En diferentes respostas remitidas ao Congreso, o Executivo argui que “os países da liga Árabe que forman parte da coalición contra os rebeldes” non son obxecto de sancións, á vez que evita calquera alusión aos bombardeos sauditas.

 

Bombardeo en Yemen Imaxe de arquivo dun bombardeo da coalición liderada por Arabia Saudita en Saná, Iemen, en agosto de 2017. REUTERS

 

 

DANILO ALBIN

A Moncloa ten xa un formato de resposta para as preguntas incómodas sobre a venda de armas españolas a Arabia Saudita, un millonario negocio cultivado ao calor da guerra que libra ese réxime en territorio do Iemen. O Goberno nega que esas vendas de material militar contribúan a violar os dereitos humanos, á vez que evita calquera mención á grave realidade que vive o Iemen desde que en marzo de 2015 comezaron a chover míseis.

“Os países da liga Árabe que forman parte da coalición contra os rebeldes no Iemen non están sometidos a embargo algún por parte da Organización das Nacións Unidas (ONU) ou a Unión Europea na exportación de armamento ou de material policial e antidisturbios”, argumenta o Goberno nunha resposta enviada no pasado día 18 ao deputado de EH Bildu Jon Iñarritu.

Nesa liña, sostén que “a Resolución 2216 (2015), aprobada polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas de 14 de abril, establece un embargo de armas a unha serie de persoas e entidades involucradas no golpe de estado no Iemen, mais non aos países antes citados”.

Non é a primeira vez que o Goberno recorre a ese argumento á hora de xustificar as vendas de armas a Arabia Saudita, un dos principais clientes da industria militar española. Estas operacións deben ser previamente autorizadas pola Xunta Interministerial encomendada de analisar as solicitudes de exportación. As actas deste organismo teñen carácter secreto debido a un decreto aprobado en 1987 polo Goberno de Felipe González e mantido polos Executivos posteriores.

Ante os diferentes requirimentos formulados desde o Congreso -varios deles tamén a cargo de Iñarritu- , o Goberno reproduce exactamente o mesmo parágrafo sobre “os países da liga Árabe que forman parte da coalición contra os rebeldes no Iemen” que figura na última resposta enviada ao representante de EH Bildu, quen nesta ocasión preguntara sobre a carga realizada polo barco da naviera pública saudita que no pasado 18 de outubro atracou no porto de Sagunto.

“Crimes de guerra”
Para Alberto Estévez, portavoz de Amnistía Internacional (AI) sobre comercio de armas, este modelo de resposta do Goberno “fai caso omiso das mudanzas producidas no Iemen sobre o terreo desde 2015”. “Desde entón os rebeldes huzís controlan novas zonas do país, en tanto a coalición saudita-emiratí impuxo un bloqueo naval e marítimo que agravou a situación humanitaria da poboación civil até pola á beira da fame negra”, sostén.

Estévez advirte que a coalición internacional liderada por Arabia Saudita “cometeu decenas de supostos crimes de guerra atacando de forma deliberada e arbitraria civís en mercados, mesquitas, funerais e escolas”, ataques que foron documentados pola ONU, AI e outras organizacións.

Segundo consta no último relatorio da campaña Armas Sob Control -integrada por AI, Intermón Oxram, Greenpeace e FundiPau-, desde marzo de 2015 a coalición encabezada por Arabia Saudita e Emirados “levou a cabo máis de 23.000 ataque aéreos no Iemen”.

Durante 2020, a media diaria de bombardeos foi de seis por día -o duplo de 2019-, en tanto a organización de Dereitos Humanos iemenita Mwatana documentou ao redor de 1.020 incidentes de danos a civís e obxectos civís no Iemen en que morreron e resultaron feridos máis de 900 civís”. De forma paralela, as vendas de armamento español ao réxime saudita en 2020 superaron os 48 millóns euros.

Petición do Parlamento europeo
En tal sentido, o porta-voz de AI apunta que “é verdade que non hai un embargo de armas sobre a coalición, aínda que o Parlamento Europeo o reclamoun na súa última resolución sobre o Iemen en febreiro deste ano polas atrocidades cometidas e toma nota das decisións de varios Estados membros de impor prohibicións de exportación de armas á Arabia Saudita e os Emirados e pide a todos os Estados membros que poñan fin á exportación de armas a todos os membros da coalición”.

O Consello da UE non alcanzou un acordo sobre este punto “polas diferenzas entre os exportadores como Francia e España e quen avoga pola suspensión das exportacións”, recalca Estévez, que advirte así mesmo que “o dereito internacional, en normas vinculantes como o Tratado sobre Comercio de Armas ou a Posición Común da UE, si prohibe a venda de armas para cometer crimes de guerra”. Nese contexto, considera que España “está a ollar para outro lado e vulnerando a lexislación en vigor”.

Público