Un informe cifra en 40 persoas as vítimas do impacto destes proxectís nos últimos vinte anos: nunha ocasión provocou a morte dun mozo e no caso Tarajal foi determinante na morte indirecta de 14 migrantes. Só no caso de Iñigo Cabacas o Tribunal Supremo condenou un mando da Ertzaintza por un delito de homicidio imprudente, no resto non houbo culpábeis. O Parlament de Cataluña aprobou unha comisión de estudo que porá o foco nos mecanismos de fiscalización das actuacións policiais e no modelo de xestión da orde pública

 

 

Mauro Tortosa

contacta@infolibre.es @maurotortosa

Carles Guillot leva un parche no ollo dereito. Tiña 29 anos cando o impacto dunha pelota de goma disparada pola Policía Nacional lle causou unha hemorraxia no globo ocular que tivo que ser extirpado horas máis tarde no hospital. Era o 17 de xullo de 2001. Cando se decatou de que estaban a desaloxar a casa okupada Kan Nyoqui, no barrio da Salut (Barcelona), solidarizouse cos seus compañeiros e foi ata alí. Á súa chegada, o impacto dun proxectil disparado a escasos metros por un axente deixouno inconsciente, provocándolle múltiples fracturas na cara e no nariz. “Inmediatamente notei un impacto terríbel na cabeza e caín redondo ao chan”. Vinte anos despois segue sen ser indemnizado e a pesar de identificar ao presunto policía que supostamente efectuou o disparo —o axente 77.804 declarou que el era o único que dispuña dunha escopeta con pelotas de goma e que fixo uso de ela— o Xulgado de Instrución número 21 de Barcelona ditou un auto no que se acordou o sobresemento provisional pola inexistencia de autor coñecido. Nunca se chegou a celebrar o xuízo.

Na actualidade non existe ningún rexistro oficial de vítimas de balas de goma en España que dea conta da totalidade de persoas mortas ou feridas a causa do impacto destes proxectís. Iso leva a que fosen os cidadáns organizados os que de maneira independente levaron a cabo estes rexistros. En 2009 Carles e varios compañeiros empezaron a contactar coas vítimas que ían xurdindo en Cataluña para realizar un primeiro rastrexo e iso lévoos a crear a plataforma Stop Bales de Goma. “Un dos documentos que se estudaron na Comisión foi o informe que nós realizamos, era o máis completo que viran nunca os parlamentarios”, matiza Guillot facendo referencia á Comisión de Estudo de 2013 sobre Modelos de Seguridade Pública e Uso de Material Antidisturbios, na que quedou aprobada a prohibición das pelotas de goma por parte da policía autonómica catalá. O caso de Ester Quintana, unha muller que perdeu o ollo esquerdo no contexto dunha folga xeral en 2012, e a morte de Juan Andrés Benítez a mans de varios axentes de Mossos d’Esquadra a finais de 2013 en Barcelona, foron decisivos para a creación da Comisión e a aprobación das súas conclusións finais.

O mércores 21 de xullo, o Parlament volvía abrir as portas para repensar o modelo policial de orde pública. Esquerra Republicana, Junts per Cataluña, a CUP e En Comú Podem aprobaron crear unha nova comisión para que no prazo dun ano se discuta con expertos como abordar os pasos cara á unha policía máis transparente e respectuosa cos dereitos humanos. Por mor da actuación dos Mossos o pasado 16 de febreiro, cando unha moza perdeu o ollo polo impacto dunha bala de foam, Amnistía Internacional (AI), xunto ao Centro de defensa de Dereitos Humanos Irídia, fixeron chegar aos grupos políticos a necesidade de abrir un debate parlamentario para buscar ferramentas de control que garantan o dereito á verdade, xustiza e reparación ás vítimas de malas praxes policiais. Eduard Martínez, responsábel de relacións institucionais de AI, sinala que xa na lexislatura pasada ambas as organizacións recolleron esta proposta nunha moción e que chega agora, tras un acordo previo que ERC e a CUP fixeron en plenas negociacións para formar goberno.

