O Ministerio Público decidiu recorrer a absolución de tres xovens catalás que queimaron unha bandeira española. O ministerio fiscal recorreu perante o Tribunal Supremo a decisión de absolver os xovens e reclama que sexan condenados por un delito de ultraxe a España porque, segundo o seu criterio, non foi un acto de protesto se non unha coacción en que os absolvidos exerceron “violencia moral”. O Supremo cre que o debate será profundo xa que haberá que decidir se este caso é similar ao dos dous homes que queimaron fotos do Rei en Girona en 2007 e foron amparados polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. O TEDH deixou claro que queimar unha foto do monarca está amparado na liberdade de expresión.
Foto EFE
Os feitos aconteceron en abril de 2016 cando tres estudantes romperon unha bandeira española que pertencía a varios integrantes de Societat Civil Catalá (SCC). Os mozos, que eran do Sindicat d’Estudiants dels Països Catalans (SEPC), achegáronse a un posto que SCC montara na praza Cívica da Universitat Autònoma de Barcelona e romperon a bandeira en dous anacos. Os tres foron condenadas por un xulgado de Sabadell a pagar multas de até 2.160 euros mais a Audiencia de Barcelona decidiu absolvelos con tres votos a favor e dous en contra. A decisión foi tomada por entender que non se podía probar ningunha acción violenta ou coactiva e que romper unha bandeira era un acto político amparado na liberdade de expresión. A Audiencia de Barcelona si que entendeu que o seu caso era similar ao dos dous condenados por queimaren fotos do monarca que, finalmente, foron amparados polo TEDH.
A Fiscalía non se dá por vencida
O ministerio público non acepta a absolución e levou o caso ao Tribunal Supremo nun escrito onde reclama que os xuíces multen os estudantes. O recurso, que asina o procurador Manuel Martínez de Aguirre, defende que romper a bandeira non foi un acto de liberdade de expresión se non algo “violento e coactivo”. Martínez de Aguirre subliña que os tres xovens exerceron “un acto de imposición á forza violenta através da destrución dos símbolos do outro, sen opción ao debate ou ao contraste de opinións”. Así pois, o Ministerio Público ten claro que os feitos foron unha “imposición violenta a outras de opinións diferentes para ser a inspiración doutros actos similares, contribuíndo a difundir un ambiente coactivo que sufoque opinións diversas.”
Así pois, fica claro que a Procuradoría non cre que este caso poida ser similar ao da queima de fotos do Rei no 2007. Segundo o escrito, “hai diferenzas substanciais” entre os dous casos que terían que facer que o Supremo voltase a impor as multas que estableceu o xulgado de Sabadell. O recurso ten o apoio de Societat Civil Catalá, que asegura que o día dos feitos os xovens “apropiáronse pola forza” da bandeira. Agora o TS terá que tomar unha decisión e decidir se fai falta ou non revogar a absolución.