O Goberno indiano prevé deportar a Birmania os membros da minoría musulmá rohinyá que están no país, segundo advertiu este sábado, en virtude da polémica Lei de Cidadanía, considerada antimusulmá e que desatou no último mes unha intensa onda de protestos que deixaron como mínimo 25 persoas mortas.

 

India and Rohingyas

“O próximo movemento será en relación cos rohinyás (…) Teñen que deixar a India, a Lei de Cidadanía non os ampara. O Goberno está a considerar as vías para deportarlos”, asegurou o ministro de Estado, Jitendra Singh, nunha conferencia de prensa televisada durante unha visita á disputada rexión de Jammu e Caxemira.

O ministro, que advertiu que a polémica norma será aplicada en todo o país, acrecentou que “Jammu tiña unha poboación considerábel de rohinyás e estamos preparando unha lista e recompilando os seus datos biométricos. Terán que irse da India e estamos preparando os detalles”.

Singh explicou que a minoría birmana “non é parte das seis minorías relixiosas (hindú, cristiá, sij, jain, budista e parsi) do tres Estados veciños (Afganistán, Paquistán e Bangladesh). Eles son de Birmania, así que teñen que regresar, xa que non poden aspirar a adquirir a cidadanía indiana en virtude desta lei”.

Segundo estimou nos inicios do ano a Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR), uns 17.000 rohinyás permanecen en diferentes lugares da India.

Máis de 700.000 rohinyás fuxiron de Birmania a Bangladesh desde o 25 de agosto de 2017, por causa dunha campaña militar en resposta a un suposto ataque dun grupo insurxente contra postos policiais e fronteirizos.

Continúan os protestos

As declaracións do ministro prodúcense en plena campaña gobernamental en favor da súa emenda á Lei de Cidadanía, que pretende responder con manifestacións oficialistas a intensa vaga de protestos que desde hai un mes mostran a súa repulsa contra unha norma que consideran discriminatoria contra a comunidade musulmá.

Aínda que de menor intensidade, os protestos contra a polémica emenda legal continuaron este sábado en varias cidades da India, como Bangalore ou Calcuta, en tanto o Executivo organizou un acto multitudinario en favor da norma no norteño estado de Assam, un dos primeiros en que acendeu a espoleta dos protestos.

Ademais, o Goberno engadiu este sábado ao seu discurso para xustificar a necesidade da lei un incidente vandálico ocorrido na sexta-feira contra o santuario sikh de Nankana Sahib Gurdwara, en Paquistán.

O propio ministro de Estado afirmou a ese respecto en Twitter que o ataque con pedras contra o lugar sacro “é unha proba de que as minorías son maltratadas alí. Portanto, #IndiaApoyaCAA (siglas en inglés da emenda legal)”.

Pola súa banda, o ministro de Vivenda e Asuntos Urbanos, Hardeep Singh, criticou que “os laicos marxinais que se opoñen á emenda legal na India deberían deixar de vivir na negación e escoitar eslogans como Vingarémonos dos sikhs‘”, que, segundo el, foron gritados” no ataque.

A norma, que foi aprobada por ambas as cámaras do Parlamento indiano nos inicios de decembro, desencadeou unha onda de protestos sen precedentes nos 5 anos de Goberno do nacionalista hindú Narendra Modi, que causaron polo menos 25 mortes, numerosos danos e feridos e millares de persoas detidas.

Rebelión