Un novo relatorio do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura revela que en Conxo continúan a ser vulnerados dereitos fundamentais. “Non é que voltemos a prácticas que xa estaban erradicadas, é que continúan funcionando”.

 

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

 

Trinta e un anos despois do encerramento dos antigos manicomios o frío que entraba polas fendas e as humidades do Hospital Psiquiátrico de Conxo obrigaban os residentes a usaren roupa de abrigo no interior do edificio. O tempo pasaba por unhas instalacións inauguradas no século XIX mais non parecía pasar polo que aí dentro acontecía. Trinta e un anos despois de que a Lei Xeral de Sanidade aspirase a unha revolución na Saúde Mental, en Conxo había pacientes ingresados dende había 30 e 50 anos. Había tamén problemas de sobremedicación, mal uso das contencións mecánicas e falta de recursos.

Esas son algunhas das apreciacións que no 2017 facía o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNPT), dependente do Defensor del Pueblo, cando visitaba por sorpresa o que foi o primeiro sanatorio galego para garantir que os dereitos das persoas que aí residían non fosen vulnerados por estaren en situación de privación de liberdade. Comprobaron que si se vulneraban e, apesar das recomendacións feitas aos responsabeis institucionais, catro anos despois todo continúa na mesma.

O Hospital Psiquiátrico de Conxo eríxese no mellor exemplo de que após trinta e cinco anos a reforma psiquiátrica ainda non foi concluída. O Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura acaba de denunciar novas irregularidades nestoutra visita sorpresa ao centro os días 6,7 e 8 de xullo de 2021. Entre as irregularidades foi revelado un suposto caso de violencia sexual que xa foi denunciado nos tribunais.

A visita puxo o foco, de feito, na perspectiva de xénero, e constatou que: as mulleres ingresadas están en situación de maior dependencia, o seu estado de saúde presenta un maior deterioramento, teñen menos autonomía nas actividades da vida diaria, teñen tempos de estadía máis prolongados no tempo e hai unha maior percentaxe delas ingresadas en módulos fechados sen que se coñezan os criterios deste tipo de ingreso. Tamén que os problemas de adición a substancias non se tratan, castíganse; e que continúa a producirse unha división sexual do traballo, dividindo as tarefas por xéneros (mulleres á lavandería, homes á carpintería).

Alén, o relatorio do MNP dá conta de que falta información clínica e social dos pacientes e non existe un rexistro das contencións mecánicas realizadas. A media de duración das mesmas é de 16 horas nas mulleres e o caso máis grave é o de unha mulller que leva 19 anos ingresada e sufriu máis de 30 contencións nos últimos dous anos.

A presidenta do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, explica que as contencións mecánicas deben ser excepcionais e temos que avanzar cara a contención 0 como recomendación da propia ONU e do Consello de Europa. E matiza que este tipo de prácticas non acontecen só en Conxo senón tamén noutros centros sanitarios: “O Plano Galego de Saúde Mental ten como obxectivo a contención 0 mais nunca foi levado á practica. Non é que volvamos a prácticas que xa estaban erradicadas, é que continúan funcionando“.

A gravidade do que acontece no hospital psiquiátrico compostelán reside en que non existe un rexistro do número de contencións  e “sendo unha práctica que vulnera a liberdade ten que estar moi regulada. Teñen que constar as motivacións que levaron a esa situación, a duración, a frecuencia, que programa alternativo hai para que non volte a acontecer..”.Rosa Cerqueiro lembra que precisamente sobre esta cuestión incidiu o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura cando despois de emitir o relatorio do 2017 voltou a requirir no 2019 o número concreto de contencións realizadas nun determinado período e a Xunta nin sequera respostou. Asunto que mesmo chegou investigar a Procuradoría mais que despois arquivou.

Para a presidenta do Movemento Galego da Saúde Mental na base destas prácticas que deben ser superadas e aínda non son, están os lugares comúns que atinxen á Sanidade Pública. A falta de dotación de persoal e as condicións de habitabilidade: “imaxinemos por exemplo o Servizo de Urxencias, onde hai moitas persoas e non hai habitáculos arquitectónicos para prever que alguén poda alterardr máis. Falta claramente un modelo asistencial que promova a contención 0″. Mais, a diferenza entre a Saúde Mental e o resto do sistema sanitario, opina, é que aquela estivo sempre infradotada.Levávamos anos pedindo o Plano Galego de Saúde Mental  e até o ano pasado non foi posto en andamento, e porque era a pandemia e xa era todo demasiado flagrante”, resolve.