“O documento que se aprobou é un calco da proposta que nós fixemos e recolle a maior parte do noso contido”, sinala Martínez mencionando a Resolución 50/XIV do Parlament, onde queda aprobada a nova Comisión de Estudo. “Nós non entramos no debate de que modelo de xestión da orde pública é mellor porque todos teñen os seus riscos e vantaxes, o que queremos son mecanismos de control e render contas das malas praxes policiais”. Desde Amnistía Internacional propoñen que se establezan as bases para a creación dun organismo público independente de investigación —así o recomenda o Consello de Europa—, como xa ocorre noutros países como no Reino Unido, onde existe unha Oficina Independente da Conduta Policial en Inglaterra ou o Defensor do Pobo para Asuntos Policiais en Irlanda do Norte.

Amnistía Internacional propón un organismo público independente de investigación, como xa ocorre noutros países como no Reino Unido

Marc Parés, deputado dos comuns, cre que a rendición de contas ten que ser o elemento central que debe abordar a Cámara catalá e que podería ser un punto de encontro entre os diferentes grupos parlamentarios. “A maioría dos axentes non teñen ningún problema en que as súas actuacións estean supervisadas por un órgano externo. Á fin e ao cabo é un mecanismo preventivo, se ti fas ben o traballo non tes ningún inconveniente”. Nesta liña está a proposta de Manuel Soler, fundador e coordinador legal do sindicato Agrupación Reformistas de Policías (ARP), que expón un novo órgano procesual administrativo para o Corpo Nacional de Policía. O seu obxectivo é substituír as actuais unidades de réxime disciplinario, encargadas da instrución dos expedientes sancionadores, por funcionarios non policiais licenciados en Dereito administrativo. “Desta maneira, conseguiríase unha independencia necesaria e brindariámoslle ao corpo a posibilidade dunha instrución limpa e transparente para que fose este organismo e non a Unidade de Asuntos Internos o encargado de trasladar estas investigacións a nivel xudicial cando se trate de feitos punibeis de delito”, detalla. “Na instrución de moitos expedientes desígnase a funcionarios que non teñen capacidade xurídica para avaliar estes asuntos”, engade.

Desde o sindicato trasladouse esta proposta ao titular do Ministerio do Interior, Fernando Grande-Marlaska, o 14 de xullo de 2020, e a resposta foi que se estudaría e adecuaríase no caso de realizarse unha posíbel reforma. “Agradécese que che contesten nestes termos, mais agora fai falta vontade política, senón acaba sendo papel mollado. Non hai máis avances porque actualmente aos grupos políticos tampouco lles interesa reformar a Policía”.

Un debate amplo

Parés mantén que o debate debe de ser moi amplo e pon encima da mesa as armas policiais. “Nós cremos que as ferramentas altamente lesivas, como son as lanzadoras de foam, non se deberían de utilizar por parte da policía democrática”. Desde En Comú Podem propúxose unha moratoria —á data de publicación desta reportaxe aínda non foi votada— para prohibir o seu uso ata que se emitan as conclusións finais da Comisión. Núria Picas, deputada do Parlament por Esquerra Republicana, engade: “Hai que revisar a fondo o uso destes proxectís. Existen casos que non nos gustaron nada, está claro”. “O debate do Parlament tennos que permitir escoitar a voz de expertos e ver cara a onde ir: se eliminalas ou se restrinxir o seu uso”. Unha discusión que xa se viviu en 2013 coas pelotas de goma, mais que agora tras a presentación dun último informe volveuse pór á luz a dimensión dos efectos que provocan estes proxectís.

O impacto das pelotas de goma

Desde o inicio da Transición, en 1976, ata a actualidade, polo menos 23 persoas morreron polas lesións que producen os impactos das balas de goma. A última vítima mortal do Estado español, Iñigo Cabacas, ocorreu en Bilbao en abril de 2012 no marco dun evento futbolístico. Estas cifras inclúen os 14 migrantes que buscaban alcanzar a nado as costas do Tarajal (Ceuta), que faleceron de maneira indirecta despois de recibir os disparos da Garda Civil para impedir que chegasen a territorio español. Este é o balance que recolle o último informe Stop Balas de Goma 2020 presentado polas organizacións Irídia e Novact (Instituto Internacional para a Acción Noviolenta) no pasado mes de xuño.

