Lamentablemente, a conciencia de que existe unha maioría en favor da paz non parece transcender alén das declaracións públicas, nin permear o ámbito das decisións do goberno.

 

La ministra de Defensa exige "responsabilidad" al líder de Podemos

 

 

Quique Sánchez Ochoa

A escalada de tensións no conflito de Ucraína levou a retórica e as decisións do Goberno español a extremos como mínimo contraditorios. Ao mesmo tempo que Pedro Sánchez aposta “pola unidade, a distensión, a solidariedade e o diálogo”, garante o compromiso de España coa OTAN e coas accións que esta leve a cabo. Margarita Robles, Ministra de Defensa, propón unha resposta diplomática que permita desescalar a tensión con Rusia, mais manda dous buques de guerra ao Mar Negro, lembra que hai 300 soldados españois operacionais en Letonia e valora un envío de cazas en Bulgaria. O portavoz do PSOE, Felipe Sicilia, aínda dá outra reviravolta e declara que ninguén pode pór en dúbida que o PSOE é o partido do “Non á Guerra”  mais que a posición do Executivo é “respectar as decisións da OTAN”.

Se temos en conta que o “Non á Guerra” naceu en resposta á invasión do Iraque, orquestrada polos Estados Unidos e os seus aliados da OTAN, a incongruencia torna case insoportábel.

Dá por feito o Goberno que esta confusión de termos case orwelliana á que nos ten afeitos xa callou ou resulta imperceptíbel para a sociedade española.

A guerra é a paz e prepararnos para o conflito armado é a única maneira de solucionalo. Non parecen sentirse tan cómodas con esta mensaxe en Unidas Podemos. A ministra de Igualdade, Irene Montero, foi quen propiciou as declaracións do porta-voz do PSOE ao declarar que “España é o país do ‘Non á guerra'” e que a nosa sociedade está formada por “xente de paz” que aposta pola “desescalada do conflito, por evitar manobras na zona [en referencia ao envío ordenado por Robles], polo diálogo e pola diplomacia”.

Outras voces da formación fixeron declaracións nese mesmo sentido, e probabelmente non lles falta razón ao entenderen que a maior parte da cidadanía está en contra da guerra.

Lamentabelmente, esta conciencia de que existe unha maioría en favor da paz non parece transcender alén das declaracións públicas, nin permear o ámbito das decisións do goberno do que son parte. Afinal de contas, este Goberno de coalición é responsábel das políticas de forte carácter militarista promovidas durante estes dous primeiros anos de mandato. Sirvan como proba tres exemplos recentes.

 

O Goberno de coalición optou por se pór de lado e manter España á marxe dos esforzos internacionais en favor do desarmamento nuclear.

 

En primeiro lugar, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos presentou uns orzamentos para este ano que acaba de comezar que manteñen a inercia armamentista de executivos anteriores, á marxe do seu signo político. As contas aprobadas para 2022 dispoñen un gasto militar de 22.796 millóns de euros, máis do duplo do asignado directamente ao Ministerio de Defensa (10.155 millóns), o que supón unha nova marca histórica e un 5,75% máis que no ano pasado. Este ano gastaremos 4.581 millóns en investimentos en armamentos, na súa maior parte para pagar os Programas Especiais de Armamento (PEA), para os que os dous gobernos presididos por Sánchez desde 2018 xa consignaron 21.560 millóns de euros.

Nin a entrada no goberno de Unidas Podemos nin a emerxencia sanitaria provocada pola pandemia pareceron alterar no máis mínimo estes planos para dotar o exército español de máis e maiores capacidades destrutivas, con investimentos multimillonarios en blindados, helicópteros, submarinos, fragatas, cazas e outras armas, aprobadas unha após outra nun Consello de Ministros que non deixa de estar composto por membros de ambas as formacións.

Outro exemplo: hai apenas uns días, o 22 de xaneiro, completouse o primeiro ano da entrada en vigor do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares (TPAN), un fito histórico para a loita pacifista que conseguiu que a arma máis destrutiva que creou o home (e omito aquí a linguaxe inclusiva) por fin pasase a estar prohibida polo dereito internacional. A asinatura deste tratado era curiosamente un dos 11 puntos dun primeiro acordo alcanzado entre Unidas Podemos e o PSOE en setembro de 2018. Apesar disto, presenciamos como o Goberno de coalición optou por se pór de lado e manter España á marxe dos esforzos internacionais en favor do desarmamento nuclear.

É a posición que marcan con man firme os Estados Unidos aos seus socios da OTAN que carecen deste tipo de armamento, en troca da protección e seguranza que (suponse) dan as súas máis de 5.500 cabezas nucleares, moitas delas estacionadas en Europa.

Do mesmo xeito, este goberno demostrou pouca afinidade coas mensaxes do “Non á Guerra” ao seguir aprobando e promovendo as vendas de armas made in Spain mesmo a países envolvidos en guerras e instabilidade, como son os casos da Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos, Exipto ou Turquía. No último relatorio de exportacións de material de defensa presentado ao Congreso, que corresponde ao primeiro semestre de 2021, sorprende achar que nese período non houbo recusas na exportación de material militar, nin sequera no caso da Arabia Saudita que, apesar da súa máis que evidente implicación na guerra do Iemen (onde provocou a maior crise humanitaria no que levamos de século), recibiu municións e componentes por valor de 55,7 millóns.

 

 

Precisamente no inicio dese semestre, o Executivo xustificaba a venda de armas ao réxime saudita, asegurando un compromiso firme coas normativas que “antepoñen o respecto aos dereitos humanos por cima de calquera outro interese”, no que sen dúbida foi outra grande acrobacia retórica. Talvez este sexa efectivamente o país do “Non á Guerra”, mais creo que podemos afirmar con rotundidade que o seu goberno non o é. Quen estivo en protestos como a da fotografía que acompaña estas liñas, estarán de acordo con isto. Poida que até partille esta afirmación o mozo que está de pé, cunha palestina amarrada á cintura e sostendo un pequeno megáfono, apesar de que por un tempo chegou a ocupar o cargo de vicepresidente neste Goberno.

El Salto Diario