A parlamentaria socialista Concepción Burgo defendeu a necesidade dun relatorio elaborado pola propia administración, xa que os “únicos” datos relativos á discriminación pola elección de lingua son os que ofrece A Mesa pola Normalización Lingüística. O Parlamento Galego aprobou unha iniciativa apoiada pola totalidade do hemiciclo en que se insta a Xunta a elaborar un relatorio sobre as queixas e denuncias cidadás relacionadas coa “discriminación lingüística” en calquera das linguas cooficiais na Galiza, quer dicir, o galego e o castelán.

.

 

Cartaz a favor da lingua galega

Cartaz a favor da lingua galega | Fonte: Arquivo Galicia Cofindencial

 

A proposición non de lei, presentada polo Grupo Socialista, saíu adiante cos votos de todo o espectro político do parlamento durante a sesión plenaria que acolle o Pazo do Hórreo esta cuarta-feira. En concreto, o texto aprobado pola Cámara establece un prazo de tres meses para que a Xunta realice e presente perante a Cámara un relatorio en que se detalle o número de denuncias ou queixas presentadas durante o últimos seis anos por “dificultar o uso dalgunha das linguas oficiais de Galiza” tanto en entidades públicas como privadas.

Durante a exposición, a deputada socialista Concepción Burgo defendeu a necesidade dun relatorio elaborado pola propia administración, xa que os “únicos” datos relativos á discriminación pola elección de lingua son os que proporciona A Mesa pola Normalización Lingüística.

En base aos estudos desta entidade, resaltou que “máis da metade” das queixas proceden das administracións públicas nos seus diferentes niveis, o que constitúe “un dato preocupante” pois, lembra, son as institucións as que “deben velar polo respecto aos dereitos lingüísticos”.

O PSdeG incluíu na proposición que no relatorio que deberá elaborar a Xunta tamén se teñan en conta as queixas relacionadas co castelán na Galiza, aínda que Burgo matizou que “o que se vulnera” na comunidade “é o galego, non o español”.

“Aquí o castelán non está discriminado”, incidiu a socialista, que aproveitou para recriminar ao Partido Popular o seu achegamento ao discurso de Ciudadanos sobre as linguas cooficiais do Estado e a suposta “imposición” do catalán, o galego e o eúscaro nas súas respectivas comunidades.

“En Galiza cumprimos a lei, cinxímonos ao cadro normativo, acatamos a Constitución, o Estatuto de Autonomía e a lei de normalización lingüística“, aseverou María Isabel  Novo Fariña (PPdeG), que criticou que a oposición “non se distancie do discurso catastrofista en Galiza”. “Fronte ao  monolingüismo,  bilingüismo cordial”, engadiu a deputada popular.

USO GALEGO EN BANCOS

O debate desta iniciativa serviu como continuación doutra proposición non de lei coa lingua galega como protagonista, neste caso polo seu uso nas entidades bancarias, e que provocou o cruzamento de reproches entre o grupo maioritario –PPdeG– e a oposición. A proposta foi tombada polos votos dos populares.

En concreto, a iniciativa, que partía do Grupo de En Marea, propuña instar a Xunta a impulsar unha serie de medidas para obrigar os bancos a aumentar os servizos que ofrecen en lingua galega, xa que, segundo expuxo a deputada Ánxeles Cuña na súa presentación, estes apenas supoñen o 33,3% do total dos contidos de páxinas web, aplicacións móbiles ou caixeiros.

Após denunciar a “redución” de 14 millóns de euros en materia de política lingüística desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, Cuña asegurou que o catalán ou o inglés están implementados no 47% e o 43%, respectivamente, dos servizos que ofrecen as entidades financeiras asentadas en Galiza. “Hai que combater a naturalidade do galego como lingua estranxeira no seu propio territorio”, apostilou.

A parlamentar nacionalista Olalla  Rodil (BNG) sumouse a esta denuncia durante a súa intervención, en que lamentou que en Galiza “non se poida asinar un contrato bancario, unha hipoteca ou un crédito” en lingua galega. “Poder facelo en castelán mais non en galego, que é? É normalidade ou é unha situación de discriminación“, preguntouse  Rodil.

Pola súa banda, Concepción Burgo (PSdeG) subliñou que esta cuestión “vai alén do debate lingüístico” pois se trata de “unha cuestión de dereitos das persoas”. “Que o 50% dos bancos que operan en Galiza teñan catalán e eúscaro mais non galego fala da sensibilidade cara aos idiomas propios”, incidiu, antes de reprochar á Xunta “que non se cumpra” o plano de fomento da lingua no tecido económico aprobada en 2009.

Para dividir o país non conten con este grupo“, espetou na súa intervención a deputada do PPdeG Sandra Vázquez, que defendeu que a Secretaría  Xeral de Política Lingüística “traballa” para que os bancos “implementen” o galego nos seus servizos, aínda que sempre desde “o estímulo” e nunca desde “a imposición”.

Así mesmo, despois de acusar o PSdeG, En Marea e BNG de pretender “destruír a lingua galega”, a deputada popular apuntou que o seu partido defende “a liberdade para o uso das linguas cooficiais” coas que conta Galiza, o que constitúe “unha riqueza”.

Galicia Confidencial