“O problema é que as investigacións xudiciais non son nin inmediatas, nin exhaustivas, nin independentes”

A pesar de que o seu uso está prohibido polos Mossos d’Esquadra (abril 2014), a Ertzaintza (abril de 2015) e a Policía Foral de Navarra (maio de 2017), nos últimos vinte anos 40 persoas víronse afectadas gravemente polo impacto destes proxectís. Con todo, o que chama a atención é que en ningún dos 40 casos documentados se condenou o autor material do disparo. Só nunha ocasión, o de Cabacas, se responsabilizou un mando da Ertzaintza con dous anos de prisión e catro de inhabilitación por un delito de homicidio imprudente. No caso do Tarajal, a Audiencia de Cádiz decretou o sobresemento libre da causa aberta contra 16 axentes da Garda Civil. Na actualidade o recurso de casación aínda non foi resolto. “O problema é que as investigacións xudiciais non son nin inmediatas, nin exhaustivas, nin independentes. Os axentes continuamente están a traballar nos xulgados como policía xudicial. Cando se produce unha denuncia contra algún funcionario do corpo a investigación queda influenciada pola relación que teñen estas dúas institucións”, especifica Martínez. Segundo o informe de Irídia sobre violencia institucional de 2020 existen 122 axentes investigados en Cataluña, 42 deles pertencen ao corpo dos Mossos d’Esquadra.

Clara Calderó, técnica investigadora de NOVACT e unha das redactoras do devandito informe, comenta que, tras a prohibición do uso das pelotas de goma por parte da policía autonómica de Cataluña, Euskadi e Navarra, nos tres casos substituíronse por unha lanzadora de 40 mm de foam. Calderó detalla que este proxectil recibe o seu nome polo tipo de espuma co que está fabricado e que, a diferenza das pelotas de goma, segue un percorrido específico cando é disparado. A priori deberían de ser menos perigosas, mais matiza: “Suponse que o foam facendo un bo uso, segundo os protocolos e as normativas internacionais, desde a distancia adecuada e disparando ás pernas, provocaría un grao de lesións que se considera asumíbel, mais isto é un debate”. No entanto, non se demostrou que sexa menos lesivo que a bala de goma. Á data de peche do informe identificáronse polo menos dous casos de mutilación do ollo pola utilización deste tipo de proxectil. Laura Medina é avogada especializada en Dereito penal e Dereitos humanos, e a responsábel da área de Dereito á protesta de Irídia. Nos últimos anos viviu de preto a opacidade que existe cando hai que pedir probas aos Mossos d’Esquadra. “É unha práctica case sistemática que non se identifiquen aos axentes. Cando o xulgado lles pide información para concretar os feitos, é habitual que respondan que non a teñen recollida ou que directamente non a poden dar. Moitos casos acaban arquivados porque a vía penal necesita recoñecer ao autor e, é aquí onde comeza unha misión imposíbel”.

Os supostos de uso deste armamento recóllense en procedementos normalizados de traballo, circulares e instrucións administrativas. Mais este conxunto de disposicións é de difícil acceso a ollos do público. A Circular de 2013 sobre o Emprego de Material Antidisturbios da Policía Nacional establecía que estas armas as escopetas Franchi SPS 350 son as que emprega a Policía Nacional para disparar pelotas de gomapoderían ser utilizadas ‘nos termos recollidos no protocolo de emprego progresivo de medios’ e contra individuos ‘cuxa actitude entrañase un risco para policías ou outros cidadáns, ou causasen danos materiais’. En cambio, en 2014 a Defensora do Pobo, Soledad Becerril, constataba que non existe o ‘protocolo de emprego progresivo de medios’ ao que se refire a Circular de 2013. “A nosa sospeita é que non había un protocolo como tal, senón recomendacións dos fabricantes de como facer uso”, apunta Martínez.

Unha das consecuencias da visión monocular é a incapacidade de integrar as imaxes que recibimos a través de cada un dos dous ollos nunha soa en tres dimensións

En canto ao disparo, na circular citada existe pouca información detallada de como deben efectualo os axentes. Así o especifica Calderó: “Sabemos polo que manifestaron varios funcionarios das Unidades de Intervención Policial no marco dun procedemento xudicial, que a policía ten instrucións de disparar as pelotas de goma rebotando no chan. En contra do que marca a lexislación internacional que o prohibe de maneira explícita polo risco que supón a inexactitude e aleatoriedade da súa traxectoria”. Ademais, “ao tratarse de bólas fabricadas en caucho natural vulcanizado” sostén que cando son disparadas adquiren unha forma máis aguzada e unha maior capacidade de penetración se golpean partes do corpo delicadas como os ollos. É significativo que en 18 casos, máis da metade (69%), os individuos recibiron o impacto dunha bala de goma na zona da cabeza, sendo o perímetro ocular o especialmente danado, con 13 de 18 casos, segundo os datos facilitados no informe. Isto contradí o que marca a Guía sobre armas menos letais da ONU que prohibe disparar á cabeza, o pescozo, o peito e a ingua.

