Ao finalizar a marcha, xa diante do establecemento penitenciario, un dos manifestantes tentou lanzar uns pequenos foguetes como sempre se fai nestas marchas e un número da Garda Civil alí presente pediulle que se identificase. Como algunhas das persoas que presenciaban o requerimento do axente tentaron cobrir o compañeiro para evitar que mostrase o súa identificación, produciuse un pequeno tira-puxa sen maior trascendencia. Nese momento non se levou a cabo ningunha detención nin consta que houbese novos incidentes ao longo da tarde. No entanto, en 2017, pasados catro anos, tres persoas recibiron notificación de início de procedemento penal, unha por suposto uso de artefactos pirotécnicos, outra por supostas lesións a un número da Garda Civil e terceira, a que figura na comunicación ao Delegado do Goberno como convocante, como promotora dun acto en que se incitaba ás participantes a portar armas ou explosivos co propósito de organizar altercados.
Ora, apesar de ser por agora a máis grave, non é esta a primeira ocasión en que se producen actuacións policiais desproporcionadas contra o/as participantes nas Marchas á Prisión de Teixeiro (que xa van pola súa decimoséptima edición), pois parece ser que a delegación do goberno busca desafiar a/os manifestantes para que acaben con estas mostras anuais de solidariedade coas persoas privadas de liberdade. É así que noutras ocasións foron multadas todas as persoas que participaron na marcha por esta non ter sido comunicada á Delegación. Cando a Marcha si fora comunicada, os axentes optaron por recorrer a impor multas por estacionamento ilegal e a someter a controis exhaustivos as persoas e os seus vehículos, revistados todos por números da Garda Civil armados. Nunha ocasión, cando non parecía haber marxe para este tipo de manobras legais, ao regresaren da marcha a/os manifestantes da marcha encontraron furadas as rodas dos seus veículos.