O humorista publicou en redes sociais unha mensaxe que os denunciantes cren contraria aos dereitos fundamentais das persoas con discapacidade.

 

Imagen del cómico David Suárez.                                                     Imaxe do cómico David Suárez. D.S.

 

srodriguez@infolibre.es 

O chío polo que o humorista David Suárez ten que render contas en sede xudicial nunca foi eliminado: chegan uns segundos no buscador da rede social para comprobar que continúa intacto. O comentario é o responsábel de que o cómico teña que enfrentar unha pena de 22 meses de cárcere nun xulgamento que terá lugar a vindeira segunda-feira 29 de novembro.

Pasaron dous anos e medio desde que o cómico decidise publicar o chío. As reaccións non tardaron en chegar e sinalaron Suárez non só como o responsábel dunha piada de gusto dubidoso, senón como autor dun delito. A asociación Plena Inclusión Madrid denunciou o cómico ao considerar que o comentario encaixa nun “discurso de odio” contra as persoas con discapacidade. A Procuradoría pede un ano e dez meses de prisión, alén dunha multa de 3.000 euros pola súa mensaxe “despectiva”. Tamén esixe a súa inhabilitación como cómico durante o tempo polo que se prolongue a condena e outro cinco anos máis, en que tampouco poderá exercer ningún oficio educativo no ámbito docente, deportivo ou de tempo libre.

A acusación sinala ao artigo 510.2 a) do Código Penal. Este precepto, ligado aos delitos de odio, castiga quen lesionar a dignidade das persoas mediante accións que impliquen humillación, menosprezo ou descrédito “contra un grupo, unha parte do mesmo ou contra unha persoa determinada por razón da súa pertenza a aquel” e por motivos que inclúen a discapacidade. O mesmo enunciado pena todo aquel que distribúa calquera material que polo seu contido lesione a dignidade destas persoas. O escrito de acusación sostén que o chío expresa un “evidente desprezo” cara o conxunto de persoas con síndrome de Down e que as palabras do seu autor son “humillantes e vexatorias”.

O contexto

Isabel Elbal, avogada do cómico, lembra o obvio: que a personaxe con síndrome de Down que creou David Suárez era ficticia e a escena que evocaba era igualmente ficción. Neste caso, defende, obviouse “o contexto” en que se encadra o comentario. “O Constitucional dixo por activa e por pasiva que hai que contextualizar e o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos sinalou que á hora de analisar un feito destas características é fundamental examinar que é o que motiva o emisor a transmitir esta mensaxe”. A Ministerio Público, subliña a avogada, “tiña que facer un exame máis contextualizado”. No seu lugar, limitouse a “coller a literalidad da piada”.

Ese mesmo contexto, resalta, achega algúns pormenores de peso: a piada é realizada por “un humorista profesional desde a súa conta de Twitter”, un canal para divulgar o seu traballo. Suficiente, no seu parecer, para entender que se tratou dunha piada que a moitos non gustou”, mais que en calquera caso ficaba encadrada na esfera profesional e estaba “desvinculada de calquera deriva discriminatoria”. A avogada apela máis unha vez ao contexto, e este non é outro que “a creación artística, unha piada do xénero humor negro e non outra cousa”.

Tres maxistrados para xulgar unha piada

A celebración do xulgamento estaba prevista para o pasado 4 de maio, coincidindo coas eleccións autonómicas da Comunidade de Madrid. O caso, canalizado vía o Xulgado do Penal número 22 de Madrid, non chegou a entrar nos tribunais. “A xuíza declarouse incompetente e finalmente aceptou a competencia a Audiencia Provincial de Madrid”, explica Elbal. Agora terá que avaliar a denuncia unha sección formada por tres maxistrados.

A defensa mantén unha dupla lectura: por unha banda, estima positivo que sexan tres persoas, en lugar de unha, quen asuma a responsabilidade de xulgar o caso. Mais doutra parate, estima a avogada, é “absolutamente desproporcionado” que un tribunal como a Audiencia Provincial dedique o seu tempo a xulgar o cómico. “Que se reúnan tres maxistrados por xulgar unha piada parece unha brincadeira”.

A vista chega agora despois dun primeiro arquivamento, en maio de 2019. Nesa altura, o xuíz entendía que o comentario vertido en redes sociais era “desafortunado, brután, desaxeitado, repugnante e sen graza algunha”. Mais en ningún caso constitutivo de delito. A Procuradoría asumiu inicialmente o arquivamento, mais finalmente secundou o recurso da asociación e foi a Audiencia Provincial de Madrid a encarregada de revogalo.

As consecuencias para David Suárez escalaron do plano público ao laboral: a piada custoulle o seu despedimento do programa radiofónico en que traballaba. Desde o inicio, o tamén roteirista defendeuse mediante un comunicado, argumentando que a súa intención “nunca foi e nunca será a de ferir as persoas con Síndrome de Down, nin causar dor ou sufrimento aos seus familiares”. En xullo do ano pasado, o propio David Suárez escribía en infoLibre que se a acusación “ten como obxectivo erradicar as condutas vexatorias cara ás persoas deste colectivo, é inxenuo pensar que iso se conseguirá eliminando un chío de ficción ou pedindo cárcere por unha piada”. A unha semana do xulgamento, Elbal espera que “a sala vexa que a piada realmente debeu ficar no xulgamento do público e non no penal”.

InfoLibre