Outra das cousas que deixou a pandemia foi a vacinación. Aquel mes de febreiro era a vez dos colectivos prioritarios, das persoas maiores e os residentes en centros socio-sanitarios. Malia seren as mulleres e homes ingresados en Conxo persoas de idade avanzada e con patoloxía física, que partillan espazo co resto de residentes e profesionais que entran e saen do recinto, o Goberno galego non priorizou a súa vacinación. Si priorizou a dos sanitarios que alí traballaban, mais non a dos residentes.

O Movemento Galego da Saúde Mental, ao ser cosciente da situación, iniciou unha campaña en redes e através de peticións a grupos parlamentares e escritos á Xunta, e finalmente conseguírono. “Foi un momento moi difícil porque revelaba desleixo, esquecemento e unha discriminación clarísima. Houbo un surto e faleceron persoas“, di Rosa Cerqueiro.

Dende o Sergas, en troca, defenden que durante a pandemia se centraron en desenvolver protocolos específicos e en seren exhaustivos no control da Covid, incluíndo tanto os doentes residentes no centro como os sanitarios nas primeiras quendas da vacinación. “Unha mostra máis do compromiso da administración sanitaria con estes doentes é que atendemos as recomendacións realizadas polas sociedades científicas de priorizar a vacinación das persoas con trastorno mental severo”, apuntan.

O PRIMEIRO E O ÚLTIMO

O Parlamento galego acaba de instar a Xunta a resolver as “graves deficiencias” detectadas polo MNP en Conxo. A iniciativa foi aprobada polos tres grupos parlamentares, incluído o PPdeG, polo que desta volta o Goberno galego demorou menos en aceptar as recomendacións do alto comisionado. Resta por ver se aceptar se traduce en levar á práctica, xa que moitas das irregularidades denunciadas no 2017, aínda que recoñecidas, continúan se ser resolvidas. “Todas as suxestións en beneficio do centro, por suposto, van ser postas en andamento”, asegura a Xunta.

A Consellería de Sanidade argumenta que levar a cabo reformas arquitectónicas no edificio é complexo ao tratarse dun edificio protexido por Patrimonio. Tamén afirman que seguen “traballando pola mellora do centro” e houbo recomendacións que si levaron a cabo. “Definiuse un programa socio-sanitario e dotouse de persoal para avanzar no proceso de externalización dos doentes máis anciáns a centros socio-sanitarios, instaláronse videofilmacións en determinadas áreas e dotouse o centro con persoal novo do ámbito da psicoloxía clínica e a terapia ocupacional”, din.

A reforma psiquiátrica do 1986 aspiraba a potenciar os recursos ambulatorios e comunitarios que fixeran diminuír a necesidade de internamento e hospitalizacións. Reducir camas psiquiátricas. Tamén regulaba que os ingresos se fixesen nos hospitais xerais e se potenciasen recursos intermedios como hospitais de día, vivendas protexidas e outras rotas de rehabilitación.”A lei di que os hospitais monográficos teñen que ser fechados, xa non teñen sentido, teñen que caber en unidades de rehabilitación de hospitais xerais para levar a cabo os seus cometidos”, di Rosa Cerqueiro.

Após o fechamento do Rebullón no 2016, Conxo é o único dos antigos psiquiátricos que resta na Galiza. Ser máis grande e ter máis residentes (moitos internados dende hai moito tempo), explica Rosa Cerqueiro, dificultou integrar os pacientes noutros recursos. “Mais hai que traballar para alcanzar esa meta e que o hospital psiquiátrico se convirta pouco a pouco no que ten que ser, coa súa función de rehabilitación e recuperación, na volta á comunidade”.

A Xunta di que non contempla o fechamento do centro. O que si pretenden, apuntan, é avanzar “na calidade dos procesos e circuitos, e atender as suxestións de mellora propostas”. Sinalan tamén que teñen en andamento un proxecto de rehabilitación para a mellora dos espazos, a súa ordenación e accesibilidade. Teñen previsto licitar o proxecto no 2022, para o que destinarán 500.000 euros dos orzamentos da Comunidade. A iniciativa probabelmente ten a ver con que, reunido o Real Patronato de Santiago 18 anos despois, aprobaran a reforma do Hospital Psiquiátrico de Conxo para o converter nun polo biosanitario.

Galicia Confidencial