Secuelas psicolóxicas

As consecuencias dunha visión monocular son moi extensas, máis aló das físicas. Entre elas destaca a perda de visión estereoscópica, a capacidade de integrar as imaxes que recibimos a través de cada un dos dous ollos nunha soa imaxe en tres dimensións, con relevo e en profundidade. Iso leva importantes dificultades na realización de tarefas cotiás, como expón Carles Guillot: “Porme auga nun vaso convértese nun estorbo, así como subir ou baixar as escaleiras porque non vexo a que distancia exacta están os chanzos nin os obxectos”. Ademais das secuelas psicolóxicas: “Eu mírome no espello e non vexo á mesma persoa. Isto acábache afectando en relacións sexoafectivas ao ter unha sensación constante de se gustarás ou non”.

Os proxectís de foam. 

Medina recalca que nos últimos anos puideron acceder a estas instrucións grazas aos procedementos xudiciais das vítimas, a preguntas parlamentarias dos deputados e por “filtracións” dos sindicatos policiais cando escanearon estas disposicións e as subiron a Internet. Para a realización do informe, desde Irídia enviaron “unha batería enorme de preguntas” na que solicitaban ao Ministerio do Interior as características da escopeta de balas de goma, do proxectil, do redutor de enerxía, así como probas e informes realizados sobre os impactos. A avogada subliña que a resposta de Interior foi dun só parágrafo: “trátase de documentos cuxa divulgación pode carrexar un prexuízo grave tanto para a seguridade nacional como a seguridade pública”. “A transparencia é unha ferramenta de rendición de contas, mais é preventiva, só se coñeces a norma sabes o que poden facer e o que non”, engade Martínez. Na actualidade descoñécese se o Ministerio do Interior está a traballar na prohibición do uso deste proxectil por parte dos efectivos da Garda Civil e a Policía Nacional. A última vez que se pronunciou foi en 2019, cando Marlaska trasladou ao entón conselleiro de Interior da Generalitat, Miquel Buch, a intención de erradicar este armamento cando finalizará o contrato público da súa subministración. Para a realización desta reportaxe enviouse un cuestionario a Interior no que se lle preguntou expresamente se estaba a estudar a posibilidade de substituír estes proxectís. Á data do peche desta reportaxe aínda non se obtivo resposta.

En canto á instrución completa das lanzadoras de foam que fan uso os Mossos, Martínez sinala que levan “dous anos sen coñecela” e que agora por unha “filtración xornalística” de elDiario.es (maio) puideron ter acceso a ela. O documento completo de 14 folios subiuse un ano e medio máis tarde á web da Conselleria de Interior desde que o reclamase o Parlament, e ademais foi en plenas negociacións para formar goberno en Cataluña. Entre a información que Interior ocultou aos grupos parlamentarios destaca o punto 5.4 de “Danos non desexados”, no que se indica que o disparo se ten que efectuar do “abdome cara abaixo” e que unicamente poderá dirixirse contra a “extremidade superior” dunha persoa que mostre “un obxecto arreboladizo [que non especifica], contundente ou arma branca”. Un elemento que podería ser significante na investigación xudicial aberta da moza que perdeu un ollo durante as protestas polo encarceramento de Pablo Hasel.

