O Consello Xeral do Poder Xudiciario (CXPX) propón a supresión do recurso de apelación contra determinados autos dos xuíces de Vixilancia Penitenciaria, como os que resolven recursos interpostos contra a recusa de licenzas de saída. Un corte ao dereitos das persoas presas baseado na crise do Covid-19 apesar de nada teren a ver con ela.

Fálase moito, nomeadamente en foros xurídicos, do Plano de Choque proposto polo CXPX para mitigar os efectos que sen dúbida terá a parálise da Xustiza durante o estado de alarma. E, certamente, dá moito de que falar, pois máis que un plano de continxencia parece unha auténtica reforma lexislativa sumamente ambiciosa. en palabras da maxistrada Natalia Velilla, “a proposta de 436 follas, é un documento en que o CXPX, fora da liña, con ansias cumuladas durante anos e con entrincheiramento de ideas que se retroalimentan con absoluta impermeabilidade do exterior, pretende mudar COMPLETAMENTE a administración de xustiza”. Ou, por outras palabras: a moitas parécenos evidente que o CXPX aproveitou a crise para propor unha mudanza radical no modelo de Xustiza e implementar moitas das reformas que leva anos demandando, completamente alleas á crise da Covid-19.
Moitas das propostas máis impopulares xa apareceron en diversos medios: habilitar o mes de agosto (eliminando a posibilidade de as avogadas termos ferias), limitar a oralidade de determinados procedementos, limitar o tamaño dalgúns recursos e limitar a posibilidade de interpor algúns recursos son algunhas delas. Curiosamente, as medidas para desentupir a xustiza visan facer máis difícil o traballo a operadores xurídicos e restrinxir dereitos, mostrando, máis unha vez, que os cortes son sempre feitos por abaixo.
Llamadme Letrado Extraño si queréis.@StrangeLetrado
Si para “desatascar la justicia” lo único que se os ocurre es hacer la vida imposible a los operadores y restringir los derechos de los justiciables, mejor quebnosndejemos de chorradas e instauremos ya la cúpula del trueno.
O “Primeiro Documento de Traballo sobre medidas destinadas a colectivos especialmente vulnerabeis para o plano de choque en Administración de Xustiza despois do estado de alarma” do CXPX propón a supresión do recurso de apelación contra determinados autos dos xuíces de Vixilancia Penitenciaria. Por exemplo, os autos que resolven recursos contra a recusa de licenzas de saída.
RedJurídica Abogad@s@laredjuridica
Una de las medidas más bestias que propone el CGPJ para aligerar la carga de trabajo de los tribunales es eliminar la posibilidad de que las personas presas puedan recurrir en apelación la denegación de sus permisos penitenciarios
Alén do obvio corte en dereitos que supón privar unha persoa presa da posibilidade de recorrer xunto dunha nova instancia, esta medida esconde outros problemas. En primeiro lugar, que os recursos de apelación en materia penitenciaria son os únicos que requeren vir escritos e asinados por un avogado, polo que se un preso decide recorrer en apelación a recusa dunha licenza por un Xuiz de Vixilancia Penitenciaria, terá dereito a que o defenda un avogado público. Ao eliminar este tipo de recursos, a maioría dos presos terán de defenderse polos seus propios medios e escribir os seus propios recursos. Só os internos con medios para contrataren un avogado particular terán o dereito de asistencia letrada.
Por outro lado, outra razón que argui o CXPX para implementar esta medida é que suporá “un aumento da seguranza xurídica por canto en materia de admisibilidade de recursos de apelación contra autos dos Xulgados de Vixilancia Penitenciaria non existe uniformidade actual nos criterios aplicados polas diferentes Audiencias Provinciais”. Quer dicir, procura unha vía de pór orde e evitar que determinadas seccións de determinadas Audiencias Provinciais “rebeldes” utilicen un criterio diferente ao dos seus compañeiros. Trátase dunha unificación da doutrina prisional en xuíces de Vixilancia Penitenciaria (órgaos unipersoais) en lugar de nas Audiencias Provinciais (órgaos compostos por tres maxistrados, máis dificeis de controlar).
Afinal, trátase dunha medida completamente allea á actual crise do coronavirus, que aproveita que estamos coa man na masa para restrinxir o dereito a recorrer dos internos (persoas vulnerábeis por razóns sociais, en palabras do CXPX) e concentrar o poder nos Xulgados de Vixilancia Penitenciaria. Para a súa aprobación é preciso reformar a LOPX cunha maioría cualificada no Congreso que, esperemos, non se consiga.



