O 16 de xuño entrará en vigor a Lei Orgánica 7/2021, de 26 de maio, de protección de datos persoais tratados para fins de prevención, detección, investigación e procesamento de infraccións penais.

 

 

A nova norma parte da obrigatoria transposición da directiva europea 680/2016, polo que a iniciativa foi tramitada pola vía de urxencia no Congreso e no Senado. Esa directiva europea foi aprobada polo Parlamento Europeo hai cinco anos e o Goberno de España, liderado na  altura por Mariano Rajoy, debía incorporala ao ordenamento español antes de 2018. Mais, a demora cústanos unha multa de 89.000 euros diarios, alén de 15 millóns que xa tivemos que antecipar.

O novo precepto foi aprobado o 15 de marzo no Congreso dos Deputados con 267 votos a favor,70 abstencións e 4 votos en contra. E no senado foi ratificado con apenas dous votos en contra, o do senador de Agrupación Socialista da Gomera e o meu, senador de Nafarroa e membro de Geroa Bai. De volta ao Congreso recibiu o voto afirmativo, mesmo, de Bel Pozueta, Mertxe Aizpurua ou Oskar Matute. As fidelidades de Bildu co Goberno Sánchez non teñen límites, ao parecer.

A Directiva europea redactouse co obxectivo de mellorar as garantías que as e os cidadáns teñen ante procedementos policiais, mais nótase que o rascuño da lei foi redactado polo PP. O que fai realmente a lei é reforzar o poder da policía a quen cada cidadán ten a obrigación de entregar información persoal comprometida que pode ser utilizada en contra del. A versión hispana da Directiva, tal e como ficou redactada, é xusto a súa contra-réplica.

Con esta Lei, a Administración policial, as súas unidades e axentes, poden obter toda clase de datos, acumulalos, e tratalos como queiran, gravalo todo, en calquera parte, en prol de conceptos xenéricos como os de seguranza cidadá, seguranza nacional, loita contra o terrorismo, delitos graves (cales?), crime organizado, e até para denunciar e sancionar calquera infracción administrativa que apareza por aí.

En troca, todo o que son os dereitos dos cidadáns, que a Unión Europea prometeu nos seus tratados que nos garantizaba, con esta Lei pasan a ser dereitos formais e letra morta. Ou máis ben, en obrigacións para coa policía, frente ao que di mesmo o artigo 24.2 da Constitución española que establece o dereito dos cidadáns a non declararen contra si mesmos. A nova lei obriga a cidadanía ao que nunha palabra poderiamos describir como ‘sincericidio’.

Todos os cidadáns, polo mero feito de o seren, convértense en posibeis sospeitosos de poder cometer un delito no futuro (Minority Report), ao mesmo tempo que a Administración pode conseguir todos os nosos datos persoais, mesmo os máis sensibeis e protexidos, sen necesidade de solicitar o noso consentimento ou de darnos explicacións, podendo pór cantas cámaras, vídeos e gravadoras queira onde queira e cando queira (o Ollo do Grande Irmán) e todo iso sen avisar, claro! A seguranza policial ante todo.

Todo nesta Lei é excesivo e desproporcionado cando se trata de prerrogativas e privilexios das Forzas e Corpos de Seguranza, e de sancións e obrigacións para os cidadáns. Os obrigados son os cidadáns que deben dar toda a información que se lles pida (co que deben mesmo auto-inculparse ante a Policía e o xuíz). Os cidadáns non deben pór dificuldades, nin incomodar coa ladaiña dos seus dereitos de cancelación. Deben soportar o que se lles ordene e, se se opoñen, ser multados con sancións absolutamente desproporcionadas. A Policía e a súa Administración teñen mesmo a facultade de non ter que motivar as súas resolucións cando recusen aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos que a normativa da Unión Europea recoñecía nos tratados.

Con esta Lei, no lugar de avanzar cara a unha democracia moderna (iso que dicía o Preámbulo da Constitución de conseguir unha sociedade democrática avanzada), o que facemos é ir ás presas cara á redución dos nosos dereitos á intimidade persoal e familiar e a que os nosos datos persoais, mesmo os máis íntimos, fiquen nas mans da Policía para os seus fins ou para calquera outros ‘públicos’, incluídos os datos do que pensamos política, relixiosa, sindical, sexualmente…

O cinema e a literatura xa adiantaron o que esta Lei pretende. Fíxoo en Minority Report, o filme de Spielberg con Tom Cruise, e en 1984 co Grande Irmán orweliano. Lembran? Xa o anunciou Orwell: A guerra é a paz! A liberdade é a escravitude! A ignorancia é a forza!

Big Brother is watching you! O Grande Irmán ten os ollos postos en ti!

Koldo Martínez Urionabarrenetxea

Diario16