O marco normativo do uso da forza

O uso lexítimo da forza por parte do Estado a través dos órganos de natureza policial carece xeralmente dunha adecuada regulación e na actualidade non é obxecto de discusión. Así o sostén Luís Ramón Ruíz, profesor Titular de Dereito Penal da Universidade de Cádiz e director da sección de Cádiz do Instituto Andaluz Interuniversitario de Criminoloxía. “En España non existe unha normativa xeral sobre o uso da forza sen a utilización de elementos considerados como armas. As intervencións físicas e con armamento por parte da policía supedítanse a unha serie de principios abstractos recolleitos no artigo 5 da Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade (LOFCS), vixente con poucas reformas desde 1986, e sen a regulación que sería necesaria”. Ruíz explica que, para cubrir esta ausencia de regras escritas, os Tribunais de Xustiza avalían o uso da forza mediante a eximente de cumprimento dun deber. Mais fano a partir destes preceptos xerais e sen ter en conta os manuais de formación que recibiron os axentes. “Se só existe unha doutrina imprecisa que xira ao redor dos principios de proporcionalidade, congruencia e oportunidade, o cidadán que reclame ou solicite unha indemnización está a expensas de que un tribunal interprete de maneira máis ampla ou estrita a aplicación destes principios”. “A Policía Nacional incumpre moitas disposicións pola falta do seu desenvolvemento normativo, isto non é unha novidade”, engade Manuel Soler representante do sindicato Agrupación de Reformistas.

Unha dinámica xudicial que se cristaliza en casos como o de Carles Guillot, en que o Xulgado obxectou que non se podía identificar ao autor do dano ocasionado e que, en caso de poder facelo, habería que eximilo de responsabilidade por valorar que o axente interveu adecuadamente. “Cando solicito na vía administrativa unha indemnización patrimonial, denéganma alegando que eu formo parte do movemento okupa e os desaloxos xeran disturbios. Por tanto, se eu fun de maneira voluntaria a un desaloxo, queda aceptado que a min me pase o que me sucedeu. Esta é a valoración final que fai o Estado”, ilustra Guillot.

O modelo de xestión da orde pública

A xestión da orde pública leva un forte impacto social e económico, ademais dun elevado custo e desgaste tanto para a cidadanía como para a propia organización policial. Esta é a conclusión á que chegaron os expertos consultados para esta reportaxe. Só en Cataluña entre 2017 e 2019 producíronse 18.200 mobilizacións, case 17 de media por día. Así o recolle o Infome d’Avaluació i Propostes de Millora na Gestió de l’Ordre Públic presentado polos Mossos d’Esquadra en xuño de 2020. Esta onda de demandas sociais que viviu os últimos anos Cataluña, coa utilización do espazo público como escenario das protestas, foi aproveitada como unha oportunidade para mellorar a xestión da orde pública e adaptalo cara a un modelo onde a mediación ten un peso cada vez máis importante. Así mesmo, a nova comisión de estudo será clave para redefinir o modelo catalán.

 

Jesús Rodríguez, xornalista e editor de Directa , cubriu nos últimos anos gran parte das mobilizacións en Cataluña. “Os Mossos optaron por un modelo baseado na distancia cos manifestantes e que teña poucos axentes”. Nese sentido, os policías argumentan que necesitan utilizar un abanico de armamento para poder asegurar ese espazo e evitar o contacto físico cos asistentes, sinala Rodríguez. Este é o punto máis conflitivo, ao que Marc Parés engade: “Preocúpanos a resposta policial co modelo que temos actualmente, xa que tende a xerar unha espiral de violencia. En lugar de frear os episodios de desorde pública, o que fan é acentualos polo uso da forza”. Jacinto Soler, secretario xeral da Federación das Unidades de Intervención Policial (UIP), do Sindicato Unificado de Policía (SUP), sostén que en xeral se actúa correctamente e que os protocolos son adecuados nas manifestacións. “Deberíase avanzar en endurecer as penas por delitos contra a orde pública e sobre todo agravar a reincidencia”, apunta. Francesc Guillén Lasierra é profesor de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e durante varios anos foi o responsábel de Investigación da Escola de Policía de Cataluña. Iso permitiulle estudar de preto os modelos policiais que conviven en Europa e España. “O modelo é a ánima do corpo, son os valores e a filosofía que o sustentan. Se tes un modelo policial gubernativo terás un modelo de orde pública normalmente contundente”. Para Lasierra, o corpo dos Mossos obedece a un modelo híbrido que incorpora diferentes elementos segundo a xerarquía e a área onde actúe. “Hai un modelo gubernativo, mais tamén te podes atopar cun de proximidade nas zonas rurais ou, o profesional nas categorías intermedias do corpo que son máis independentes do poder político”. No entanto, sinala que as últimas reformas para dar paso á mediación convertérono nun modelo que se achega máis ao comunitario, orientado ao servizo público.

