O informe oficial sobre exportacións realizadas durante o primeiro semestre de 2021 sinala que o Executivo autorizou operacións a varios países por un total superior aos 1.633 millóns de euros.

 

ESMAD Colombia

Membros do Esmad reprimindo unha manifestación. Mauricio Dueñas Castañeda/ EFE

 

 

As graves vulneracións dos dereitos humanos rexistradas este ano na Colombia non foron suficientes para frear a venda de armas españolas a ese país. Segundo datos oficiais do Goberno. Durante o primeiro semestre de 2021 concedeu cinco licencias de exportación de material de Defensa ás Forzas Armadas colombianas por un valor de 59.645.534 euros.

Estes datos aparecen recollidos no documento remitido pola Secretaría de Estado de Comercio ao Congreso sobre as operacións de venda de material de defensa rexistradas durante ese período, en que se rexistraron exportacións por un total superior aos 1.633 millóns de euros, o que supón un aumento do 37,3% en relación ao mesmo período de 2020.

No caso da Colombia, de nada serviron os reiterados pedidos formulados por Amnistía Internacional (AI) para que o Executivo -que ten ao seu cargo a concesión das licenzas de exportación de armamento- cancelase as operacións con Colombia até seren esclarecidas as violacións aos dereitos humanos rexistradas en 2021.

Segundo consta nun relatorio entregado a semana pasada ao goberno colombiano, a oficina local do Alto Comisionado da Organización de Nacións Unidas (ONU) advirte que 46 persoas morreron durante a selvaxe represión contra os protestos encadrados no Paro Nacional nese país entre o 28 de abril e o 31 de xullo. O 76% das vítimas presentaba feridas de bala.

O relatorio sinala que polo menos 28 destes falecementos foron causados pola Policía, en canto outros dez son atribuídos a membros do Escuadrón Móbil Antidisturbios (ESMAD), adscrito ao Ministerio de Defensa. Durante a represión dos protestos, o Goberno do dereitista Iván Duque mobilizou tamén o Exército.

O Goberno español autorizou as vendas de armamento ás Forzas Armadas de Colombia ao longo do mesmo semestre en que se rexistraron a maioría deses graves casos de vulneracións dos dereitos humanos.

De acordo cos datos que figuran no informe oficial, as vendas de material militar a Colombia corresponden ás categorías de “bombas, torpedos, foguetes, míseis”; “vehículos terreos” (blindados) e “aeronaves, vehículos máis lixeiros que o ar, vehículos aéreos non tripulados (UAV)”. Do total de 59.645.534 euros de exportacións autorizadas a Colombia, 50.000.000 corresponden a esa última categoría.

Durante o primeiro semestre de 2021 tamén foi autorizada a venda de material militar e antidisturbios ao Perú, outro país que foi sinalado polos organismos internacionais de dereitos humanos por mor da represión policial desatada en novembro de 2020. O documento reflicte tamén unha exportación de material antidisturbios a Cuba por un montante de 350.000 euros, alén de vendas realizadas a Albania, Togo ou Tunes.

Munición para a Arabia Saudita

No que toca á Arabia Saudita -un dos principais clientes da industria armamentística española- o informe sinala operacións con ese réxime por un montante superior aos 55 millóns de euros. A maior parte (38 millóns de euros) correspondentes á venda de munición de artillaría.

As exportacións ás Forzas Armadas sauditas foron reiteradamente denunciadas polos organismos de dereitos humanos, que alertan sobre a posíbel utilización do deste material na guerra que ese país libra desde marzo de 2015 no Iemen. Pola súa banda, o Goberno sinalou en diferentes ocasións que as exportacións á Arabia Saudita cumpren cos protocolos establecidos.

Público