En xeral falamos de Dereito, de leis, da xustiza como se a súa actuación tivese consecuencias previsíbeis. Estes son os feitos, esta é a lei, ergo esta a sentenza. Cando falamos da lei nun Estado de Dereito, falamos da súa columna vertebral. Até tal punto que definimos o Estado de Dereito como un Estado “sometido ao imperio da lei”, esquecendo que o interprete ten grande importancia e que incluso en moitas ocasións é mais importante que a propia lei escrita. Por esta razón é tan fundamental o control dos órganos superiores da xustiza. O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Tribunal Supremo, o Tribunal Constitucional, o Ministerio Fiscal ou a Audiencia Nacional deciden sobre o sentido da lei e sobre quen controla as institucións superiores do Dereito. Os integrantes destes órganos supremos, segundo a CE, art 127, non poden ter cargo público, nin pertencer a partidos políticos nin sindicatos mentres ocupen o cargo.
,
.

A justiça do reino dos céus versus a justiça dos escribas ...

 

 

Pero, mais alá da súa independencia e das teorías difíciles e non exactas sobre a interpretación xurídica, está o problema da ideoloxía dos interpretes, dos xuíces, dos maxistrados, dos fiscais, que vai condicionar as súas sentenzas. O espectáculo indecente e deplorábel que mostran os partidos PP e PSOE polo control dos órganos que determinan a política xudicial alcanzou un teito sorprendente neste mandato caducado hai máis de dous anos. Os membros do CXPX non dimiten. Logo de caducar hai máis de dous anos o seu mandato non só non marcha senón que continúa a facer nomeamentos de altos cargos con responsabilidade directa nos casos de corrupción política, na actualidade do PP. De forma indecente e inmoral continúan a renovar as prazas que deciden sobre asuntos do goberno. Escandalizan sentenzas que absolven a quen debería ser castigado.

Pasemos a relatar algúns casos de actualidade. Os romanos dicían cui prodest, a quen beneficia? Este beneficiado é o principal sospeitoso e culpábel do delito. Por exemplo, Cristina Cifuentes sae absolta e cun título de Mestrado sen asistir á clase nin facer traballos e son condenadas só as colaboradoras. A fiscalía pide repetir o xuízo ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. Os Franco, “veraneantes” e desfrutadores dun pazo emblemático deben ser indemnizados cando teñen que entregalo? Ou deben pagar por gozar no verán, gratuitamente, dun lugar privilexiado na Galiza durante 40 anos se esquecemos os anteriores do franquismo? Actualmente temos o “caso das eleccións do 4 de maio en Madrid”, que enfronta as competencias do Parlamento da Asemblea Rexional coas da Presidencia. Competencias da Asemblea apoiadas polos letrados da Cámara que están a favor da validez xurídica das mocións de censura contra a disolución da Cámara e convocatoria de eleccións, admitidas a trámite pola Mesa do Parlamento porque a firma do decreto de disolución de Díaz Ayuso non foi publicada no Boletín Oficial da Comunidade até o día seguinte, cando tería que entrar en vigor segundo a lei electoral.

O Tribunal Superior de Madrid, fronte a posición contraria de importantes xuristas, de catedráticos de constitucional como Javier Pérez Royo ou Ana Carmona, decide a favor da presidenta, dando máis valor a un órgano unipersoal que a outro órgano colectivo, a Asemblea, representante da soberanía popular neste caso. Son numerosos os exemplos que poderiamos relatar nos que a decisión dos interpretes, xuíces, maxistrados, fiscais, nos sorprenden. O Congreso dos Deputados aprobou unha lei por 196 votos a favor e 150 en contra, co apoio da esquerda e dos nacionalistas o 11 de marzo de 2021 para impedir que que o CXPX continúe asignando prazas importante a pesar de ter caducado o seu mandato, mais aínda ten que pasar polo Senado para a súa entrada en vigor.

Diante dos casos que van ser xulgados por corrupción e que teñen como protagonistas o PP, a importante función dos interpretes é moi evidente. O bloqueo, neste caso do PP para renovar o CXPX, O Tribunal Constitucional, o Defensor do Pobo e demais órganos pode responder a esa pregunta que diante dos tribunais facían os romanos, cui prodest. A resposta é a solución ao problema.

Pilar AlleguePILAR ALLEGUE – Nós Diario