A visita dun “barco da morte” saudita ao Reino de España volve xerar preguntas que o Goberno deberá responder. O deputado de EH Bildu Jon Iñarritu levou ao Congreso o caso do Bahri Jazan e a súa recente escala no porto de Sagunto, algo que o buque pretendeu ocultar até última hora falseando a súa folla de itinerario. Apesar dos intentos realizados por Amnistía Internacional, non houbo ningún tipo de resposta oficial sobre o tipo de carga que realizou nesa terminal marítima valenciana.

 

Bahri Jazan               O barco Bahri Jazan nunha escala no porto de Bilbo en outubro de 2017.  Cedida / LUIS ARBIDE

 

“A transparencia non é o forte deste Goberno”, sinalou Iñarritu ao xornal Público despois de formular esta nova pregunta escrita sobre as actividades dos barcos da naviera Bahri en España. O réxime de Arabia Saudita emprega seis buques da súa frota para o transporte de armamento adquirido en diferentes países e que posteriormente é utilizado na guerra do Iemen.

O Bahri Jazan forma parte dese grupo de buques dedicado ao transporte de armamento. No pasado 19 de febreiro, Amnistía Internacional solicitou información ao Goberno sobre a escala que prevía realizar en Sagunto. Poucas horas despois, o barco falseou o destino que aparece no seu Sistema de Identificación Automática (AIS, polas súas siglas en inglés), indicando que se dirixía a Xénova. Así o mantivo até poucas horas antes da súa chegada a Sagunto, unha manobra que o activista Luís Arbide, porta-voz da comisión A Guerra Aquí de Ongi Etorri Errefuxiatuak, xa detectara noutras ocasións.

O roteiro tamén se repetiu en ámbitos gobernamentais: do mesmo xeito que noutras ocasións, non houbo resposta oficial a solicitude de información realizada por Amnistía. Ante ese silencio, Iñarritu formulou agora unha pregunta escrita ao Goberno para tratar de obter información a respecto diso.

“Segredo profesional”
Contodo, os antecedentes non convidan precisamente ao optimismo. O pasado 10 de febreiro, o Executivo rexeitou dar calquera información sobre o ocorrido co barco Bahri Abha, que atracara en Sagunto o 15 de decembro de 2020 despois de incluír este porto na súa folla de itinerario a última hora.

En resposta a outra solicitude de información realizada por Iñarritu, o Goberno indicou que “en relación co acceso aos datos concretos de cargas en buques, hai que sinalar que a información contida no documento da declaración de exportación é confidencial por natureza”. Alegou tamén que eses datos estaban protexidos polo “segredo profesional” de acordo ao Código Alfandegario da Unión Europea.

“Así, toda información obtida polas autoridades alfandegarias no desempeño das súas funcións que sexa confidencial por natureza ou que se facilitou con ese carácter, estará protexida polo deber de segredo profesional”, destacou na súa resposta, subliñando tamén que “as autoridades competentes non poderán divulgar esa información sen o consentimento expreso da persoa ou autoridade que a facilitou”.

O Goberno esclareceu igualmente que “as únicas excepcións” ao redor dese segredo profesional “se referen ás actuacións dentro dun procedemento xudicial ou coas autoridades dun terceiro país através dun acordo internacional de cooperación alfandegaria”. Existe, así mesmo, outro punto que engade aínda máis opacidade a este tema: as actas da Xunta Inter-ministerial que se encarrega de conceder os permisos de exportación de armamento están clasificadas como “secretas” por mor dunha resolución adoptada polo Goberno de Felipe González en 1987.

“Incomprensíbel”
Desta feita, os organismos de dereitos humanos que reclaman datos concretos sobre as exportacións a Arabia topan con serias dificultades no seu traballo. O mesmo acontece no Congreso, onde as preguntas parlamentares relacionadas co comercio de material militar con ese país chocan contra o muro de silencio.

“É incomprensíbel que se venda armamento a Arabia Saudita. Hai que ter en conta que alén de estar no ‘top ten’ dos estados que conculcan dereitos, tamén está a tomar parte activa no conflito do Iemen”, afirmou Iñarritu.

DANILO ALBIN

Público