O Goberno de coalición defendeu a condecoración coa máxima distinción da Garda Civil que se outorgou en setembro de 2019 a Abdellatif Hammouchi, un oficial da policía marroquina acusado de torturas e asasinatos no Sahara Occidental e o Rif.

 

 

A ‘Grande Cruz da Orde do Mérito da Garda Civil’, concedida a este sobranceiro represor marroquino durante o Goberno en funcións de Pedro Sánchez, non é a única que lle foi concedida por un goberno español. O anterior goberno do Partido Popular de Mariano Rajoy xa lle concedeu en 2015 a ‘Cruz ao Mérito Policial con distintivo vermello’, a máis alta condecoración do Corpo Nacional de Policía.

Ambas as condecoracións outórganse exclusivamente a aqueles oficiais, xerais ou persoal civil que destacou polos seus ‘sobresalientes méritos relacionados co Corpo da Garda Civil ou a seguranza pública’. Esta concesión debe contar, aliás, coa ratificación expresa do Consello de Ministros. En que puideron consistir os “méritos” deste oficial marroquino, que estivo sempre estreitamente vinculado aos Servizos Secretos e á Intelixencia militar do seu país?

Un personaxe sinistro denunciado por Amnistía Internacional

Este torturador marroquino aparece nun relatorio de Amnistía Internacional de 2015 intitulado “A sombra da impunidade: Tortura en Marrocos e no Sahara Occidental”, que o acusaba de estar por trás de máis de 173 casos de tortura, asasinato e outras vulneracións de dereitos humanos supostamente cometidas entre 2010 e 2014, especialmente no Sahara Occidental e no Rif, sobretodo contra activistas da causa saharaui.

Anteriormente, en Francia xa se iniciara procedemento xudicial por torturas ao preso político saharaui Naama Asfari. De feito, en 2014 foi ordenada a súa detención pola policía xudicial francesa para o levar a declarar aos Xulgados en relación coas denuncias de tortura contra presos políticos.

Apesar das demandas xudiciais, Hammouchi non se presentou ante a Xustiza francesa, alegando estar nunha residencia diplomática, feito que lle concedía total inmunidade. Por esa mesma razón, o hoxe condecorado non puido ser nin xulgado, nin condenado, e actualmente, continúa actuando en Marrocos con total impunidade, através do importante cargo de Director Xeral da Seguranza marroquina

Xustificacións vergoñosas do goberno

Este pasado 2 de febreiro, a preguntas do deputado de Bildu, Jon Iñarritu, o Goberno xustificó a súa decisión alegando que este personaxe “está moi implicado persoalmente na estreita colaboración coa Garda Civil, especialmente en materia antiterrorista”.

Resulta que agora asasinar e torturar un pobo, como o saharauí, que a diario sofre a brutal represión marroquina pola súa loita por dispor dos seus propios recursos e un Estado propio, é colaboración antiterrorista co goberno español.

En setembro de 2019, o Ministerio do Interior dirixido por Marlaska, concedeu tamén a máxima distinción da Garda Civil ao xefe da Xendarmaría Real de Marrocos, o xeneral Mohamed Haramou.

No seu curriculum vitae, o xeneral Haramou exhibe con orgullo, salienta como un alto valor biográfico, o feito de ter participado en 1975, sendo un neno, na Marcha Verde, é dicir no inicio da ocupación de Hasam II do Sahara Occidental que tan tráxicas consecuencias tivo para o pobo saharaui.

Posteriormente decidiu unir os seus destinos ao das Forzas Armadas reais marroquinas e a partir desa altura a súa carreira non parou de ser un rápido ascenso na hierarquía militar marroquina.

Basta de escusas. Apoio total ao pobo saharaui na súa loita polo fin á ocupación e polo seu dereito á autodeterminación

O que pon de manifesto este tipo de ‘xenerosas’ condecoracións a estes integrantes das áreas máis sinistras do Estado marroquino feitas polo Goberno en funcións do PSOE e agora xustificadas polo Goberno ‘progresista’ xunto con Unidas Podemos, é que a súa política non variará nin un ápice do camiño que xa escolleron os gobernos anteriores en relación coa súa colaboración estreita coa autocracia marroquina.

O Estado español, dá igual a cor política do goberno, despois de expoliar e masacrar o pobo saharaui durante 80 anos como colonia, limitouse a facer meras declaracións formais de apoio. Pura demagoxia, que non pode ocultar o seu compromiso e acordos co réxime marroquino para manter a ocupación. Esta é a mellor vía que consideran para garantir hoxe os intereses de grandes empresas españolas -que expolian os bancos de pesca, a area e os fosfatos saharauis – tanto nese territorio como no mesmo Marrocos.

Mesmo partidos, como Unidas Podemos, que sempre dixeran defender a causa saharaui, esquécena ao entraren no goberno estatal e calan cando se condecora os responsabeis da represión marroquina. Outro sapo, ou outro “consenso” do 78, asumido polos ministros de Podemos e EU para sentar na mesa do consello das terzas-feiras.

Jorge Calderón

La Izquierda Diario