A Avogacía do Estado reclamou en xaneiro ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que rexeitase a demanda da familia do cámara asasinado no Iraque por soldados estadounidenses.

 

 

Desde que se cometeu o crime de guerra en 2003 a súa familia non parou de batallar nos tribunais de xustiza.
O Goberno de España non quere que o crime dos dous xornalistas españois asasinados en Burkina Faso na pasada segunda feira por un comando de Al Qaeda “caia no esquecemento nin na impunidade”, segundo explicou onte a ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, mais ao mesmo tempo esta disposición clara ao esclarecemento dos crimes de David Beriain e Roberto Frade contrasta co interese do mesmo executivo de Pedro Sánchez de arquivar custe o que custar a investigación que a familia do cámara de Telecinco, José Couso, asasinado no hotel Palestina de Bagdad durante a guerra do Iraque en abril de 2003, mantén nos tribunais.

Diario16 entrevistou na quinta feira pasada David Couso, irmán do cámara asasinado polo disparo dun tanque norteamericano sobre o hotel onde residía cando cubría o conflito bélico do Iraque. “Esperamos xustiza”, apuntou o irmán de José Couso á nosa compañeira Beatriz Talegón durante a entrevista. O Goberno de España defendeu este pasado xaneiro no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos de Estrasburgo que se rexeitase a demanda presentada pola familia de Couso.

A Avogacía do Estado apuntaba nun escrito do pasado decembro que defende que España non vulnerou o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos cando arquivou, despois de 11 anos de instrución, a investigación do asasinato do xornalista que estaba aberta na Audiencia Nacional. Nesa altura, a reforma impulsionada polo Goberno do PP para restrinxir a xustiza universal obrigou a deixar na gaveta á investigación contra os tres militares estadunidenses procesados por este crime de guerra. A Avogacía do Estado defende que o caso chegou “a un punto morto” e que o Estado español exerceu o seu dereito á investigación “en tanto España tivo xurisdición para perseguir in absentia os responsabeis do crime”.

Presión do Goberno a Burkina Faso
Agora, a xefa da diplomacia española asegura que o executivo de Pedro Sánchez porá todo o seu empeño no esclarecemento do crime dos dous xornalistas nunha emboscada en Burkina Faso cando realizaban un documentario sobre os cazadores furtivos da zona. González Laya conversou na terza feira pola noite co seu homólogo burkinés para urxir o Goberno do país africano a identificar canto antes os responsabeis do ataque, que xa se atribuíu o Grupo de Apoio ao Islam e os Musulmáns (JNIM), a filial de Al Qaeda que opera na zona, co obxectivo prioritario de poderen comparecer ante a Xustiza.

González Laya quere evitar “que se pase a correr a páxina de actos terroristas” como o desta semana en Burkina Faso que custou a vida aos dous reporteiros españois e esixe “transparencia e determinación” para esclarecer as súas mortes. “De momento, apenas son coñecidos detalles moi preliminares do acontecido”, engadiu.

Respecto ao caso de José Couso, a súa familia agarda que a sentenza do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos faga xustiza e apela á cidadanía para que entenda que este non é un asunto que unicamente afecte a familia Couso, senón que tamén afecta todas aquelas persoas que cren nos valores universais da xustiza.

Natalio Branco

Diario16