con estado avanzado de cancro e recibiren quimioterapia, continúan encerradas nos centros penitenciarios sen “dereito á liberdade condicional”, como obrigan os artigos 91 do Código Penal e o 196 do Regulamento Penitenciario para este tipo de situacións ou, como mínimo, pasar ao terceiro grao de réxime penitenciario, como estipula o artigo 104.4 do RP “por razóns humanitarias e dignidade persoal”. Rosa Giménez, nai de Chamorro, que está loitando pola excarceración do seu fillo, pregúntase: “Non sería máis humano excarcerar as persoas doentes para que pudesen recibir na rúa os mesmos cuidados que calquera outro cidadán, como esixe a lei, que a deficiente sanidade penitenciaria non pode nin quer prestar un servizo digno?”, e conclúe, “Non sería máis humano que pudesen morrer confortados pola súa familia?”.

 

Vicent Almela | @La_Directa