Greenpeace tenta sen éxito vía Lei de Transparencia que o Executivo achegue o documento do Consello de Ministros de 1987 en que foi establecido o segredo oficial ao redor das autorizacións de exportación de armamento. A organización pacifista formulou unha solicitude de amparo para tratar de reverter esta decisión.

 

Pedro Sánchez y Felipe González EFE                    Pedro Sánchez e Felipe González EFE

Segredo oficial en 2021 en torno ao propio segredo, tamén de Estado, de 1987. “Isto é compor o ramallete”, traduce Sara del Río, responsábel da campaña de Desarmamento en Greenpeace. Hai algúns meses, esta organización pediu ao Goberno, vía Lei de Transparencia, que faga pública a norma do Executivo de Felipe González que abafou o asunto do negocio armamentístico. Tentativa errada: a exportación de material militar está, a día de hoxe, fóra do alcance de calquera norma transparente.

Del Río e a súa equipa acaban de comprobar que o muro continúa sendo, literalmente, indestrutíbel. Actualmente non hai maneira de coñecer as actas da Xunta Interministerial de Material de Defensa e Dobre Uso (JIMDDU), nome comprido sob o que se esconde unha actividade moi concreta: alí decídese ou recúsase a venda de armas a diferentes lugares do planeta, entre os que figura nun lugar predominante: o réxime saudita, grande cliente da industria armamentística española.

En marzo de 1987, o Goberno de Felipe González decretou que as actas da JIMMDU serían material clasificado e, portanto, non habería forma de coñecer os criterios seguidos polo Estado á hora de permitir cada un destes negocios. O Executivo baseouse para iso na Lei de Segredos Oficiais da ditadura franquista, vixente entón e vixente agora. Daí, precisamente, que resulte imposíbel derrubar o muro.

Greenpeace quixo abrir unha fenda vía Lei de Transparencia. Nunha solicitude formulada en marzo pasado, esta organización -integrante xunto con Amnistía Internacional, Intermón Oxfam e FundiPau da plataforma Armas Sob Control- solicitou unha copia do acordo de 1987, “de imposíbel localización nos rexistros públicos de acceso xeral”.

Despois de recibir esta petición através do Portal de Transparencia, o Goberno optou por deixar pasar o tempo, outra forma de dicir non sen ter que escribilo nun documento. “Despois da suspensión dos prazos administrativos polo Real Decreto do estado de alarma, de 14 de maio de 2020, que foron renovados no pasado 1 de xuño, e decorrido máis dun mes sen resposta, enténdese desestimada a petición por silencio administrativo”, resalta a organización pacifista nun comunicado.

Greenpeace formulou unha solicitude amparo ao Consello de Transparencia
Ante esa situación, Greenpeace formulou unha solicitude amparo ao Consello de Transparencia “por considerar que a negativa do Goberno a facer público un acordo en que se basea para recusar o dereito de acceso á información pública carece de base xurídica, xa que este dereito está garantido pola Constitución e os convenios internacionais de protección dos Dereitos Humanos, como dereito instrumental para o exercicio do dereito á liberdade de expresión e acceso á información veraz”, subliña, á vez que subliña que esta actitude do Goberno “atenta gravemente contra os principios de transparencia e publicidade da actividade da Administración pública”.

A organización considera que non ter acceso a este documento xéralle indefensión e vulnera o seu dereito á tutela xudicial efectiva, xa que dificulta o seu dereito a emprender accións xudiciais pola sistemática recusa de acceso ao contido das autorizacións e licenzas de exportación de material bélico a Arabia Saudita.

“O Goberno sabe dabondo que exportar armas a países que poden usalas na comisión de violacións de dereitos humanos, como as que acontecen a diario no conflito do Iemen, alén de inmoral é ilegal, o que explica o seu interese por ocultar o posíbel uso de armas españolas neste conflito”, sostén Lorena Ruiz-Huerta, avogada de Greenpeace.

En tal sentido, subliñou que”a falta de transparencia no comercio de armas é extrema e inxustificada, e parece responder máis aos intereses multimillonarios da industria armamentística que á salvagarda da seguranza nacional”.

Non é o primeiro muro contra o que se choca Greenpeace. Nas últimas semanas, o Goberno rexeitou outras solicitudes de información presentadas por esta organización vía Lei de Transparencia. En concreto, a administración rexeitou achegar o relatorio emitido polo Executivo do PP en 2015 mediante o que permitiu a construción do cinco buques de guerra encomendados por Arabia Saudita a Navantia.

“Información comercial sensíbel”
A Secretaría de Estado de Comercio tamén recusou entregar a Greenpeace a copia dos expedientes administrativos “referidos a cada unha das autorizacións ou licenzas concedidas para a exportación de munición de artillaría fabricada por EXPAL SYSTEMS con destino aos Emiratos Árabes Unidos e/ ou Arabia Saudita, entre o ano 2017 e a actualidade”.

Como no caso das corvetas construídas por Navantia, o Goberno alega que “o conxunto do expediente contén información comercial sensíbel dun operador privado que a Administración solicitou no exercicio das súas competencias e que debe tratar coa debida dilixencia e confidencialidade” e sostén que o acordo adoptado polo Goberno de Felipe González en 1987 outorga a este tipo de información o carácter de reservada. O segredo continúa tan vixente como naquela altura.

Danilo Albín

Público