As 15 persoas do Open Arms chegan ao Reino de España en pleno colapso das solicitudes de asilo: hai máis de 100.000 expedientes por resolver, entre eles os do Aquarius.

 

Llegada del buque 'Audaz' al puerto de San Roque. / EP                     Chegada do buque ‘Audaz’ ao porto de San Roque. / EP

 

As 15 persoas migrantes africanas rescatadas polo Open Arms no Mediterráneo e conducidas despois ao Reino de España polo buque da Armada Audaz poderían acabar sendo expulsadas do país. É o “absurdo” dunha política migratoria que accede ao acollemento de persoas que arriscan a vida no mar por razóns humanitarias mais se eterniza nos trámites administrativos porque non conta cos recursos suficientes para dar unha resposta inmediata. Denúnciao un porta-voz da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR).

Catro da Eritrea, tres do Sudán, outras tres de Gambia, dúas de Ghana, unha de Nixeria, unha de Liberia e outra da Etiopía. Espérase que as 15 persoas (14 homes e unha muller, de entre 18 e 30 anos) que desembarcaron no porto de San Roque (Cádiz) pidan asilo en España. É un dereito do que se lles informou á chegada no Centro de Atención Temporal de Estranxeiros (CATE), dependente do Ministerio do Interior, onde estiveron asistidas por persoal de ACNUR e intérpretes das súas respectivas linguas. Antes, unha equipa da Cruz Vermella comprobara que estaban en bo estado de saúde.

Nestes momentos están no Centro de Estadia Temporaria O Campano, en Chiclana de la Frontera, que ten quiñentas prazas e onde serán as únicas ocupantes. Neste centro dependente do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguranza Social, que foi inaugurado no ano pasado como complexo para acoller persoas estranxeiras, a estadía costuma ser de entre tres e quince días, segundo explica un porta-voz da Cruz Vermella.

E despois, que? Despois agárdaas un longo percorrido de trámites e transferencias até encontraren o seu destino final. De momento, tal e como explicou o Goberno en funcións nun comunicado, contan cunha autorización excepcional de entrada por razóns humanitarias e, en función dos compromisos adquiridos por España, de sete días de duración para que formalicen a súa solicitude de asilo, se así o estiman.

 

El Open Arms entrando en el puerto. /Reuters

 

As do Aquarius aínda esperan
O que virá despois é unha todo un enmarañado administrativo. Estas quince persoas migrantes chegan nun momento en que 100.000 solicitantes de asilo en España ainda esperan unha resposta á súa petición. Entre elas, as que chegaron no verán do ano pasado no Aquarius e o Open Arms despois de Italia e Malta fecharen os seus portos. “Até onde coñecemos, estas persoas continúan esperando en diferentes fases do sistema de asilo a resolución das súas solicitudes de protección, aínda que xa comezamos a ver casos de denegación do dereito de asilo ou a protección subsidiaria”, denuncian desde CEAR.

“Isto preocúpanos, porque estas persoas que foron rescatadas no alto mar, nas costas de Libia, e que posteriormente España accedeu a acoller, se lles recusa o o asilo e non se lles concede ningún tipo de protección, ficarán en situación irregular administrativa, co risco de que se lles abra un procedemento sancionador e sexan expulsadas”, denuncia o portavoz de CEAR.

Todo iso, insisten desde a organización, “incorrendo no absurdo de que a persoas que fuxiron dos seus países e pasaron por Libia, onde sufriron malos tratos e tortura física e mental, persoas que despois foron rescatadas no mar e España accedeu a acollelas, agora é recusado o acceso a documentación e son empurradas á precariedade, xa que non terían autorización de traballo nin residencia e poderían ser deportadas”.

As oficinas, colapsadas
A CEAR, que ten xa 40 anos de traballo en apoio dos refuxiados en España, denunciou que as solicitudes de asilo acumúlanse nos caixóns da Oficina de Asilo e Refuxio (OAR). Os seus traballadores xa advertiron no pasado ano dunha situación de “colapso” á que non axudou o cesamento de boa parte do persoal e a súa substitución por persoal novo. Se a finais de 2018 había 63.000 solicitudes pendentes de resolución, agora xa se superan os 100.000 expedientes bloqueados.

O Open Arms entrando no porto. /Reuters

Porta-voces da CEAR explican que o acceso ao procedemento de asilo no que respecta a prazos para formalizar a entrevista é diferente en función da provincia. Nunhas pode demorar “poucas semanas ou días en ser formalizado o asilo e noutras pode demorar meses”, polo que, segundo onde foren, poderán realizar a entrevista “máis ou menos tarde”. Lembran ademais que no caso do Aquarius foron priorizadas estas entrevistas de asilo e apuntan a que neste caso podería ocorrer o mesmo.

Unha vez feita a entrevista, no prazo dun mes saberase se é admitida a trámite. Mais “as resolucións ás solicitudes de asilo poden demorar entre 6 meses e varios anos”, matiza a CEAR. Así, a resolución dos casos dos migrantes recentemente chegados podería prolongarse durante anos. “A partir dos 6 meses desde a entrevista as persoas que o solicitan adquirirán unha autorización de traballo en tanto durar o procedemento”, indica. Mais, en definitiva, se estas 15 persoas piden asilo en España e non se tramitan de maneira preferente, terán que esperar como os máis de 100.000 casos pendentes de resolver na OAR.

O Goberno, en boca da secretaria de Estado de Migracións en funcións, Consuelo Rumí, defendeu a necesidade de “adaptar” o sistema de acollemento a solicitantes de protección internacional en España á “nova realidade” marcada polo aumento dos pedidos de asilo, á vez que advertiu do “colapso” do sistema e de lugares de acollemento por parte daqueles que piden asilo mais non son beneficiarios.

CRISTINA ALONSO

La Información