En Alemaña aplícase unha estratexia que equipara axentes e manifestantes co obxectivo de sacar unicamente da concentración ao grupo violento

Por outra banda, Lasierra cre que o problema das últimas manifestacións en Cataluña reside en que os antidisturbios traballan moitos días sen descanso e con presión. “Empezaban ás cinco da tarde e deica á unha da madrugada aínda tiñas a xente na rúa”. Ao que agrega: “Calquera axente que traballe na xestión da orde pública debe ter moito autocontrol. Cando non comiches nin ido ao baño durante horas, controlas moito menos as túas reaccións”. Só na semana do 14 ao 20 de outubro de 2019, coincidindo no anuncio da sentenza do procés, rexistráronse 877 mobilizacións en toda Cataluña.

Unha mirada posta en Europa

Noutros países europeos como o Reino Unido, prima un modelo de proximidade que utiliza a forza no menor grao posíbel e centra as súas actuacións baixo a lema Policing by consent (vixilancia policial por consentimento). Isto vén dicir que a policía basea a súa lexitimidade en ter a confianza do público, en lugar de impor a orde por pura forza, esclarece Lasierra. “No modelo inglés prima a contención, se hai un grupo moi violento rodéano, e non deixan que entre ou salga ninguén ata que a situación acougue”. Pola contra, en Alemaña aplícase unha estratexia que implica a equiparación numérica de axentes e manifestantes co obxectivo de sacar unicamente da concentración ao grupo violento e permitir o dereito á protesta do resto de cidadáns. Aínda que o experto en modelos policiais advirte: “Para poder facer unha intervención tecnicamente correcta necesitaríanse máis axentes. Porque non é só entrar e coller aos individuos violentos, é detelos, tomarlles declaración e levalos a unha comisaría. E mentres fas todo isto, non estás diante da manifestación”. Actualmente hai 500 antidisturbios na Brigada Mòbil (BRIMO) e 1.000 na área Regional de Recursos Operatius (ARRO), segundo declarou o exconseller de Interior Miquel Buch nunha entrevista para o diario ARA o pasado mes de marzo.

Aínda que é difícil facer unha radiografía precisa das estratexias de control policial que se están utilizando en España debido á escaseza de estudos nesta materia, Lasierra suxire que predomina a incapacitación estratéxica e que o uso da forza virá determinado polo modelo de fondo. Unha técnica de control de masas que ten a súa orixe en Estados Unidos e que foi desenvolvida por varios autores, entre eles, os académicos Patrick F. Guillham e John A. Noakes. Na incapacitación estratéxica distínguese entre manifestantes convencionais e transgresores. No caso dos segundos, a policía aplica selectivamente tácticas máis duras e minimiza o risco para o propio corpo, ao tratarse dun perfil de manifestante que usa formas de protesta impredicíbeis e a miúdo ilegais ao non negociar coa policía. En máis dun 55% dos casos, as persoas convocantes non comunicaron ás autoridades a vontade de manifestarse no período entre 2017 e 2019, segundo os datos facilitados polo informe dos Mossos.

“Cando hai manifestacións de sindicatos convencionais como UXT ou Comisións, o uso da forza policial tolérase bastante, mais se se trata de grupos antimonárquicos ou antisistema a cousa cambia”, expón Francesc. Desde unha posición distinta Soler subliña que existe sempre un mesmo patrón: “En varias manifestacións hai un grupo violento que se escuda na masa para atacar á policía e así alterar a orde”. Con todo, o número de mobilizacións con incidentes entre 2017 e 2019 foi dun 10%, que diminuíu ata un 5% en 2018. Así mesmo, das 877 concentracións que se celebraron na semana post-sentencia só no 19% dos casos (169 casos de 708), se rexistraron actos de vandalismo como queima de colectores ou corte de estradas. Unhas cifras que distan cando se trata do número de detidos, que no mesmo período (2017-2019) se rexistraron un total de 472 detidos, a maioría deles (74,5%) por delitos de desorde pública. Ademais, incrementáronse nun 118% en 2019 con respecto ao ano anterior.

