presos 1

 

Asistimos, desde hai décadas, a un proceso de inflación punitiva que se materializa no aumento das despesas públicas destinadas entre outras políticas, á chamada modernización e profesionalización do exército, ao aumento do número e medios policiais, a impulsionar reformas penais que supoñen o aumento da poboación encarcerada. Este aumento do recurso ao encarceramento, é debido a que as reformas penais provocan que cada vez haxa máis persoas presas e suxeitas a medidas de seguranza, durante máis tempo e por maior cantidade de novos delitos tipificados, o cal, a medio prazo, xustificará o desenvolvemento dunha industria carceraria moi rendíbel, politicamente, para o Estado e, economicamente, para as empresas privadas e paraestatais que se lucran con ela. Non esquezamos que nos Estados Unidos esta industria é unha das máis importantes das que cotizan nos mercados bolsistas norteamericanos e, portanto, mundiais.

Mulleres asasinadas, violadas e maltratadas que recorreron ao Estado e non se lles brindou protección, persoas afectadas por malversación de fondos, por estafas inmobiliarias, por adulteración de alimentos, bebidas e medicamentos que xamais recibiron a protección legal que o Estado está obrigado a garantir e unha infinidade de vítimas non recoñecidas máis, son a componente humana da construción desta guerra selectiva contra o delito, que xa cobrou en España decenas de millares de vítimas.

Portanto, recoñecer o presocidio, consiste en facer reconto, e sobre todo memoria, non só das vítimas recoñecidas de todo tipo de delitos que por súa vez tamén son vítimas en segunda instancia dun sistema punitivo que as condena a ser convidadas de pedra no proceso penal e o seu desenlace, senón tamén facer reconto, e sobre todo memoria, das non recoñecidas polo seu autor material ou cómplice (o Estado) e negadas sistematicamente. Delas e daqueloutras vítimas cuxo único delito foi non xa desenterrar os cadáveres para as rescatar do esquecemento, senón atreverse a suxerir que existen como tales.

Así, categoría especialmente relevante de vítimas directas do presocidio son aquelas que se produciron en condicións de especial suxeición e custodia por parte do Estado e sobre as que este ten unha responsabilidade máis directa. Mesmo foron identificadas pola propia administración, como son, por exemplo, segundo os propios datos oficiais publicados, as máis de 10.000 persoas mortas en prisión ou logo de seren excarceradas para morrer fóra durante o catro últimas décadas, cuxa vida tería podido ser salvada se se respectase o seu dereito á saúde e á vida.

Son persoas que morreron dentro do cárcere, ou logo de ser excarceradas para que morresen fora, e cuxa causa aparentemente natural de morte foi en realidade a desidia burocrática, a desatención sanitaria, o atraso na súa hospitalización, nunha intervención cirúrxica, ou na aplicación dun tratamento médico especializado, ou a falta de medidas de prevención e educación para a saúde, por non citar o funcionamento mafioso no tráfico e consumo de drogas ilegalizadas en prisión que culmina en moitos casos en supostos enforcamentos e sobredoses. E isto acontece no seo dunha institución, que non esquezamos, habería de ser modélica no respecto estrito das leis como elemento exemplificador para aqueles suxeitos que son privados de liberdade por as teren transgredido, e contodo, moi ao contrario, é o exemplo máis descarado de como os poderes executivos do Estado funcionan con demasiada frecuencia á marxe da lei con total impunidade, dando pontapés en dereitos fundamentais, como é o dereito á saúde e á vida, de persoas que dependen totalmente da súa vontade, e o que é peor, xestionando a instrumentalización destes dereitos, mediante a privación ou concesión dos mesmos como dispositivo de disciplinamento e mecanismo para garantir a gobernabilidade da propia institución.

Mais as vítimas deste presocidio non só foron persoas encarceradas, senón tamén familiares seus que xamais perpetraron ningún delito, nin estiveron imputadas en causa penal algunha. Unhas, en calidade de vítimas mortais, outras de feridas, e moitas máis de maltratadas, foron agredidas con consecuencias irreparabeis por unha curiosa arma: a privación dos dereitos recoñecidos aos seus familiares penalizados e dos seus propios dereitos cidadáns, chegando a sufrir unha condena ás veces consistente na aplicación extraxudicial da pena de morte. Entre estas vítimas invisibilizadas, que ninguén quere contar, e menos identificar, non esquezamos, tamén se contan crianzas e persoas idosas.

Con efeito, ao longo de demasiados anos, alén das vítimas directas, que foron dixeridas dentro do ventre da besta, o sistema de xustiza criminosa practicou o secuestro institucional con millares de persoas cuxo único delito é pertenceren a unha minoría étnica ou consumiren drogas ilegalizadas, privou por centos de crianzas da posibilidade de seren criadas polas súas nais presas, institucionalizou a violencia contra as mulleres converténdoas en vítimas dunha institución patriarcal como é o cárcere,  deixou morrer na estrada centos de familiares por non respectar o cumprimento de condenas nunha prisión situada perto do lugar de orixe da persoa presa (e non só, nin unicamente, foron familiares de persoas presas suxeitas ás políticas especiais de dispersión). En definitiva, condenou e perseguiu a matar a pobreza e a exclusión social. Non foi capaz de aplicar políticas sociais fundamentadas nos principios de reconciliación e reinserción, e apostou definitivamente pola criminalización da pobreza, da inmigración, da diversidade ideolóxica, étnica e cultural.

Mais aínda non chegou o peor. Este presocidio non fixo máis que comezar. Nun futuro as penas ainda serán máis duras, e non nos deberá sorprender que no Reino de España, alén da xa reinstaurada condena perpetua de facto, sexa reinstaurada formalmente a pena de morte e outras penas corporais e de tortura, ao máis puro estilo da Inquisición, propias do Antigo Réxime, anterior á modernidade, inspiradas no retorno ás obscuras épocas da historia europea en que se apelaba á vinganza penal como doutrina da seguranza, claro, da seguranza do Estado, non da cidadanía.

As preguntas resultan obvias. Esta actuación por parte do Estado que efectos sociais provoca?, elimina de raíz a violencia ou, ben ao contrario, xera resentimento ou desexos de vinganza nos sectores sociais perseguidos e estigmatizados?, ten por obxectivo eliminar a violencia manifesta ou impulsionar estruturas para provocar e incentivar a violencia social necesaria que xustifique a necesidade de máis seguranza, de máis tutela represiva por parte do Estado, de máis man dura?, estas tendencias buscan a seguranza das persoas ou inxectar o medo nas persoas? Estas son as preguntas que ha de responder quen cos seus votos apoia as actuais maiorías. Que non lles pase nada se pensan que o resultado de toda esta inflación punitiva, de todo este presocidio, será menos violencia ou máis seguranza para eles e as súas familias. Xa o din as “Escrituras Sagradas”, o que sementa tormentas, tan só recolle tempestades.

Viento del Sur