O Reino de España en risco de ser degradado a democracia “imperfecta” pola xestión do goberno de Mariano Rajoy do caso catalán. No Índice da Democracia, que cada ano elabora o influente think tank británico The Economist Intelligence Unit (EIU), a cualificación do Reino de España en 2017 foi rebaixada de 8,30 a 8,08 puntos, ao límite entre “democracia plena” e “imperfecta”.

 

rajoy rei GTRES

 

 

A rebaixa é debida a que o goberno español “impediu pola forza a ilegal consulta sobre a independencia de Catalunya do 1 de outubro e ao seu tratamento represivo dos políticos independentistas”, segundo o relatorio, onde se alerta que eses movementos do goberno español -a represión policial do 1-O, a aplicación do 155- levaron o Reino de España a unha situación de perda de calidade democrática.

A posición de España no ranking EIU de 2016 foi citada polo rei Felipe V no Foro de Davos para acreditar a solidez da democracia española.

EIU é unha unidade independente dentro do grupo que encabeza a revista The Economist, e ofrece consultoría e análise de industrias e países. Tamén elabora relatorios, como o Índice da Democracia.

O Índice mede cinco variabeis entre un e dez puntos: pluralismo e proceso electoral, liberdades civís, funcionamento do goberno, participación política e cultura política. Onde o Reino de España fica peor é neste tres últimos parámetros pois ocupa a 19ª posición, o último estado entre as “democracias plenas”. Noruega encabeza o ranking con 9,87 puntos.

Entre as “democracias imperfectas” figuran Italia, Xapón ou os Estados Unidos (cada un con 7,89 puntos) ou Francia (7,80 puntos), por diferentes motivos: Italia ten baixa puntuación polo [mal] funcionamento do seu goberno, Xapón pola baixa participación e Francia pola súa cultura política.

Progresión de España no ranking EIU (2006-2017)

O ranking pon de relevo que a democracia española está nas horas máis baixas das últimas décadas. Os autores teñen claro cal é o motivo: a actuación represiva do goberno español contra o independentismo catalán: “O executivo tentou parar pola forza o referendo ilegal catalán do 1 de outubro e deu un tratamento represivo aos líderes independentistas”, sentencian os expertos.

“Após a declaración unilateral de independencia do Parlament, o goberno español suspendeu o autogoberno. Varios líderes independentistas foron encarcerados e enfróntanse a graves cargos criminais, que poden comportar 30 anos de prisión se son declarados culpabeis”, engaden sobre a situación política.

Por outra banda, o estudo tamén menciona a súa preocupación polos delitos de rebelión e sedición, que non existen noutras democracias europeas e coas que se tenta parar a vía independentista.

Legalismo exacerbado

Se o Reino de España continuar incorrendo nos mesmos comportamentos, en 2018 podería caer de categoría e sumarse á fila das “democracias imperfectas”, segundo Joan Hoey, a directora para Europa de l’EIU.

O “legalismo exacerbado para responder ao que é esencialmente un problema democrático e unha votación democrática non é a marca dun goberno que valora a democracia e quere expandila”, argumenta Hoey.

O relatorio tamén denuncia a persecución por sedición e rebelión contra os líderes independentistas e o encarceramento dos Jordis, de Oriol Junqueras e de Joaquim Forn. “Actualmente”, engade Hoey “nunha democracia moderna, ver cargos electos procesados por causas que parecen como mínimo arcaicas non axuda o Reino de España a ser considerado unha democracia plena, das que só hai 19 no mundo”.

O último país da lista é Corea do Norte.

Fonte: El Nacional