Nos últimos dez anos, o corpo dos Mossos foi incorporando reformas que o achegaron cara a un modelo policial máis próximo a países como Alemaña, Reino Unido ou Suecia. A chegada do Àrea de Mediació en 2011 foi clave para avanzar cara a unha maior proximidade coa cidadanía e rebaixar a escalada de violencia durante as manifestacións. A mediación permite encadrar un clima de confianza e diálogo entre os manifestantes, como sostén Lasierra: “En moitos casos non te pos de acordo, mais si podes deixar claro ata que punto chegará a actuación da policía. E iso sempre acaba tendo algunha influencia positiva”. A estratexia desenvolveuse principalmente en Suecia por mor dos disturbios dos grupos antiglobalización no Cume de Gotemburgo de 2001.

Un corpo en continua mellora

Aínda que é difícil coñecer o funcionamento interno desta área, o corpo dos Mossos decidiu non participar nesta reportaxe pola “sensibilidade” do tema, desde o gabinete de prensa explican que todas as unidades diarias do corpo —unidades de proximidade, de seguridade cidadá e de orde pública— incorporan esta “formación en mediación” e que se trata de “unha ferramenta policial máis”. Tamén indican que este diálogo se pode traballar días antes de que se celebre unha manifestación, e que o seu obxectivo principal é “evitar o uso da forza, priorizando a mediación”. No entanto, non se puido entrar en máis detalle debido a que se trata dun asunto no que “a discreción e o silencio” son a base clave do seu éxito, sosteñen desde o gabinete. Laura Medina, explica pola experiencia que tivo, que normalmente aparecen dous axentes vestidos de paisano ou co uniforme que buscan a unha terceira persoa que faga de interlocutora antes de que actúen os antidisturbios. “Ás veces non están e o que facemos nós é chamalos por teléfono para facer a mediación cando hai protestas de alta tensión”, aclara Medina.

Por outra banda, Eduard Martínez valora positivamente as comunicacións entre Amnistía Internacional e os últimos gobernos cataláns. “Foi unha relación construtiva”, aínda que matiza “nos últimos anos reunímonos con todos os directores xerais da Policía e cos conselleiros de Interior, mais claro estes encontros non sempre se trasladaron en cambios”. Con todo, destaca como froito deste traballo o novo número operativo policial (NOP), que identifica os axentes da Brigada Mòbil (BRIMO) e que se reduciu de 9 a 6 díxitos, ademais de ter unha visibilidade de 360º (aparece gravado con letras claras nos laterais do casco, e nas partes dianteira e traseira dos chalecos que utilizan os antidisturbios). Desta forma, poderá ser memorizado con maior facilidade. “Agora faltaría completar a homoxenización desta identificación en todas as unidades de xestión da orde pública”, matiza Martínez facendo referencia aos axentes do ARRO. Ademais, destaca como outro punto clave a introdución en 2014 das cámaras de videovixilancia nas salas de detención e de interrogatorio. “É algo que beneficia tanto á posíbel vítima como aos propios axentes das denuncias falsas. Ao principio mostraron moitas reticencias, mais na actualidade sacan peito e propágano en conferencias que teñen con outros corpos policiais”, conclúe Martínez.

Desde outro ángulo, Núria Picas cre que se debe avanzar cara a un modelo policial baseado na “confianza mutua” entre “os corpos de seguridade, os servidores públicos e a cidadanía”. Ademais, que garanta que os casos de malas praxes policiais non poñan en dúbida todo o corpo. “Hai que potenciar a mediación e os traballos de intelixencia, sobre todo nos casos que teñan unha dimensión social moi grave”. Sobre se houbese que dotar o corpo da BRIMO de máis axentes responde que habería que ampliar o persoal dos Mossos e afrontar a xubilación anticipada do corpo, mais non especifica se este aumento de axentes debería destinarse ás unidades de antidisturbios. “Non lle podo responder esta pregunta agora mesmo”, afirma. Carles Guillot vai máis aló e sentenza: “Desde Stop Bales de Goma e Ollo co teu Ollo cremos que é imprescindíbel que haxa debates sociais sobre o modelo policial máis aló de Cataluña, e que nunca máis se substitúan as balas de goma polas de foam”. Na actualidade son cada vez máis países os que deciden prohibir este armamento (pelotas de goma). Só en Europa destacan Austria, Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Noruega, Romanía e Suecia, así como a gran maioría de Estados de Alemaña. “Se un policía sae cunha pistola e dispara, e despois pode ir a xuízo, a miña pregunta é: “Para a próxima que saia preferirá coller a escopeta ou a porra?”, finaliza Guillot.

Fonte: infolibre