Os deputados son a excepción e é común que leven camisetas reivindicativas, chapas ou outros elementos en defensa de causas que posteriormente defenden mediante iniciativas. Tamén adoitan pendurar cartaces ou faixas na parte dianteira da mesa do seu escano.

 

Hemiciclo galego IX Lexislatura. EUROPA PRESS - Arquivo Hemiciclo galego IX Lexislatura. EUROPA PRESS – Arquivo | Fonte: Europa Press

 

A Presidencia do Parlamento remitiu aos grupos unha proposta que, sob o título de ‘Normas de utilización das salas institucionais, espazos e outras dependencias do Parlamento’, regula por escrito o uso das súas dependencias e recolle, entre outras cuestións, que “se impedirá a presenza de persoas que usen pezas de vestir, accesorios, carteis, fotografías, pancartas ou calquera outro elemento que poida resultar alusivo a algún deputado, organización, institución ou terceiras persoas ou que, de calquera modo, menoscabe o decoro da Cámara.

Está previsto que o documento, sexa abordado nesta semana no Pazo do Hórreo e, como hai grupos molestos con puntos do contido, a Presidencia da Cámara afirma que os criterios recollidos non son “novos” en si mesmos e que non se trata máis que  dunha regulación “por escrito”, sen incorporar “novas restricións”.

A comisión ‘alternativa’ sobre sanidade impulsada en meses pasados pola oposición foi un foco de conflitos polo uso das dependencias da Cámara e a oposición censurou entón a actuación do xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.

Máis recentemente, colectivos como o de ‘Enfermeiras en Loita’ denunciaron “censura” do Parlamento porque lles puxeron obstáculos para accederen á tribuna de convidados con camisolas reivindicativas. E é que o protocolo habitual na Cámara, como lembra habitualmente Santalices nos plenos, determina que non se poden levar este tipo de pezas.

Os deputados son a excepción e é común que leven camisolas reivindicativas, chapas ou outros elementos en defensa de causas que posteriormente defenden mediante iniciativas. Tamén adoitan pendurar cartaces e faixas na parte dianteira da mesa do seu escano.

 

ACTIVIDADE PARLAMENTAR

A proposta remitida aos grupos incorpora outros dous puntos. O primeiro deles relativo á actividade parlamentar e institucional, que fai constar que as salas da Cámara non asignadas aos grupos son espazos de uso “exclusivamente parlamentario e institucional”, polo que persoas e grupos “alleos” ao Parlamento fican “excluídos” do seu uso.

Ao tempo, recolle que “compete á Presidencia autorizar as actividades de carácter non institucional” que pretendan celebrarse fóra dos espazos dos grupos parlamentares, a condición de que non dispoñan nas súas instalacións do espazo ou recursos adecuados para a finalidade da reunión, e cando se trate de sesións en que polo menos algún dos asistentes teñan a condición de membro do Parlamento.

Engade o documento que este uso poderá ser aprobado pola Presidencia sempre que a sala non estea ocupada por actividade parlamentar. Ademais, nos espazos obxecto desta regulación prohíbese ” expresamente” a celebración de calquera actividade “impropia da formalidade dun poder público” ou que pretenda “suplantar, directa ou indirectamente, o papel e as funcións de calquera órgano” que contemple o regulamento da Cámara.

SOLICITUDE

Canto ao procedemento de solicitude, a formulación da dirección da Cámara autonómica é que o uso dos espazos da sede do Parlamento para a realización da actividade parlamentar ordinaria será tramitado polos servizos da Cámara. No resto de casos, “estará suxeito” á autorización da Presidencia.

A proposta é que as solicitudes, en todo caso, deberán ser presentadas cunha antecedencia mínima de 48 horas ao comezo da actividade para a que se pide o uso. Na solicitude indicarase a hora de inicio da reunión e a previsión da súa duración, así como o número estimado de asistentes e unha breve descrición da actividade.

O horario teríase que axustar ao aprobado para a abertura e encerramento da Cámara, salvo excepcións “xustificadas” e que deberían ser “apreciadas favorablemente” pola Presidencia. Finalmente, faise constar que o acceso ao edificio para a asistencia a reunións nas dependencias de uso non parlamentar deberá acreditarse debidamente ante os servizos de seguranza da sede através do Gabinete da Presidencia.

Galicia Confidencial